21 de xuño de 2011

Lucidez na loucura


Rubén Martínez Alonso debuta na narrativa co retrato psicolóxico dun demente que se rebela contra a falta de liberdade nunha sociedade alleante

"A hipocrisía contaxiarase entón ó eido público dende o privado, ás relacións sociais, porque os individuos xa non son capaces de concibir un mundo sen mentiras, falsidades, sen praceres colectivos que satisfagan á masa, ó tempo que impiden a realización do suxeito, do singular, do ego". É unha das reflexións do protagonista de 1980 (ano cero), a primeira novela de Rubén Martínez Alonso, que acaba de editar Toxosoutos. Un monólogo dunha persoa lúcida na súa loucura.

É o teu primeiro libro, aínda que xa publicaras algo de poesía en "Dorna". Non é un pouco arriscada a túa opción polo monólogo?

O protagonista é un demente e iso dá pé a reflexionar sobre moitas cousas. É case todo monólogo, si, menos algo de diálogo que lle dá axilidade, aínda que moitas veces non sabemos con quen fala, moitas veces fala consigo mesmo...

É unha persoa cunha enfermidade mental, con dobre personalidade, pero fai críticas moi acertadas dunha sociedade que ve como alleante e destrutiva...

Desexa a morte, e vai argumentando esa arela nas súas experiencias. E ó mesmo tempo vai asumindo a personalidade dos outros personaxes dos que fala. E cuestiona, critica, a sociedade. O xogo é que se podería darlle a volta á historia, sendo os tolos os demais, pois el pregúntase quen pode sentirse libre no cárcere que é o mundo.

Que é este libro, se tiveras que definilo nunha frase? Cal é o tema fundamental?

A liberdade de escoller como vivir a túa propia vida.

O que conta ocorreu no pasado. E hai varios pasados nun...

Presente, pasado e futuro están mesturados, en realidade. Só hai esa data que el asocia a un feito traumático. O tempo, como o espazo, quedan nun segundo plano.

O que si está claro é que o marcou a súa infancia, o maltratamento...

Ten bos recordos da súa infancia. Pero tamén hai unha crítica ó maltratamento, e ó amor mal entendido que en realidade é dependencia e que leva a consentilo. E, si, a idea de que a infancia é unha etapa que nos marca moito.

Pero o protagonista tamén é crítico consigo mesmo, non si?

Si, porque se decata de que é moi semellante a seu pai. El ten unha personalidade herdada, e non é capaz de ser doutra maneira. Seu pai tamén fora maltratado. É unha violencia que vai pasando de xeración en xeración. E a única saída que el ve é a morte.

Rexeita a sociedade pero tamén se sente moi só...

Séntese só porque non se sente comprendido.

LER MÁIS EN GALICIA HOXE