17 de abr. de 2012

Próxima publicación do libro V do Códice Calixtino, a Guía medieval do peregrino


X. EDUARDO LÓPEZ PEREIRA ofrece unha nova edición ampliada e anotada da súa tradución. O libro presenta o texto bilingüe latín- galego


Ofrecemos aquí o quinto dos libros que compoñen o Códice Calixtino, que recibe tal nome do papa Calixto (1119-1124), universalmente coñecido como Guía do peregrino polo seu contido, que o propio autor define así: “Escribín todo isto para que os peregrinos, con esta información, poidan prever os gastos necesarios para a súa viaxe, cando saian para Santiago. Grazas a el conservamos a descrición de moitas vilas que percorreu, de igrexas e sartegos que visitou, de hospitais e de hospederías polos que pasou, e mesmo imprescindibles referencias de persoas, boas e malas, que atopou ao longo do camiño, para rematar cunha fermosa e completa descrición da cidade de Santiago, das súas prazas, das súas sete portas e, sobre todo, da súa catedral e do ambiente que xa daquela a arrodeaba, onde  se ofrecían aos peregrinos todo tipo de mercadorías, dende "vieiras ata botas de viño, zapatos, mochilas de pel de cervo, bolsas, correas, cintos e ata herbas medicinais”.