30 de nov. de 2012

PRESENTACIÓN DO LIBRO BILINGÜE TIGRES DE TERNURA / TENDER TIGERS DE CLAUDIO RODRÍGUEZ FER



Julián García, Claudio Rodríguez Fer, JoDee Anderson presentandoTender Tigers

O xoves 29 de novembro, ás oito e media da tarde, presentouse na Librería Biblos de Lugo a obra Tigres de ternura / Tender Tigers, do escritor lucense Claudio Rodríguez Fer, publicada pola Editorial Toxosoutos en edición bilingüe galego-inglés de Kathleen N. March. Interviron no acto o propio autor, e a profesora norteamericana JoDee Anderson, da Facultade de Humanidades de Lugo.
O poeta Claudio Rodríguez Fer recibiu, hai agora trinta anos, o Premio da Crítica Española por Tigres de ternura, libro xuvenil, lúdico, erótico e vangardista que alcanzou tres anticonvencionais edicións manuscritas entre 1981 e 1983, ilustradas por Carmen Blanco. Agora preséntase en edición bilingüe galego-inglés feita pola catedrática e crítica norteamericana Kathleen N. March, con debuxos da  ilustradora estadounidense Kimberleigh Martul-March. Ademais, Claudio Rodríguez Fer, traducido a numerosos idiomas, é autor de medio cento de obras como poeta, narrador, autor teatral e ensaísta. Exerce a docencia na Facultade de Humanidades de Lugo e é director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago. Foi profesor nas Universidades da Cidade de Nova York, de Bretaña Sur e da Alta Bretaña, onde foi investido este ano como Doutor Honoris Causa. Proximamente presentará Tigres de ternura / Tender Tigers en Nova York.

23 de nov. de 2012

TIGRES DE TERNURA en Lugo


29 NOVEMBRO 2012 20:30 LIBRERIA BIBLOS DE LUGO

A Librería Biblos invitavos á primeira presentación dun libro que se fará no seu novo local, situado na Avenida de Ramón Ferreiro (Torres do Seminario), o xoves 29 de novembro, ás oito e media da tarde.

Presentarase a obra Tigres de ternura / Tender Tigers, do escritor lucense Claudio Rodríguez Fer, publicada pola Editorial Toxosoutos en edición bilingüe galego-inglés de Kathleen N. March. Intervirán no acto

 o propio autor e a profesora norteamericana JoDee Anderson, da Facultade de Humanidades de Lugo.

Claudio Rodríguez Fer recibiu, hai agora trinta anos, o Premio da Crítica Española por Tigres de ternura, libro xuvenil, lúdico, erótico e vangardista que alcanzou tres anticonvencionais edicións manuscritas entre 1981 e 1983, ilustradas por Carmen Blanco. Agora preséntase en edición bilingüe galego-inglés feita pola catedrática e crítica norteamericana Kathleen N. March, con debuxos da ilustradora estadounidense Kimberleigh Martul-March.

Claudio Rodríguez Fer, traducido a numerosos idiomas, é autor de medio cento de obras como poeta, narrador, autor teatral e ensaísta. Exerce a docencia na Facultade de Humanidades de Lugo e é director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago. Foi profesor nas Universidades da Cidade de Nova York, de Bretaña Sur e da Alta Bretaña, onde foi investido este ano como Doutor Honoris Causa. Proximamente presentará Tigres de ternura / Tender Tigers en Nova York.
 


 Presentación en Librería Biblos de Lugo:

http://www.facebook.com/events/435479056514963/

Reseña en Praza Pública:
http://praza.com/cultura/2692/tender-tigers/

Entrevista en TVG:
http://www.crtvg.es/crtvg/canles-tematicas/corte-a-corte/claudio-rodriguez-fer-presenta-a-reedicion-bilinguee-do-poemario-tigres-de-ternura-publicado-por-primeira-vez-en-1981

12 de nov. de 2012

Os Pedrón de Ouro, por Ramón Nicolás

É un luxo volver a ollada á colección narrativa na que, durante moitos anos, Ediciós do Castro veu dando a coñecer os relatos galardoados dun certame como é o “Modesto R. Figueirido”, concurso que gañou a pulso un lugar preferente nas convocatorias anuais de premios literarios. Atesóuranse aí ineludibles e extraordinarias voces que foron asentándose, malia que algunhas delas talvez fosen quedando no camiño, no panorama da nosa creación en prosa ao longo de case os últimos corenta anos. É moi longa a nómina de textos galardoados, abofé, pero non quixera deixar de subliñar que desde este chanzo prestixioso transitaron xentes do mundo literario que hoxe en día seguen a vivificar e representar parte do mellor das nosas letras.       A desaparición de Ediciós do Castro como tal e o pasamento de Isaac Díaz Pardo engadiron o efecto colateral da interrupción da publicación destas compilacións de relatos curtos. Entendo como unha aposta para non deixar morrer o proxecto, así pois, que Toxosoutos decidise adoptar a iniciativa de sumar ao seu catálogo as narracións premiadas en 2010 e 2011, abrindo deste xeito unha nova e esperanzadora etapa de colaboración entre a Fundación Pedrón e Ouro e a editoral noiesa, algo polo que cómpre felicitarse.     Ademais, esta edición goza dun atractivo especial ao contemplar un estudo previo a cargo de Xosé Ramón Fandiño Veiga no que, entre outros extremos arredor da historia do premio, inclúe unha útil relación de premios, xurados e concellos patrocinadores das trinta e sete ininterrompidas convocatorias, ficando constancia aí das máis de cen voces galardoadas ata o de agora. Sen dúbida, unha valoración cumprida do que se premiou e quen o premiou deitaría algunhas conclusións moi interesantes, mesmo de corte sociolóxico, que non é momento de abordar aquí.     Mais cómpre falar dos relatos galardoados, malia que sexa brevemente. A edición de 2010 acadouna Xosé A. Naz Fernández, cunha proposta que afonda, con axilidade e excelente documentación, na temática histórica; do mesmo autor incorpórase outro texto co que acadou un accésit onde o máis relevante me parece o suxestivo xogo de perspectivas narrativas que exhibe; Clara do Roxo ofrece, pola súa parte, unha historia sustentada nunha borrascosa relación entre unha nai e mais a súa filla, que serve para revelar claves dun pasado doloroso. Completan esta primeira entrega dignos e interesantes relatos de Francisco Castiñeira, Alberte Momán e F.R. Lavandeira     Por último, a edición de 2011 comeza coa proposta de Amancio Liñares Giraut, a meu entender unha verdadeira novela curta como as tres premiadas nesta ocasión, quen con ironía, aguillón crítico e unha estrutura acaída, relata vivencias a cabalo entre os EUA e Galicia desde o pensamento dunha curiosa protagonista. Pola súa parte, Ledicia Costas déixanos unha intensa historia de fondo calado social e de moitos soños rotos personificados nunha muller sometida a vexacións e, por último,  é Xaime Domínguez Toxo quen se achega aos eidos dunha distopía construída desde os alicerces que ofrecen os conceptos de destrución, soidade e incomunicación.       Os meus desexos de boa andaina para estes galardóns e oxalá continúe este proxecto en anos sucesivos.

5 de nov. de 2012

E POR FIN, O AMOR

Recital de poesía amorosa E POR FIN O AMOR   Claudio Rodríguez Fer Renata Otero Pablo Fidalgo Lareo   Martes 6 de novembro ás 21.00 h. Pub Modus Vivendi Praza de Feixoo Santiago de Compostela