O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

4 de abr. de 2012

Once anos do Premio Historia Medieval de Galiza e Portugal

O próximo 28 de abril farase entrega na Igrexa de Santa María a Nova (Escultor Ferreiro s/n) de Noia o XI PREMIO DE HISTORIA MEDIEVAL DE GALIZA E PORTUGAL e presentarase a edición do traballo premiado A NOBREZA NA LÍRICA GALEGO-PORTUGUESA, de ANTONIO REY SOMOZA.  O académico Henrique Monteagudo, como presidente do xurado composto por Xerardo Agrafoxo, Clodio González, Pedro G. Vidal e Marcos F. Ferreiro estarán presentes no acto que se celebrará ás 13.00h.

27 de mar. de 2012

Novidades editoriais


Prologados polo seu amigo e colega de investigacións Carlos Gegúndez López, os poemas deste libro descóbrennos un romántico de novo cuño, que ten no amor e as súas vicisitudes o tema central —e case que único— destas composicións, inzadas de declaracións apaixonadas a un ti omnipresente, destinatario duns versos onde os afectos teñen nos eidos labregos, as singraduras marítimas e os territorios da beiramar os escenarios propicios para o canto namorado.
Contando coa complicidade de carpinteiros de ribeira, mariñeiros e traballadores de estaleiros, o alumnado cumprimentou enquisas de vocabulario que logo foron depuradas e fixadas lexicograficamente polo profesorado coordinador, quen as dispuxo para a súa edición en campos temáticos, acompañándoas de numerosas ilustracións e mapas léxicos e engadindo, a maiores, á tradución de cada voz galega ao portugués, inglés, francés e castelán.
Un traballo este No meu mar, na miña lingua. Léxico de embarcacións e deportes naúticos modélico por canto amosa as extraordinarias posibilidades que poden xurdir do traballo compartido entre alumnado e profesorado, xuntos nesta ventureira angueira de recuperación do patrimonio lingüístico de noso, aquí definitivamente rescatado grazas á xenerosa aposta editorial de Toxosoutos.