O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.
3 de xan. de 2013
Miro Villar e Moncho Iglesias
Miro Villar consegue con este Breizh, particularmente, volver interesarme polo xénero do haiku. Os seus poemas, exhibindo un dominio técnico extraordinario, destilan esencialismo, instantaneidade, sensibilidade, espiritualidade e reclaman lecturas suxestivas, golpes na conciencia máis alá do puramente paisaxístico, máis alá do escrito. Ao meu ver, un volume no ronsel do gran Novoneyra e doutros poetas que transitaron polo xénero con gran fortuna. Talvez un dos grandes libros deste ano. Parabéns! (Ramón Nicolás. LER ARTIGO COMPLETO). // "Escribir en Palestina non é chorar/ é soñar que viviches sen entender qué soñaches" (LER ARTIGO COMPLETO SOBRE pedras de Plastilina, de Moncho Iglesias)
22 de dec. de 2012
Olga Novo gaña o XII Premio de Historia Medieval de Galiza e Portugal
O xurado composto por Henrique Monteagudo, Clodio González, Xerardo AgraFoxo, Pedro G. Vidal e Antonio Rey concedeu o premio a Olga Novo polo seu traballo
Leda m' and' eu. Poética erótica medieval galaica: á procura da nosa intrahistoria,
centrado nos textos líricos da escola trobadoresca, que aborda os contidos de xeito multidisciplinar, manexando instrumentos da historia social, do dereito e da antropoloxia histórica. Trátase dunha obra que busca coñecer a alma da Galicia medieval, enmarcada no Occidente europeo, por medio da súa concepción do mundo erótico e da realidade das súas prácticas. Analiza a historia da sexualidade desa época, a súa repercusión socio-política e mental, a oposición de xéneros nos diferentes grupos da poboación, a participación do pracer transgresor e das súas formas e códigos na cultura dun pobo, incluídas a marxinalidade e a obscenidade. Falamos dunha cultura de dobre moral, de intención relixiosa e controladora, que este estudo explica de maneira interdisciplinar, politemática, ampla e seria, pero detallada nas ideas (mesmo filosóficas) e documentada con especial precisión nos textos líricos galego-portugueses con toda a súa diversidade.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)

