O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

15 de maio de 2013

Moncho Iglesias, dando que ler.

A miña colaboración en Toxosoutos comeza nun café; nun intercambio de sorbos e aromas literarios que fumegan silandeiros en cestos de carrapuchiñas vermellas fotografadas en versos. Esa primeira cunca permite que as borras se debuxen soas, trazando liñas invisibles entre a distancia do papel ao lapis, e que de vagar se peguen nos panos doutros proxectos. Traducindo os pos insomnes da palabra vertida e morna, Toxosoutos é a galleta doce coa que acompañar os cafés xurdidos daquel primeiro grolo; un condimento por si mesmo que adereza calquera mesa e que, como a música da cafeteira para quen espera un bo café, disfraza o silencio con palabras que non se borran. 

© Moncho Iglesias

Rubén Martínez Alonso, dando que ler.


A dicir verdade, non lembro o momento no que naceu a editorial Toxosoutos. Cando en 1988 botou a andar, eu tiña tan só oito anos. Sen embargo, levaba xa algún tempo sendo partícipe dun cambio que non deixaba de abraiar ós meus pais: o galego, por fin, entrara nas aulas. E a súa literatura achegábanos agora a escenarios moito máis próximos, voando outras veces sobre os cantís onde morren os prexuízos, acomplexados monstros daquela longa noite que as primeiras raiolas semellaban cegar, batendo entón contra as paredes dunha cela agora baleira. Tal vez fose daquela cando naceu en min un desexo, o de berrar dende o silencio dunhas palabras impresas, apostando Toxosoutos, unha vez máis, polo autor novel, arriscando no prelo o papel que hoxe é singular voceiro. Perpetua será a débeda daqueles ós que se lles brindou a oportunidade. Sempre agradecido. Por outros 25 anos!
© Rubén Martínez Alonso