O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.
Amosando publicacións coa etiqueta GUILLERME COEN. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta GUILLERME COEN. Amosar todas as publicacións

5 de abr. de 2013

Guillerme Coen... dando que ler

Hai preto de cinco anos que a Editorial Toxosoutos publicou o meu primeiro libro titulado A Calor dun Niño, e quero que sexa a principal reflexión deste escrito porque foi moi importante para min.   Daquela -era o ano 2008-, había outro espírito para a lingua galega nos xornais, na TVG, na sociedade en xeral. O meu libro era outro gran de area na longa praia dunha normalización positiva para o noso país. A enerxía editorial coa que se fundara Toxosoutos non estaba á quenlla dos valores económicos que tanta tristeza deitaran vinte e cinco anos máis tarde. E a inxustiza administrativa coa que se tratou a nosa fala aínda non estaba coa cadea de "armónico" coa que chegaría retratar estes derradeiros anos escuros de maiorías absolutas.   Por iso, hoxe en día, a existencia da Editorial Toxosoutos ten máis valor ca nunca para que poida denunciar o individualismo social dunha Galiza reprimida, a violencia económica das entidades financeiras, a dobre moral da relixión católica e o materialismo salvaxe destes novos líderes políticos conservadores.   Deus queira que poida celebrar outros vinte e cinco anos da Editorial Toxosoutos con outras tantas obras na lingua dos meus devanceiros, aos que nunca esquecín. E seguirei defendendo.   © Guillerme Coen.     

16 de nov. de 2011

Guillerme Coen presentou onte en Compostela o seu último libro


O compostelán Guillerme Coen, administrativo en Novacaixagalicia e con 52 anos, presentou onte a súa segunda novela, Brais, editada por Toxosoutos, que ten como protagonista a un estudante de Filosofía e Letras da USC, orfo de pai e sen medios, quen intenta recuperar a súa xuventude roubada a través de variadas experiencias. A novela, segundo Guillerme, «gusta moitísimo, máis que nada pola fala, pois intentei empregar unha fala popular, porque é unha historia sinxela, e pola trama que conta, xa que hai un transfundo no que metín de todo, mostrando os problemas que hai hoxe en día». Aínda que non é unha historia real, o escritor aclara que Brais está inspirada por unha nova que leu nun xornal sobre un rapaz de Pobra do Caramiñal. «Poder xubilarme e dedicarme á literatura sería meu soño dourado», confesa Guillerme, que non se xubilou por tan so dous anos, e que leva catro asistindo a un taller literario en Vite.

26 de out. de 2011

Novidade editorial: Guillerme Coen publica a súa última novela


Guillerme Coen
Brais
Serie Nume
13x21cm
13 euros
175 páxinas
------------------------------------------------------
Unha novela sublime, equilibrada, sedutora, que ofrece acubillo as máis retortas paixóns da alma humana nunha época tan difícil para a mocidade galega como para o resto do mundo.

Guillerme Coen é un escritor coa forza extraordinaria dos mestres narradores. Tratou cunha admirable consistencia o gran tema da xuventude actual: á busca da propia identidade. Unha novela admirable e ateigada de maxia dende a primeira ata a derradeira páxina.

Personaxes ben construídos, situacións ao límite, a prosa de Guillerme Coen baixo o dominio total da fala popular. Unha obra mestra. Este personaxe de Brais reflicte o mundo actual deses milleiros de mozos galegos, que son testemuñas da destrución do seu hábitat sen lle poñer freo. Unha prosa fluída e unha trama perfectamente construída. Recomendable ao 100 %. Un magnífico escenario, secretas paixóns, unha novela completa e intelixente que deixa no padal un degusto acedo cara a mocidade galega... como a color exacta dos tempos que estamos a vivir.

Despois de A calor dun niño, unha obra máxica e de gran repercusión social, Guillerme Coen presenta este relato vibrante, cuns personaxes ben construídos que andan á procura de respostas durante toda a trama, e deambulan senlleiros pola cidade vella de Santiago de Compostela ata que atopan explicación na vila d’ A Pobra do Caramiñal. O protagonista Brais, que da título ao libro, é un estudante de Filosofía e Letras da USC, orfo de pai e sen medios, que está a recuperar a súa xuventude roubada a través das máis variadas experiencias, tanto activas como pasivas, entre as variadas tribos sociais coas que se atopa. Namórase de Alexia, unha antiga veciña e compañeira de clases, pero isto non fai máis que complicarlle a situación porque a moza agocha un segredo familiar que lle afecta de cheo. Ambos loitaran ata acadar a verdade do acontecido na desaparición do pai de Brais, mentres transforman os seus sentimentos a través do coñecemento e as situacións dunhas vidas que están a transformalos nuns verdadeiros adultos cos seus problemas, angueiras, pesadelos...

Brais amosa unha lúcida visión da mocidade galega, agresiva e de lectura compulsiva que constrúe un perfecto retrato da supervivencia humana. Guillerme Coen emprega unha escrita soberbia e investida dun vocabulario ben marcado na nosa fala.

“Personaxes perfectamente combinados, situacións ao límite, brillante estrutura narrativa, a prosa fluída de Guillerme Coen baixo o dominio total da nosa fala. Unha obra mestra”

Manuel Gil (El Correo Gallego)

“Unha espléndida novela de iniciación, onde os escenarios e as emocións marcan un ritmo elocuente para os auténticos protagonistas do libro: o vocabulario e a fala popular. Unha obra impecable, tanto na solvencia do argumento como no desenlace final”

Euloxio R. Ruibal (escritor e académico)