O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.
Amosando publicacións coa etiqueta XOSÉ AGRELO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta XOSÉ AGRELO. Amosar todas as publicacións

16 de abr. de 2011

A escrita escalena de Xosé Agrelo Hermo


A figura do infatigable Xosé Agrelo Hermo ha merecer sempre toda canta homenaxe se lle tribute: mestre comprometido coa causa da lingua e a cultura de noso, profundador nas raiceiras da historia galega, ensaísta responsable de importantes plataformas de escrita xornalística e director durante moitos anos dunha das nosas máis activas empresas editoriais, a Editorial Toxosoutos, foi, sobre todo, un destacado autor dramático ao que debemos algunhas destacadas pezas publicadas na década dos setenta do pasado século, varias delas representadas mesmo antes da morte do Ditador, nun tempo no que escribir e levar a escena obras en galego tiña unha especial significación.

A casa editora que axudou a fundar e que con tanto acerto capitaneou dende 1988 ata o seu pasamento en novembro do 2006 recupera agora un texto teatral seu que permanecía inédito, O triángulo escaleno, nunha coidada edición que contou con dous prologuistas de luxo: o historiador e narrador noiés Xerardo AgraFoxo e mais o dramaturgo e académico Euloxio R. Ruibal.

Os limiares de AgraFoxo e Ruibal dan conta tanto da intensa traxectoria teatral de Agrelo Hermo (como promotor e mais director de grupos e compañías e aínda como autor e adaptador de textos) como da análise particular do universo escénico que propón a peza exhumada.

O triángulo escaleno é un drama breve que xira entorno á problemática convivencia amorosa de tres personaxes que se configuran como os complexos vértices da figura xeométrica que dá título á propia obra: Marta e Verónica, dúas mozas estudantes en Compostela, buscan alguén que se preste a compartir alugueiro con elas e aparece nas súas vidas Brais, un seminarista que pronto alterará o rumbo das súas vidas sentimentais. Marta, lesbiana, está namorada de Verónica, quen, por súa vez, fica engaiolada de Brais, que se deixa querer desta última pero ao que tampouco desagrada Marta.

A escusa deste triángulo amoroso dá pé á reflexión sobre cuestións capitais para o ser humano como o sentido da fidelidade, a entrega amorosa, os difíciles lindes entre a amizade fonda e a paixón ou o monstro dos celos, por citar só algúns dos temas abordados pola peza.

Das bondades do Agrelo Hermo dramaturgo e, máis concretamente, dos valores deste O triángulo escaleno dan conta máis cumprida AgraFoxo e Ruibal nos seus respectivos prólogos, por veces sorprendentemente encontrados no apuntamento de certos datos (é o caso da datación dalgunhas obras, que difiren dun a outro prologuista, deixando na dúbida ao lector), mais precisos e abondosos en moitos outros sentidos.

Actual e suxestiva, a escrita de Xosé Agrelo Hermo neste O triángulo escaleno é unha invitación irresistible dende a propia cuberta, felizmente ilustrada polo pintor, tamén noiés, Alfonso Costa, e constitúe unha ocasión inmellorable para nos achegar á obra dun autor ao que sempre ha pagar a pena (re)ler.

CRITICALIA

28 de mar. de 2011

Xosé Agrelo e O triángulo escaleno. Estrea en Noia


Despois dunhas intensas xornadas de actividades e conferencias, a Semana da Historia de Noia tocou ao seu fin o sábado pola noite coa homenaxe a Xosé Agrelo Hermo, a quen se dedicou a sexta edición desta convocatoria. O coliseo Noela serviu como escenario para o sentido recoñecemento que os noieses brindaron ao falecido escritor e dramaturgo.

De feito, foi precisamente a súa faceta teatral a que se destacou no acto celebrado o sábado, xa que se representou por primeira vez a obra póstuma de Agrelo, O triángulo escaleno.

Pero antes de que os actores da compañía Mutis subísense ao escenario para a función, a profesora Pili Sampedro e Xoán Manuel Fernández, director do grupo teatral, lembraron a figura do homenaxeado.

Este último repasou a súa relación co escritor e dedicoulle un dos seus contos, mentres que Sampedro repasou a historia teatral da vila noiesa e a obra de Agrelo. Concretamente, falou das súas creacións Noite de lobos, Metá e metá e O mestre. Tres textos que lle serviron para destacar a condición sinxela e popular do teatro de Agrelo, pero tamén o seu carácter profundo, ao tratar temas de calado social como a emigración ou a represión franquista.

Logo, chegou o momento de culminar a homenaxe coa posta en escena da que é a única obra teatral de Xosé Agrelo Hermo que nunca se representou, O triángulo escaleno.

8 de mar. de 2011

Toxosoutos publica O espantallo (con debuxos de Pepe Carreiro) e o inédito O triángulo escaleno, dous textos de Xosé Agrelo, homenaxeado pola AGE



O gremio editorial galego celebrará o próximo 12 de marzo ás 20:00 horas a VI Noite da Edición, un evento anual do sector editorial galego no que se reunen todos aqueles que traballan o día a día da realidade material do libro. O acto vai ter lugar na Deputación de Lugo.

A AGE homenaxea no apartado da edición histórica ao que fora director da Editorial Toxosoutos, Xosé Agrelo Hermo, así como ás dúas editorias que cumpren o seu XXV aniversario, Ir Indo Edicións e Hércules de Ediciones. Os editores nomearán socio de honra ao seu ex presidente Alfonso García Sanmartín

Os premios divídense nas seguintes categorías:

Premio Ánxel Casal Ficción, Premio Ánxel Casal non ficción, Premio Ánxel Casal Teatro-Poesía, Premio Xosé Neira Vilas ao libro infantil e xuvenil, Premio Xosefa Iglesias Vilarelle ao libro educativo, Premio Lois Tobío ao libro traducido, Premio Isaac Díaz Pardo ao libro ilustrado, Premio Rosalía de Castro á mellor iniciativa editorial e Premio Xosé Mª Álvarez Blázquez ao mellor autor.

En total son 23 as obras editadas polo sector as que optan os Premios da Edición. Ademáis os autores Xosé Neira Vilas, Pepe Carreiro e Marcos Calveiro optan o Premio a mellor autor X.M.Álvarez Blázquez.

A AGE outorgou o Premio Francisco Fernández del Riego á mellor iniciativa do ámbito do libro a Espazo Lectura

21 de feb. de 2011

Teatro recuperado


Da man de Antonio Rey Somoza, máximo especialista na biobibliografía de Xesús San Luís Romero, publícase na Editorial Toxosoutos a peza de teatro Foliada no rueiro, paso cómico folclórico en dous actos que o autor de Carballo escribira en 1959 e que permanecía ata hoxe inédita. No breve pero documentado estudo introdutorio que precede á obra, Rey Somoza dá conta dos principais riscos da vida e produción do autor para deterse, con maior detalle, na descrición da súa escrita teatral e, máis particularmente, da peza editada e a súa relación co drama costumista e de crítica social Rosiña, tamén da súa autoría.

Unha recuperación acaída esta de Foliada no rueiro, realizada por un competente Rey Somoza, grazas ao cal hoxe figuran en volume non só a amentada Rosiña, senón tamén o drama Xenreira e mais os Versos escritos en Buenos Aires e outros poemas de San Luís Romero.

Como queira que aínda fica abonda obra teatral do escritor por recuperar, non ha ser mala idea a de ir debrocándose na lectura desta divertida Foliada no rueiro na espera de futuras exhumacións tan oportunas como a presente.

ARMANDO REQUEIXO