O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

23 de maio de 2013

Miro Villar, dando que ler.


Tamén eu son un autor da casa literaria de Toxosoutos. O 13 de decembro, día da Santa Lucía, que quita da noite e mete no día, ou pola Santa Lucía medra o día a pata dunha galiña (as dúas sentinllas dicir a miña nai), ollei os primeiros exemplares do meu poemario Breizh, que se mal non contei fai o número 89 da colección Nume, a día de hoxe dirixida polo filólogo ourensán David G. Couso, a quen agradezo a súa confianza na miña proposta poética.
A mesma colección Nume que inaugurou en 1994 outro libro da miña autoría 42 décimas de febre. Naquela altura o seu director era o lembrado e chorado escritor Xosé Agrelo Hermo (1937-2006), que tratei e co que estiven nunha homenaxe que se lle fixo en Esteiro antes de finar, aínda que nesa publicación tivo moito que ver o poeta Paco Souto que nesa altura traballaba para a editorial.
Son dúas razóns moi poderosas para sentirme da casa literaria de Toxosoutos, mais tamén como lector nos meus ateigados andeis hai unha boa restra de títulos de ensaio, narrativa e, sobre todo, poesía que levan impreso o carimbo da Editorial. Por todo isto, podo dicir ben alto: Parabéns a Toxosoutos no seu XXV aniversario!!! Saúde e mil primaveras máis de andaina editorial!!!

© Miro Villar

25 anos de ledicia e libros. Ramón Caride, dando que ler.


Estou orgulloso de ter publicado dous libros –agardo que veñan máis axiña- en Toxosoutos. Coñecín esta editora hai xa ben anos, cando a publicación da estupenda novela “A torre no deserto” do meu amigo, grovense de San Vicente, Xoán Fuentes Castro. Aló foron dez anos, que se cumprirán en poucos meses. O tempo corre que rabea. Digo que daquela coñecín a editora porque naquela data, un San Xoán do 2003, precisamente estivemos aló físicamente, en Obre, por vez primeira,  con Manolo, o seu mecenas, co lembrado Pepe Agrelo, e moita xente marabillosa máis de Noia, compartindo todos conversas, viño do ribeiro e amor aos libros ben feitos. Xa coñecía de antes, e estimaba grandemente antes, a estupenda serie Keltia, a Seitura ou as súas pioneiras aportacións á nosa banda deseñada. Tamén as que viñeron despois e nas que tiven algo de parte, non sei se de arte tamén, con aportacións miñas e de moi entrañables amigos meus: Nume, Letra Inversa ou Esmorga… Non vou citalos a todos, nin aos traballadores de Sementeira, para non encher espazo de máis; non sendo a un amigo especial, David González Couso, sen o que moitos bos libros non terían visto a luz. É de xustiza recoñecer o seu traballo senlleiro, nestes tempos ingratos para a lírica –e mesmo para a épica-. Sen el o noso sistema literario seria infinitamente menos bio-diverso, e incomparablemente máis pobre tamén, menos de nós. Precisamos moitos editores coma este mozo de Ourense e do mundo.
ADIANTE, TOXOSOUTOS!!! Que a fervenza non pare polo menos noutros 25 anos!!! (e moitos máis que veñan)
© Ramón Caride