O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

30 de mar. de 2010

O fenómeno cultural da fascinoloxía. As Illas Británicas e Galiza


Recentemente bautizada a Xeración Barbantia, na sede da Estación Leña Verde de Boiro púxose de manifesto o venres que o movemento cultural nado ao amparo da asociación que preside Antón Riveiro Coello segue a dar froitos en forma de mozos valores. Desta foi, precisamente, unha das fundadoras do colectivo, Milagros Torrado Cespón, que deu a coñecer O fenómeno cultural da fascinoloxía. As Illa Británicas e Galiza , que se presentou na citada instalación ante moitísimo público.

Abriu as intervencións Alberto Piñeiro, coordinador de Barbantia, quen explicou como coñeceu a Milagros Torrado coa que mantén unha gran amizade, para ceder a palabra a David González, director de publicacións de Toxosoutos, quen dixo que a obra está incluída na Serie Keltia porque os obxectivos desta, desde a súa fundación, son a reconstrución e recuperación da identidade galega a través das tradicións, lendas e costumes.

Condicións

O catedrático de Historia e Cultura Inglesas da Facultade de Filoloxía da USC Fernando Alonso Romero, á súa vez titor da autora, explicou que tivera a oportunidade de seguir o traballo de investigación da súa alumna, pois hai anos que a coñece e xa sabía que tiña condicións para o estudo e a investigación. Asegurou que facela obra non foi unha tarefa fácil porque Milagros Torrado tivo que empregar moitos días na recompilación de datos: «Hoy sale a la luz en su propia tierra, y es para mí una fascinación como profesor y colega, porque Milagros ya forma parte de nuestro departamento». O libro está centrado no mal de ollo «una tradición que no es exclusivamente gallega porque tiene sus equivalencias en Escocia e Inglaterra, con los que compartimos muchos aspectos culturales».

A autora, Milagros Torrado, fixo un repaso pola obra, desvelando algúns dos seus contidos, así como a súa estrutura interior. Asegurou que o día que lle chegou o libro ás súas mans acariñouno e exclamou que era o seu meniño. Tamén confesou que algunha xente estrañouse de que investigara o mal de ollo, pero ela animouse a seguir na súa inquietude de non deixar que morran as tradicións galegas.

Pechou as intervencións Xosé Deira, alcalde de Boiro. En primeiro lugar, destacou o papel de Toxosoutos, editorial que apoia sen reservas aos creadores barbanceses, e logo subliñou o mérito de Milagros Torrado que coa súa obra estaba a conseguir poñer sobre papel tradicións galegas que deste xeito non morrerán. Deira dixo que era un libro moi traballado, falou da envexa á que se atribúe o mal de ollo, como unha consecuencia do afán de superación das persoas e de que, hoxe en día, que hai tanta tecnificación, cada vez hai máis xente que acude a métodos tradicionais para resolver problemas. Sobre Milagros Torrado, o alcalde rematou dicindo: «A xuventude non só merece oportunidades senón tamén que a escoitemos para saber quen son». A actuación das cantareiras de Lumieira abriu e pechou o acto.

Moncho Ares, La Voz de Galicia, domingo 28 de marzo 2010