O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

16 de abr. de 2013

Francisco A. Vidal... dando que ler


Chéganme coas primeiras luces da primavera a noticia de que Toxosoutos está de aniversario. Vintecinco anos, a plenitude da vida. Un cuarto de século, a madurez e a experiencia. Un facho de luz que desde o fisterrán porto noiés se estende ó mundo. Toda unha vida por diante e toda unha historia detrás, que, para min en particular, é a celebración dos meus padriños literarios, quen me abriron as portas no difícil mundo da edición e a quen lles desexo moitos miles de primaveras e máis moitos miles de novos autores no seu catálogo.
Felicidades, mariñeiros que “levades a luz polos vieiros” e a esperanza nos ollos.

© Francisco A. Vidal

15 de abr. de 2013

Euloxio R. Ruibal... dando que ler


Souben da Editora Toxosoutos por medio do lembrado amigo Xosé Agrelo, que a dirixiu durante uns cantos anos. Non deixaba de sorprenderme que dende unha pequena vila da nosa beiramar, Noia, se editasen libros para toda Galicia, mercé tamén ao xeneroso esforzo do propietario, Manuel González Millares . Hai moi pouco que David G. Couso se fixo cargo, con novos azos, da dirección editorial. Malia a ruindade dos tempos que sufrimos, potenciouna, anovouna, actualizouna. Eu levo publicados, en pouco tempo, tres libros nela; xa a considero como a miña editorial. Ademais do cordial agarimo e respecto intelectual con que o director, David Couso, trata os escritores, e o sensíbel esmero que pon en todo o proceso da edición, ten un aquel que enfeitiza. Parabéns, pois, a Toxosoutos no seu XXV aniversario, co firme degoro de que, a prol da nosa cultura, continúe por moitos anos a fornecer de libros o país enteiro.  

© Euloxio R. Ruibal        

5 de abr. de 2013

Guillerme Coen... dando que ler

Hai preto de cinco anos que a Editorial Toxosoutos publicou o meu primeiro libro titulado A Calor dun Niño, e quero que sexa a principal reflexión deste escrito porque foi moi importante para min.   Daquela -era o ano 2008-, había outro espírito para a lingua galega nos xornais, na TVG, na sociedade en xeral. O meu libro era outro gran de area na longa praia dunha normalización positiva para o noso país. A enerxía editorial coa que se fundara Toxosoutos non estaba á quenlla dos valores económicos que tanta tristeza deitaran vinte e cinco anos máis tarde. E a inxustiza administrativa coa que se tratou a nosa fala aínda non estaba coa cadea de "armónico" coa que chegaría retratar estes derradeiros anos escuros de maiorías absolutas.   Por iso, hoxe en día, a existencia da Editorial Toxosoutos ten máis valor ca nunca para que poida denunciar o individualismo social dunha Galiza reprimida, a violencia económica das entidades financeiras, a dobre moral da relixión católica e o materialismo salvaxe destes novos líderes políticos conservadores.   Deus queira que poida celebrar outros vinte e cinco anos da Editorial Toxosoutos con outras tantas obras na lingua dos meus devanceiros, aos que nunca esquecín. E seguirei defendendo.   © Guillerme Coen.     

1 de abr. de 2013

No primeiro cuarto de século de Toxosoutos

Ao contrario do que moitas persoas desvencelladas do mundo da cultura adoitan crer, as casas editoriais non son simplemente fábricas de libros, que tamén. Non é así na inmensa maioría dos casos, mais, entre nós, non o é practicamente nunca.  Porque os editores galegos son, como algún club, molt més que una editora. Son tamén territorios propicios á creación, espazos nos que se acolle a gala mellor da nosa lingua, que é a escrita literaria. E se somos galeg@s por obra e graza do idioma, visibilizámonos como tal en boa medida grazas a que @s amig@s editor@s obran o milagre de dar á luz as imaxinacións e pensamentos d@s nos@s escritor@s, vale dicir, d@s abandeirad@s da cultura de noso.  Por iso, que unha editorial celebre o seu primeiro cuarto de século de vida non só é unha nova da que congratularse, senón tamén o máis fermoso exemplo de que a entrega a un idioma, a unha arte, a unha cultura e a unha nación é labor de bos e xenerosos aos que cómpre, sempre, parabenizar.    Beizóns, amig@s de Toxosoutos, e que tras deste aniversario veñan moitos moitos outros.
© Armando Requeixo