O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

23 de abr. de 2012

Cráter, de Olga Novo, Premio da Crítica 2011


Este libro contén unha serie de emanacións vitais que, coma no caso dos síntomas volcánicos, constitúen formacións de cinsa, pedra, lava e rocha metamórfica. A “Cinsa”, escrita entre o ano 2004 e o 2010, poetiza o abandono do mundo rural galego e o seu resistente corazón residual, en loita contra o esquezo e o desleixo, e tentando sempre integrar a morte na vida e a vida na morte. A “Pedra” foi experimentada como sentimento megalítico a través dunha vida vivida en Bretaña, onde precisamente se escribiu o texto, en Roazhon, en abril do ano 2005. A “Lava” foi soñada desde a infancia no misterio de Pompeia, a onde viaxei en febreiro do ano 2009, na procura do magma, ó encontro do enigma da beleza e do amor. A “Rocha metamórfica” quere petrificar salvaxemente a linguaxe de Eros, na celebración carnal antiplatónica.

17 de abr. de 2012

Próxima publicación do libro V do Códice Calixtino, a Guía medieval do peregrino


X. EDUARDO LÓPEZ PEREIRA ofrece unha nova edición ampliada e anotada da súa tradución. O libro presenta o texto bilingüe latín- galego


Ofrecemos aquí o quinto dos libros que compoñen o Códice Calixtino, que recibe tal nome do papa Calixto (1119-1124), universalmente coñecido como Guía do peregrino polo seu contido, que o propio autor define así: “Escribín todo isto para que os peregrinos, con esta información, poidan prever os gastos necesarios para a súa viaxe, cando saian para Santiago. Grazas a el conservamos a descrición de moitas vilas que percorreu, de igrexas e sartegos que visitou, de hospitais e de hospederías polos que pasou, e mesmo imprescindibles referencias de persoas, boas e malas, que atopou ao longo do camiño, para rematar cunha fermosa e completa descrición da cidade de Santiago, das súas prazas, das súas sete portas e, sobre todo, da súa catedral e do ambiente que xa daquela a arrodeaba, onde  se ofrecían aos peregrinos todo tipo de mercadorías, dende "vieiras ata botas de viño, zapatos, mochilas de pel de cervo, bolsas, correas, cintos e ata herbas medicinais”. 

12 de abr. de 2012

Polos soutos da melancolía, por Román Raña


Estraño e diverso resulta este poemario de Ramón Caride Ogando (Cea,Ourense,1957),A chuvia humana, que parece formar círculo co seu libro inicial,Paisaxe de verde chuvia,no que ao título se refire.O que agora comentamos circula,nunha primeira parte,polas vías do haiku mostrando reverberacións reveladoras:“A chuvia domundo/non sabe/a quenmolla”,máis tamén polos carreiros do aforismo simpático: “O marketing/ vén sendo o lifting/das novidades/ou sexa: o dos remakes”; ou do epigrama filosófico:“
O amor e o sexo/non son sinónimos:/ non hai centro sen beiras”. Así decorren numerosas composicións deste breve volume, tratando temas diversos que,conxuntamente,
conforman un catálogo dos malestares íntimos do poeta, mais tamén da súa educación sentimental. Na segunda parte,“Pegadas
e ronseis”, atopamos os poemas de longo folgo e de maior expansión lírica.Deste xeito,o primeiro deles,“Ourense, 1967”,desafaba a saudade dos anos fuxidos:“Ourense,/néboa que rubía do Miño, sotanas e pedra gris.A nostalxia é unha trampa/para os que cobran a nómina/polosméritos do esquezo./Morriña do calendario/por un tempo que se foi/sen que nunca fora noso”.Así,entre os versos e as sentenzas, se tecen e destecen as palabras,ceibes polos soutos da melancolía.

Os anos da emoción, por Pilar Ponte


Marcelino Fernández Mallo descubriuse un día sorprendido por unhas liñas que sumadas a moitas outras deron lugar á súa última novela,Pallarega: unha historia de protagonista que nos leva de paseo pola vida de Nicolás Traseira a través de diferentes paisaxes xeográficas e vitais. Logo de Klásicos, coas divertidas peripecias de Horacio, chéganos esta nova historia xestada hai tempo e de fasquía ben diferente.Aínda así, podemos detectar algunhas constantes de estilo como a intención de achegar unha perspectiva
persoal ou a busca de contido social. O propio autor sinala como obxectivos da obra, dunha banda, o retrato desa xeración admirable
dos nados entre os anos 20 e 40 do século XX,e doutra banda
unha “posta en valor da saudade” como forza motriz de cambio. E é así como a Pallarega,Madrid,A Habana e A Coruña serven de fondo para uns anos decisivos da vida do protagonista,os que el mesmo denomina como“os anos da emoción”,aqueles en que nos abrimos á vida porque aínda todo nela pode ser e talvez por iso a novela remata abruptamente no preciso momento en que é posible albiscar o futuro porque os camiños xa foron trazados.

Faro da Cultura, 5 de abril, p. 6

4 de abr. de 2012

Once anos do Premio Historia Medieval de Galiza e Portugal

O próximo 28 de abril farase entrega na Igrexa de Santa María a Nova (Escultor Ferreiro s/n) de Noia o XI PREMIO DE HISTORIA MEDIEVAL DE GALIZA E PORTUGAL e presentarase a edición do traballo premiado A NOBREZA NA LÍRICA GALEGO-PORTUGUESA, de ANTONIO REY SOMOZA.  O académico Henrique Monteagudo, como presidente do xurado composto por Xerardo Agrafoxo, Clodio González, Pedro G. Vidal e Marcos F. Ferreiro estarán presentes no acto que se celebrará ás 13.00h.