O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

23 de maio de 2013

Alberte Momán, dando que ler.


Vinte e cinco anos, pouco máis do que unha maioría de idade, coa madurez de quen se sitúa nas fronteiras do mercado, cun proxecto que reivindica a necesidade de definir a esencia dun país, nun momento no que as forzas públicas ceden cara intereses privados, nos que a cultura, alén do estandar comercial, perde presenza. Eis que se sitúa Toxosoutos, apostando pola diferenza, na divulgación dunha diversidade tan minoritaria como necesaria, imprescindible. Eis que se sitúa, tamén, a miña experiencia Toxosoutos, que diría o comercial, de colocarnos nese contexto, pero non é preciso vender vintecinco anos de traxectoria, xa que son as múltiples pegadas que como editora foi deitando nos distintos eidos da escrita, que falan por ela e de todos e todas nós que nos vemos reflectidos nas súas páxinas.


© Alberte Momán

Miro Villar, dando que ler.


Tamén eu son un autor da casa literaria de Toxosoutos. O 13 de decembro, día da Santa Lucía, que quita da noite e mete no día, ou pola Santa Lucía medra o día a pata dunha galiña (as dúas sentinllas dicir a miña nai), ollei os primeiros exemplares do meu poemario Breizh, que se mal non contei fai o número 89 da colección Nume, a día de hoxe dirixida polo filólogo ourensán David G. Couso, a quen agradezo a súa confianza na miña proposta poética.
A mesma colección Nume que inaugurou en 1994 outro libro da miña autoría 42 décimas de febre. Naquela altura o seu director era o lembrado e chorado escritor Xosé Agrelo Hermo (1937-2006), que tratei e co que estiven nunha homenaxe que se lle fixo en Esteiro antes de finar, aínda que nesa publicación tivo moito que ver o poeta Paco Souto que nesa altura traballaba para a editorial.
Son dúas razóns moi poderosas para sentirme da casa literaria de Toxosoutos, mais tamén como lector nos meus ateigados andeis hai unha boa restra de títulos de ensaio, narrativa e, sobre todo, poesía que levan impreso o carimbo da Editorial. Por todo isto, podo dicir ben alto: Parabéns a Toxosoutos no seu XXV aniversario!!! Saúde e mil primaveras máis de andaina editorial!!!

© Miro Villar

25 anos de ledicia e libros. Ramón Caride, dando que ler.


Estou orgulloso de ter publicado dous libros –agardo que veñan máis axiña- en Toxosoutos. Coñecín esta editora hai xa ben anos, cando a publicación da estupenda novela “A torre no deserto” do meu amigo, grovense de San Vicente, Xoán Fuentes Castro. Aló foron dez anos, que se cumprirán en poucos meses. O tempo corre que rabea. Digo que daquela coñecín a editora porque naquela data, un San Xoán do 2003, precisamente estivemos aló físicamente, en Obre, por vez primeira,  con Manolo, o seu mecenas, co lembrado Pepe Agrelo, e moita xente marabillosa máis de Noia, compartindo todos conversas, viño do ribeiro e amor aos libros ben feitos. Xa coñecía de antes, e estimaba grandemente antes, a estupenda serie Keltia, a Seitura ou as súas pioneiras aportacións á nosa banda deseñada. Tamén as que viñeron despois e nas que tiven algo de parte, non sei se de arte tamén, con aportacións miñas e de moi entrañables amigos meus: Nume, Letra Inversa ou Esmorga… Non vou citalos a todos, nin aos traballadores de Sementeira, para non encher espazo de máis; non sendo a un amigo especial, David González Couso, sen o que moitos bos libros non terían visto a luz. É de xustiza recoñecer o seu traballo senlleiro, nestes tempos ingratos para a lírica –e mesmo para a épica-. Sen el o noso sistema literario seria infinitamente menos bio-diverso, e incomparablemente máis pobre tamén, menos de nós. Precisamos moitos editores coma este mozo de Ourense e do mundo.
ADIANTE, TOXOSOUTOS!!! Que a fervenza non pare polo menos noutros 25 anos!!! (e moitos máis que veñan)
© Ramón Caride

16 de maio de 2013

Letras galegas 2013. Laura Tato no Ateneo de Santiago: "Vidal Bolaño reinventou e profesionalizou o teatro galego"


Roberto Vidal Bolaño normalizou o teatro en Galicia, incorporando elementos da cultura tradicional, da literatura, das artes plásticas e mesmo do adiovisual, afirmou este luns no Ateneo de Santiago a profesora da Universidade da Coruña Laura Tato, especialista na obra do autor elixido pola Real Academia para conmorar o Día das Letras Galegas. Presentaron o acto, seguido por numeroso público, os tamén académicos e ateneistas Salvador García Bodaño e Euloxio Ruibal.
Laura Tato fixo un minucioso percorrido pola extensa obra dramática do autor Compostelan Roberto Vidal, atendendendo, sobre todo, á
súa evolución dramatúrxica e escénica dende que, en 1973 e ata 1985, puxo en marcha o grupo Antroido, despóis dunha primeira etapa no grupo cinematográfico “Lupa” e no grupo teatral “Obradoiro”.
Para a profesora Tato, Vidal Bolaño participou xunto a Euloxio Ruibal no que denominou a “refundación do teatro galego” e na súa profesionalización, chea de dificultades pero plagada de acertos. Destacou unha primeira fase na que incorporou á súa dramaturxia a cultura popular galega, seguida dunha segunda etapa na que sumou as fontes literarias galegas –Rosalía, Cunqueiro, Ferrín, Otero Pedrayo- e unha tercerira, entre 1985 e 1991, en que, por presións políticas, viuse marxinado da escena e nutre a súa creación cunha bagaxe estética e técnica dos medios audiovisuais.
A conferenciante destacou a etapa final do autor, morto prematuramente cando apenas contaba cincuenta anos, como unha etapa de plenitude artística e creativa coa compañía “Teatro do Aquí” e a colaboración co teatro institucional do Centro Dramático Galego.

15 de maio de 2013

Espello Cóncavo leva a escena Azos de esguello, de Euloxio Ruibal.

En realidade, Azos de esguello si foi antes levada a escena, pero por compañías non profesionais. Unha delas foi Teatro do Vilar, no marco da Mostra de Ribadavia. O propio Arturo López dirixiu o grupo Valacar noutra daquelas montaxes amadoras. “Sempre admirei moito o teatro de Euloxio Ruibal, e penso que non hai correspondencia entre a súa calidade e o pouco que se representa. Por iso decidimos celebrar o 20 aniversario da nosa compañía con Azos de esguello. Eu penso que o CDG non a representou porque naquel tempo o personaxe de Galisindo se identificou con políticos das altas esferas”, explica.

Esta mesma tese tamén a comparte Laura Tato na edición de Azos de esguello que Toxosoutos tirou do prelo no 2011. Para ela, foi un caso de “censura sen paliativos á sátira máis virulenta que até o momento fora escrita contra a novísima democracia galega e, máis e concreto, contra a súa clase política”. O personaxe en cuestión, que Laura Tato relacionou co O porco de pé de Risco ou Viaxe ao país dos ananos de Celso Emilio Ferreiro, é unha caricatura do indiano que volve a Galicia e se mestura en negocios turbios. Galisindo compra xornalistas para que agochen as súas infraccións urbanísticas, presiona o alcalde para que lle deixe facer, e consegue que o nomeen gobernador a cambio da xenerosa doazón económica que, no seu día, lle concedera ao partido que acaba de conquistar o poder. “Galisindo é un estereotipo, que non creei pensando nun político concreto. O problema é que eran os inicios da preautonomía, e seguían no poder, en gran parte, os mesmos. O franquismo sociolóxico estaba moi presente, e aínda hoxe pervive”, reflexiona Euloxio Ruibal.

Ler entrevista completa

Moncho Iglesias, dando que ler.

A miña colaboración en Toxosoutos comeza nun café; nun intercambio de sorbos e aromas literarios que fumegan silandeiros en cestos de carrapuchiñas vermellas fotografadas en versos. Esa primeira cunca permite que as borras se debuxen soas, trazando liñas invisibles entre a distancia do papel ao lapis, e que de vagar se peguen nos panos doutros proxectos. Traducindo os pos insomnes da palabra vertida e morna, Toxosoutos é a galleta doce coa que acompañar os cafés xurdidos daquel primeiro grolo; un condimento por si mesmo que adereza calquera mesa e que, como a música da cafeteira para quen espera un bo café, disfraza o silencio con palabras que non se borran. 

© Moncho Iglesias

Rubén Martínez Alonso, dando que ler.


A dicir verdade, non lembro o momento no que naceu a editorial Toxosoutos. Cando en 1988 botou a andar, eu tiña tan só oito anos. Sen embargo, levaba xa algún tempo sendo partícipe dun cambio que non deixaba de abraiar ós meus pais: o galego, por fin, entrara nas aulas. E a súa literatura achegábanos agora a escenarios moito máis próximos, voando outras veces sobre os cantís onde morren os prexuízos, acomplexados monstros daquela longa noite que as primeiras raiolas semellaban cegar, batendo entón contra as paredes dunha cela agora baleira. Tal vez fose daquela cando naceu en min un desexo, o de berrar dende o silencio dunhas palabras impresas, apostando Toxosoutos, unha vez máis, polo autor novel, arriscando no prelo o papel que hoxe é singular voceiro. Perpetua será a débeda daqueles ós que se lles brindou a oportunidade. Sempre agradecido. Por outros 25 anos!
© Rubén Martínez Alonso         

14 de maio de 2013

Eros hai mil anos

Leda m’and’eu é, a non dubidalo, unha monografía afortunada, entre outras cousas pola idoneidade de quen a asina, poeta erótica ela e, tamén si, sabia analista desta temática na obra doutr@s autor@s de noso como, poño por caso, Claudio Rodríguez Fer e Uxío Novoneyra. Mais tamén é este volume un acerto innegable porque nos cumpría xa un estudo de conxunto no que fosen recompilados, balizados e integrados todos os saberes sobre as prácticas sociosexuais da nosa comunidade dende os remotos tempos prerromanos ata o xérmolo nodular do país actual que se configura ao longo de toda a Idade Media.

Ler máis

12 de maio de 2013

O Premio de Historia Medieval dáse por consolidado

Aínda que hai tempo que se coñecía a identidade da gañadora da duodécima edición do Premio de Historia Medieval de Galiza e Portugal, a autora lucense Olga Novo entrou onte a formar parte, oficialmente, da lista de galardoados. Foi nun acto que tivo lugar na casa de cultura de Lousame, onde se falou deste certame de investigación como unha iniciativa consolidada e con vocación dun futuro longo.

Ler máis