O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

28 de abr. de 2010

Novas miradas sobre a vida e a obra do poeta do Courel


Moi pouco tempo despois de publicar o seu libro Uxío Novoneyra revisitado , o escritor chantadino Xosé Lois García acaba de realizar unha nova achega ao estudo da obra e da biografía do poeta do Courel. A súa nova obra, Uxío Novoneyra, home e terra , recolle ensaios e artigos de García xunto cunha serie de textos inéditos do propio Novoneyra que dan testemuño da súa intensa participación na vida cultural e política galega.
Os textos do poeta courelao foron redactados, por unha parte, para intervencións públicas en actos de carácter cultural, como os congresos da asociación de escritores Galeusca, as feiras do libro de Santiago e Vigo ou homenaxes a Rosalía de Castro, Castelao, Celso Emilio Ferreiro, Fermín Bouza Brey, Antón Avilés de Taramancos, o pintor Laxeiro e o escultor Manuel Coia. Outras alocucións recollidas neste volume están relacionadas con actos de cariz político e social, como unha manifestación convocada en Santiago en 1986 con ocasión do referendo sobre a permanencia de España na OTAN ou unha protesta contra o encarceramento do escritor, profesor e parlamentario Francisco Rodríguez.
Estes escritos, segundo indica Xosé Lois García, son só unha selección realizada entre o «amplo legado escrito» de Novoneyra relacionado con «temporalidades moi diversas da historia recente de Galiza», que o poeta «viviu con entusiasmo, intentando cambiar situacións magoantes».

Poemas comentados

Outra parte do libro está dedicada a recoller e comentar breves poemas dedicados a Novoneyra por diversos autores, como Manuel María, Darío Xohán Cabana, Xosé Luís Méndez Ferrín, Marica Campo, Isidro Novo, Xesús Rábade, Helena Villar Janeiro, Ramón Caride ou Xosé Vázquez.

Xosé Lois García, pola súa parte, reúne no libro unha colección propia de textos sobre Novoneyra, algúns inéditos e outros publicados anteriormente en diversos xornais e revistas. Entre eles destaca pola súa extensión un ensaio que analiza a flora a a fauna da Serra do Courel mencionada no máis célebre poemario de Novoneyra, Os eidos . Outros escritos máis breves abordan diversos aspectos da obra literaria, da ideoloxía e das actuacións de Novoneyra no terreo sociocultural e político.

LA VOZ DE GALICIA, 14 DE ABRIL


21 de abr. de 2010

Homenaxe a Xoán Fuentes Castro


Xoán Fontes Castro, que recentemente presentaba na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey o libro titulado "O cuadrilátero", vai ser homenaxeado no Grove dentro dos actos conmemorativos do Día dás Letras Galegas.
Trátase dunha proposta da concellaría de Cultura que conta co respaldo das entidades culturais Roza do Pedrol e Boca dá Ría, ademais de ter o apoio de Editorial Toxosoutos e da Agrupación de Libreiros do Grove, formada polas librarías Bicadas, Cortiñas e Papiro.
Así explicábao onte Antón Mascato, que en calidade de concelleiro delegado de Cultura destaca a transcendencia desta homenaxe, a despregar o día 15 na Casa dá Cultura Ángel Vázquez Hereder, na parroquia de San Vicente do Grove.
Para esa xornada está prevista a celebración dunha mesa redonda en que poder conversar co autor sobre a súa traxectoria literaria, pero ademais anúnciase a lectura dramatizada e musicada dunha colección das súas obras.
Neste avance do programa inclúese ademais un concerto, inicialmente a cargo do Coral Polifónica Boca dá Ría, e a inauguración dunha exposición fotográfica sobre a vida e obra de Xoán Fontes Castro, quen vai observar disposición de todos os asistentes para asinar exemplares da súa obra.
Autor da "torre non deserto" (2003), "Na fronteira" (2004), "O mariñeiro dá cana" (2006) e "O cuadrilátero" (2010), Xoán Fontes Castro ha sabido gañarse un oco destacado entre os literatos de Galicia, onde ademais exerceu como tradutor ao galego de obras como "Lingüística e Colonialismo", de Louis Jean Calvet; "Para comprender a música contemporánea"; "O último safari" e "Conversas con Kafka", entre outros traballos.
O concelleiro de Cultura di deste autor que "pola súa formación en Filosofía e Lingüística Xermánica na Universidade de Madrid, e pola súa intensa vida laboral como profesor de Educación Secundaria, lonxe de Galicia, permaneceu boa parte da súa vida apartado do Grove, onde regresaba de vacacións e onde se asentou definitivamente chegada a xubilación".
Pero engade que "todo isto non lle impediu permanecer fiel ao seu país, a que se dedicou con intensidade". Mascato louva tamén a aposta de Fontes polo uso do galego, en que que fixo a maior parte dos seus traballos.
Así pois, a homenaxe do día 15 é un recoñecemento público a alguén que "demostrou a súa fidelidade cos seus principais sinais de identidade, como son o seu lugar de procedencia, o irrenunciable uso literario do galego e a utilización constante da intelixencia como roteiro por que guiarse para facer a viaxe da súa vida".
Os organizadores desta homenaxe non se esquecen de que, ademais de escritor, Xoán Fortes foi tamén impulsor ou colaborador en diversas actividades de carácter deportivo, social e cultural.
Entre elas destaca a súa condición de membro fundador do club de fútbol Amencer, coimpulsor do Coral Boca dá Ría, de que foi director, e outros eventos vinculados ao teatro e o entroido na parroquia de San Vicente do Grove.

11 de abr. de 2010

O xurado avoga por perpetuar o premio de historia medieval


A entrega dos galardóns reuniu onte na vila muradá
a unha comitiva cultural e política da bisbarra
A Casa de Cultura de Muros foi onte escenario do acto de entrega do premio de Historia Medieval de Galiza e Portugal, que organizan os concellos da ría de Muros e Noia, xunto coas fundacións comarcais e a editorial Toxosoutos, e que este ano recaeu en Jesús Vila Pérez, de Tui, pola súa obra A casa de Soutomaior, obtendo o segundo posto As moedas medievais galegas, da que é autor Ernesto Iglesias Almeida, tamén da vila tudense. No recinto, o xurado, por medio do seu presidente, Carlos Barro, avogou por perpetuar o certame, palabras que dixo ante os alcaldes de Muros e Carnota, que presidían o ilustre acontecemento.
O tamén catedrático universitario destacou o mérito das obras premiadas, ao dicir: «Os dous traballos seleccionados tratan temas pouco estudados sobre a historia medieval. Este premio está a contribuír meritoriamente na investigación universitaria e popular, ao tempo que harmoniza ambas actividades. Toxosoutos e os concellos desta ría teñen un gran mérito ao perpetuar este certame, e dígolles: Adiante con este concurso pois Galicia volo agradecerá», sinalou Barros.
Pola súa banda, o representante da editorial Toxosoutos, David González, salientou a transcendencia deste certame, que segundo dixo: «Reflicte a historia rigorosa da Galicia medieval dende a ría da cultura». González Couso rematou desexando longa vida para estes premios, e ofertando a imprenta da editorial para publicar traballos da calidade.

* Xoán Fuentes presentou o seu último libro “O cuadrilatero”




A editorial Toxosoutos e a Concellería de Cultura presentaron a última obra do escritor grovense Xoán Fuentes Castro, O cuadrilátero. No acto, que tivo lugar esta tarde de venres na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey, participaron ademais do autor, o director da editorial, David González, o escritor Ramón Caride e o concelleiro de Cultura, Antón Mascato.

Xoán Fuentes Castro é un autor de longa traxectoria literaria, na que salientan outros títulos como Na fronteira ou O pescador de cana, nos que permanece fiel a un estilo marcado pola rigorosidade formal e conceptual que se sustenta na pulcritude do léxico e na correción das estruturas gramaticais. Especialista en pensamento e lexicografía, é autor dunha sólida obra literaria e ensaística que ten sido recoñecida en diversos foros.

Unhas sesenta persoas asistiron ao evento desta tarde no que intervintes que acompañaron ao autor fixeron amplas loubanas da súa persoa e desta súa cuarta novela.

Veciño de San Vicente

Nacido na parroquia de San Vicente, antes de ser profesor nun centro educativo fora de Galicia, foi animador de diversas iniciativas culturais e sociais da súa parroquia: Sociedade deportiva Amanecer, Coral Boca da Ría, celebracións do Entroido, ou mesmo teatro, entre moitas outras que lle reportan o recoñecemento dos seus veciños.

9 de abr. de 2010

A editorial entregará mañá os galardóns a Suso Vila e Ernesto Iglesias, autores de «A casa de Soutomaior» e «As moedas medievais galegas»

Entrevista en La Voz de Galicia

A casa da cultura de Muros acollerá mañá ás 13.00 horas a entrega do Premio de Historia Medieval de Galicia e Portugal 2009, organizado pola Fundación Comarcal de Noia e Muros, o Concello muradán e a editorial Toxosoutos, da que David González Couso é director dende hai un ano. O gañador coa obra A casa de Soutomaior, Suso Vila, estará acompañado polo tamén finalista Ernesto Iglesias, autor de As moedas medievais galegas.

-¿Cal é a valoración das obras premiadas?

-No caso do primeiro premio hai claramente unha labor de documentación, análise e transcrición de documentos que botan luz sobre o período baixomedieval no que a casa de Soutomaior adquire gran protagonismo. Respecto do finalista, o tema resulta sumamente curioso porque non abondan os estudos sobre numismática galega. Moi rigorosamente tratado, ensaríllanse numerosos temas sobre as moedas dende a orixe do concepto e o nome ata a traxectoria histórica na que transcorre o seu uso.

-¿Resultou difícil elixir as obras entre o resto de títulos presentados?

-Imaxino que cada membro do xurado terá formulado moitas veces se actúa de xeito xusto, aínda que o establecemento dos criterios non deixe moita marxe, está claro que moitas veces prima algunha cuestión de gusto persoal ou afinidade investigadora, pero sen dúbida, a posta en común e o debate entre os membros que xulgan as obras da un resultado que afina cara a decisión máis xusta.

-¿Considera que o premio está recoñecido a nivel autonómico?

-Non todo o que debería, pola contía económica, pero tamén porque o premio de historia medieval ten boa acollida na universidade, ademais dos seus vencellos con historiadores ben recoñecidos. Penso que é das poucas apostas editoriais que mostran a evolución da historia local á universal, indispensable a primeira para a existencia da segunda.

-¿Que difusión e utilidade terán os libros premiados?

-A súa publicación e presentación como algo inmediato e, por outra parte, a posibilidade de que os seus autores estean avalados por un premio así introdúceos nun ámbito académico de xeito relevante. En canto á utilidade, dedúcese do que levo dito que estes traballos constitúen unha ferramenta para os estudosos do mundo medieval, xa que constitúen chanzos que completan a visión da historia de Galiza e Portugal e das súas achegas.

-¿Cales son os actuais valores de Toxosoutos?

-Fundamentalmente as coleccións Keltia e Trivium, as apostas por novos creadores en narrativa, poesía e ensaio. Ademais inauguramos en breve unha nova colección, denominada Esmorga que pretende achegar ao ámbito escolar textos de grandes autores precedidos dun estudo rigoroso da man de especialistas. Os autores cos que abriremos a nova serie son Euloxio Ruibal e Claudio Rodríguez.

-¿Con que título se quedaría da editorial?

-O libro Uxío Novoneyra. Home e terra, de Xosé Lois García e prologado por Uxío Novoneyra Rei, con textos e imaxes inéditas do autor do Courel.

-¿Cal é a súa opinión sobre a política editorial da Xunta?

-O único que podo dicir é que o libro e, en xeral, o mundo da cultura soe cargar con problemas que lle son alleos. As compras vense recortadas, é certo, polo demais hai que sinalar que a política cultural está por definir.

-¿Chegan as axudas anunciadas con motivo do Ano do Libro?

-Reitero que aínda está por ver cal será a repercusión que vai ter o Ano do Libro en Galicia.

5 de abr. de 2010

De moedas e nobreza galega

Suso Vila e Ernesto Iglesias son os autores recoñecidos co galardón de historia medieval coorganizado por Toxosoutos

Tendo como referencia a Idade Media, e como temas localizados nesta época a numismática acuñada en Galicia e a dinastía de Soutomaior, os autores Suso Vila e Ernesto Iglesias serán premiados o sábado en Muros co premio de Historia Medieval de Galicia e Portugal 2009.
Vila coa obra A mecánica da linaxe no espazo medieval galego; a casa de Soutomaior, conseguiu o primeiro posto nesta novena edición, que do mesmo xeito que as anteriores está promovida pola fundación Ría de Muros-Noia e a editorial Toxosoutos. O xurado do certame, integrado ?por Carlos Barros, Xerardo Agrafoxo, Xosé Andrade, Pedro García e Enrique Monteagudo, con David González como secretario, considerou que a obra agasallada vén encher o baleiro existente na historia medieval de Galicia no estudo da importante casa nobiliaria de Soutomaior, achegando nova documentación e enfoques renovadores no campo das mentalidades.
Nesta ocasión, tamén se outorga un segundo premio, coa consideración de finalista, á obra que leva por título As moedas medievais galegas; a circulación monetaria en Galicia ata o século XV, da que é autor Ernesto Iglesias Almeida. Neste traballo histórico investígase a numismática medieval galega dun xeito novo, relacionando as moedas xa coñecidas coa documentación da época.

Os Soutomaior

Para o autor do estudo, Suso Vila, os Soutomaior concitan estereotipos do que foi a Idade Media galega. Un exemplo son os testemuños que se recollen dos seus biógrafos, os cales mostran unha imaxe chea de violencia e traizón, froito do seu carácter político e relixioso. O estudo se acerca de xeito xeral ao protagonismo social e económico que os diferentes membros que esta familia tiveron entre 1147 e 1532. Unha liñaxe no que destaca pola súa influencia Pedro Madruga, personaxe que ao analizar a súa personalidade e mentalidade familiar obtense o trazo das estratexias familiares da época.

A publicación editada por Toxosoutos pretende erradicar na medida do posible erros interpretativos, ademais de fixar a diferenza entre a realidade e a ficción achega do mito creado sobre os Soutomaior.

A numismática galega

A obra finalista de Ernesto Iglesias realiza un percorrido tanto polas moedas atopadas en Galicia durante a Idade Media como por aquelas que foron acuñadas en Lugo, Tui ou A Coruña, empezando polas púnicas descubertas a mediados do século XIX e terminando nas dos Reis Católicos.

O estudo non descarta no seu contido as moedas portuguesas, de moita circulación no medievo sobre todo no sur de Galicia, así como as acuñadas por orde do monarca Fernando I tras invadir en 1370 o territorio galego. O estudo complétase coas mencións referidas ao valor do trueque ou denominacións máis frecuentes.

Javier Romero, La Voz de Galicia, 4/4/2010