O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

20 de mar. de 2013

Laudatio no 25 aniversario de Toxosoutos, por Clodio González


 (Laudatio lida na Noite da Edición 2013, con motivo do 25 aniversario da casa editora)
© Clodio González

Señoras e señores, amigas e amigos todos, boas noites.

            A Editorial Toxosoutos nace o ano 1988 coa publicación dun libro de Manuel Fabeiro Gómez, A freguesía de Santa Mariña do Obre, a parroquia noiesa onde están a editorial e tamén Gráficas Sementeira. 
           Ao comezo as pretensións editoriais eran exclusivamente de carácter local, de dar a coñecer a riqueza artística e o pasado histórico de Noia e da súa comarca, pero logo os directores, Manuel González Millares e Xosé Agrelo Hermo, deciden estender o ámbito territorial a toda Galicia, tendo sempre como estandarte a defensa e a promoción da nosa lingua e da nosa cultura.
E a mellor proba de que ao longo destes 25 anos non se deixou de traballar, tendo que superar ás veces serios problemas, constitúena os libros que saíron do prelo dende entón, sempre do obradoiro de Gráficas Sementeira, en diferentes coleccións: 93 de Nume, 71 de Keltia, 57 de Trivium, 37 de Ensino, 35 de Divulgación, 23 de Letra Inversa, 17 de Bibliografía Filolóxica, 15 de Trasmontes, 14 de Fasquía, 14 de Memoralia, 14 de Esmorga, 13 de Banda deseñada, 11 de Cadernos do Cruceiro do Rego, 10 de Seitura, 10 de Delfín, 7 de Narrativa histórica, 7 de Punto básico, 6 de Anais, 6 de Lingüística, 5 de Palestra, 4 de Infantil e 37 fóra de colección.
 En total 506 títulos e, malia a crise que todos estamos a sufrir e, especialmente, o mundo do libro, para o presente ano está previsto que saían 20 máis.
           A Editorial Toxosoutos mantén como principio básico dende o seu nacemento o compromiso por Galicia, e por iso a primeira edición de tódolos libros sempre é na nosa lingua, agás cando se trata de publicacións en portugués. Logo moitos saen tamén noutro idioma, mormente en castelán, cando se trata de temas de interese fóra de Galicia. 
            Pero ao longo destes 25 anos Toxosoutos non se cinguiu só ao labor editorial, senón que tamén promoveu eventos culturais relacionados uns en particular coa comarca de Noia e outros a nivel de toda Galicia, publicando as obras galardoadas ou mesmo con achegas económicas.
   Tal é o caso dos premios de Historia Medieval de Galicia e Portugal, convocados por primeira vez o ano 2001. Dende entón, coa colaboración económica dos concellos da contorna (Noia, Lousame, Porto do Son, Outes, Muros e Carnota), os galardoados en primeiro e segundo lugar, non só ven editadas as súas  obras, senón que tamén reciben unha achega económica de 4.000 € e 1.250 €, respectivamente.
  Non é este o momento de enumerar tódalas obras premiadas, pero permítanme que mencione varias, algunhas xa de consulta obrigada por parte dos nosos estudosos do medievo, como Mentalidade nobiliaria e nobreza galega de María del Pilar Paredes,  Arredor da conformación do Reino de Galicia de Xosé Antonio López Teixeira, Do imperio romano á alta idade Media. Arqueoloxía da tardoantigüidade de Álvaro Rodríguez Resino, A chancelaria arquiepiscopal de Braga de Cristina Almeida e Cunha, Xénese do espazo urbano en Galicia de Tania Galán Gómez, O Casal. Uma unidade de orgaização social de espaço no Entre Douro e Lima de André Evangelista Marques, Servos e escravos altomedievais no noroeste da Península Ibérica de Marcos Fernández Ferreiro, Elementos de adorno altimediévicos em Portugal de Andreia Catarina Magallaes Arezes,  A nobreza medieval na lírica galego-portuguesa de Antonio Rey Somoza, e, xa en 2012, Leda m’and’eu. Poética erótica medieval galaica: á procura da nosa intrahistoria de Olga Novo, que se presentará ao público o vindeiro mes de abril.
   Actualmente este premio, así como as obras publicadas, constitúen xa un fito de referencia entre os estudosos do medievo galegos e portugueses. 
   A Editorial Toxosoutos tamén colabora dende o 2001 no Certame literario de Relatos de Aventuras “Antón Avilés de Taramancos”, que convocan tódolos anos o concello de Noia e a revista Casa da Gramática do Instituto noiés “Virxe do Mar”,  neste caso editando as obras gañadoras. 
          E, ultimamente, tamén se fixo cargo da edición do Premio “Modesto Rodríguez Figueiredo” do concurso de Narracións Curtas do Pedrón de Ouro.
    Non podo deixar de nomear aos principais protagonistas desta aventura: en primeiro lugar a Manuel González Millares, propietario de Gráficas Sementeira e do local onde ten a súa sé a Editorial, e ao primeiro director, o mestre e amigo Xosé Agrelo Hermo, falecido en novembro de 2006, así como aos seguintes directores: Iria Lago, Jacobo Llamas e agora David González Couso.
            Pero tampouco se pode esquecer e agradecer a axuda e colaboración prestadas por outras persoas, algunhas xa falecidas, como en particular o autor do primeiro libro, o erudito Manuel Fabeiro Gómez, e o poeta Antón Avilés de Taramancos, así como a Paco Souto, Lois López Rico, Lola Pena, Santiago Casal, Ramón Blanco, Pepe Carreiro, Alfonso Costa, etc., etc., que colaboraron, ou aínda colaboran, en labores de asesoramento ou xestión comercial.
Tamén a tódolos compoñentes do xurado dos premios de Historia medieval de Galicia e Portugal dende a súa constitución en 2001: os presidentes Carlos Barros Guimaráns e actualmente Henrique Monteagudo Romero, e os vogais Xosé Miguel Andrade Cernadas, Pedro García Vidal, Xerardo Agrafoxo, Armando Luis de Carvalho e un servidor, Clodio González Pérez. En particular pola miña parte, e en nome de tódolos que levamos formando parte deste xurado, tamén lle damos as grazas a Toxosoutos por ternos confiado tan importante labor.
            A Editorial Toxosoutos que, como dixen, naceu coa humilde pretensión de dar a coñecer o pasado de Noia e contorna, 25 anos despois conta cun fondo de 506 títulos, aos que se sumarán este ano, de non xurdir ningún atranco, 20 máis. Un número de publicacións non doado de acadar por unha editorial e máis aquí entre nós.
Agardemos que por moitos anos, malia ás pedras –que agora xa non son pedras, senón grandes penedos- coas que Toxosoutos e as demais editoriais galegas tropezan no camiño, non deixe por iso de andar, aínda que sexa de vagariño, pero sen deterse, traballando arreo coma o ven facendo dende 1988 pola nosa lingua e a nosa cultura. Traballando a prol da Nosa Terra.
Parabéns para a Editorial Toxosoutos, e, en particular para Manuel González Millares, así como para cantos dun xeito ou doutro fixeron posible que chegase a celebrar o 25 aniversario. 
Moitas grazas e boas noites.

19 de mar. de 2013

Ramón Nicolás... dando que ler


O día 15 celebrouse na cidade de Vigo a Noite da Edición e, na rolda de recoñecementos programados, houbo un centrado nos 25 anos que cumpre o selo noiés Toxosoutos. Non puiden asistir a eses actos, e ben que o sinto pois gustaríame darlle os parabéns a David G. Couso como cabeza visible de Toxosoutos.
A editora posúe unha traxectoria relevante no panorama da edición en lingua galega e, persoalmente, como lector e crítico literario, só podo agradecer, por unha banda,  a xenerosidade e a comprensión que a editorial amosou co meu traballo interpretativo e, pola outra, a achega que este selo veu realizando, e realiza, cara ao noso sistema literario. Esta advírtese, loxicamente, no catálogo vivo, diversificado e amplo que tras vinte e cinco anos ofrece e que exhibe unha aposta cada día máis xeneralista, pero que afonda na defensa e promoción de xéneros un tanto desatendidos ou de comercialización difícil como son a poesía, o ensaio ou o teatro.
Toxosoutos, ademais, incorporou títulos que foron indiscutibles éxitos de crítica e lectorado, a carón doutros que non gozaron desa sorte mais que son precisos, sen dúbida, para axudar a soster ese edificio que son as letras galegas do noso tempo e que, entre todos e todas, construímos con ilusión e esforzo. Beizóns para Toxosoutos.

©Ramón Nicolás

14 de mar. de 2013

Homenaxe Noite da Edición

Mañá, a Editorial Toxosoutos, no seu 25 aniversario,
 será homenaxeada na Noite da Edición en Vigo.
O noso agradecemento a autoras e autores, 
e a lector@s que dan sentido
ao noso traballo.

13 de mar. de 2013

Carmen Blanco deunos a ler a Novoneyra


Na colección Fasquía de Toxosoutos foi publicado en 2010 o meu ensaio Novoneyra: un cantor do Courel a Compostela. O poeta nos lugares dos seus libros. Gusto da fasquía minimalista do pequeno formato do libro, axeitado ao trazo do mínimo máximo que contén, lonxe da opulencia grandilocuente.
© Carmen Blanco 

1 de mar. de 2013

Dando que ler: Xosé Ramón Fandiño

Con motivo dos 25 anos de andaina de Editorial Toxosoutos, numerosas voces vinculadas a esta casa adicarán neste espazo a súa particular reflexión. Grazas a todos!!!

No ano1988, cando nacía a editorial Toxosoutos, eu estaba profundamente inmerso na dirección da Gran Enciclopedia Gallega, o que me tiña en contacto con case todos os historiadores e escritores de Galicia. Un deles, por certo moi querido, era Manuel Fabeiro, oficial do xulgado de Primeira Instancia de Noia, historiador de canto acontecemento sucedera en Noia, poeta, filatélico e membro das Mocidades Galeguistas no tempo da República. A el encargueille a redacción para a Enciclopedia a reseña histórico-artística da parroquia e da igrexa románica de Santa Mariña de Obre. Tempo despois presentouse no meu despacho e cheo de ledicia agasalloume cun exemplar do seu libro A freguesía de Santa Mariña do Obre, engadindo que o ter que investigar para o meu encargo fora o impulso que necesitaba para profundizar no tema, do que o resultado era este libro auroral da Editorial Toxosutos.
O meu contacto, pois, con Toxosoutos é desde o momento mesmo do seu nacemento e chega ata hai pouco (2012), ano no que con David G. Couso, o seu director de publicacións, nos encargamos da edición da XXXVII edición do certame literario Modesto R. Figueiredo do Pedrón de Ouro.
Por iso, máis alá do valor intrínseco do traballo editorial ao longo de 25 anos, con Toxosutos úneme unha agarimoso relación, incrementada desde a miña colaboración con David G. Couso.

© Xosé Ramón Fandiño