O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

27 de mar. de 2012

Novidades editoriais


Prologados polo seu amigo e colega de investigacións Carlos Gegúndez López, os poemas deste libro descóbrennos un romántico de novo cuño, que ten no amor e as súas vicisitudes o tema central —e case que único— destas composicións, inzadas de declaracións apaixonadas a un ti omnipresente, destinatario duns versos onde os afectos teñen nos eidos labregos, as singraduras marítimas e os territorios da beiramar os escenarios propicios para o canto namorado.
Contando coa complicidade de carpinteiros de ribeira, mariñeiros e traballadores de estaleiros, o alumnado cumprimentou enquisas de vocabulario que logo foron depuradas e fixadas lexicograficamente polo profesorado coordinador, quen as dispuxo para a súa edición en campos temáticos, acompañándoas de numerosas ilustracións e mapas léxicos e engadindo, a maiores, á tradución de cada voz galega ao portugués, inglés, francés e castelán.
Un traballo este No meu mar, na miña lingua. Léxico de embarcacións e deportes naúticos modélico por canto amosa as extraordinarias posibilidades que poden xurdir do traballo compartido entre alumnado e profesorado, xuntos nesta ventureira angueira de recuperación do patrimonio lingüístico de noso, aquí definitivamente rescatado grazas á xenerosa aposta editorial de Toxosoutos.

20 de mar. de 2012

Esta semana...

Dolores Vilavedra fala de Cráter no diario El País
Martín López-Vega comenta o libro de Olga Novo no suplemento EL CULTURAL

O XOVES NA LIBRARÍA COUCEIRO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA PRESENTAMOS PALLAREGA, CON MARCELINO F. MALLO E HENRIQUE MONTEAGUDO

O VENRES, NO LICEO OURENSÁN, JORGE E. BÓVEDA FALA DO SEU LIBRO A HABITACIÓN SECRETA.

16 de mar. de 2012

Os lectores de Olga Novo acompañárona onte na lectura de textos do seu último libro

A erupción de versos que se estreitan e medran ao longo do libro foi introducida por Carmen Blanco nun cálido acto que acolleu a Fundación Eugenio Granell de Santiago de Compostela.

13 de mar. de 2012

Olga Novo presenta o xoves o seu último libro


Olga Novo presenta acompañada de Carmen Blanco
CRÁTER
o xoves 15 de marzo na Fundación Eugenio Granell
de Santiago de Compostela ás 20.00h
A súa obra poética e ensaística está marcada por unha profunda conexión co surrealismo como filosofía vital asentada no amor, na liberdade e na beleza. O espírito libertario, a procura da paixón e a intensidade, a sensualidade e un erotismo de raizame telúrica e apertura cósmica informan a linguaxe desta poeta do desbordamento.
Este libro contén unha serie de emanacións vitais que, coma no caso dos síntomas volcánicos, constitúen formacións de cinsa, pedra, lava e rocha metamórfica. A “Cinsa”, escrita entre o ano 2004 e o 2010, poetiza o abandono do mundo rural galego e o seu resistente corazón residual, en loita contra o esquezo e o desleixo, e tentando sempre integrar a morte na vida e a vida na morte. A “Pedra” foi experimentada como sentimento megalítico a través dunha vida vivida en Bretaña, onde precisamente se escribiu o texto, en Roazhon, en abril do ano 2005. A “Lava” foi soñada desde a infancia no misterio de Pompeia, a onde viaxei en febreiro do ano 2009, na procura do magma, ó encontro do enigma da beleza e do amor. A “Rocha metamórfica” quere petrificar salvaxemente a linguaxe de Eros, na celebración carnal antiplatónica.
Cava. Cura a loucura. Que non me equivoque. Quero falar ben. Facerte fiz. Porque “importa a feliz idade”. O bo día. Os tempos bos. As horas. As grazas. Os gozos. As luces. O baile bascular da harmonía xusta máis alá das idades das pedras e dos metais que matan.
Células madres da rexeneración.
A nena amada sabe quen quere.

CARMEN BLANCO

8 de mar. de 2012

Yolanda Castaño e Manuela Palacios acompañan a Gonzalo Vázquez na presentación da escolma A cidade na poesía galega do século XXI

"Sen dúbida algunha
e inevitablemente
a rúa principal desta cidade
é a que leva á miña casa".

Verónica Martínez

Libraría Couceiro
Santiago de Compostela
20.00h