O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

26 de xan. de 2012

Olga Novo presenta o sábado ás 19.00h na Casa da Cultura da Pobra do Brollón o seu último libro, Cráter


A súa obra poética e ensaística está marcada por unha profunda conexión co surrealismo como filosofía vital asentada no amor, na liberdade e na beleza. O espírito libertario, a procura da paixón e a intensidade, a sensualidade e un erotismo de raizame telúrica e apertura cósmica informan a linguaxe desta poeta do desbordamento.

Este libro contén unha serie de emanacións vitais que, coma no caso dos síntomas volcánicos, constitúen formacións de cinsa, pedra, lava e rocha metamórfica. A “Cinsa”, escrita entre o ano 2004 e o 2010, poetiza o abandono do mundo rural galego e o seu resistente corazón residual, en loita contra o esquezo e o desleixo, e tentando sempre integrar a morte na vida e a vida na morte. A “Pedra” foi experimentada como sentimento megalítico a través dunha vida vivida en Bretaña, onde precisamente se escribiu o texto, en Roazhon, en abril do ano 2005. A “Lava” foi soñada desde a infancia no misterio de Pompeia, a onde viaxei en febreiro do ano 2009, na procura do magma, ó encontro do enigma da beleza e do amor. A “Rocha metamórfica” quere petrificar salvaxemente a linguaxe de Eros, na celebración carnal antiplatónica.


Cava. Cura a loucura. Que non me equivoque. Quero falar ben. Facerte fiz. Porque “importa a feliz idade”. O bo día. Os tempos bos. As horas. As grazas. Os gozos. As luces. O baile bascular da harmonía xusta máis alá das idades das pedras e dos metais que matan.

Células madres da rexeneración.

A nena amada sabe quen quere.


CARMEN BLANCO

13 de xan. de 2012

Alberte Momán regresa á poesía cunha obra sobre as relacións cotiás


Aínda que a súa profesión sexa a de enxeñeiro técnico agrícola, Alberte Momán (Ferrol, 1976), é escritor. Agora acaba de publicar “Os quilómetros que percorremos dende aquela” (Toxosoutos) unha indagación nos conflitos íntimos estruturada en tres partes que conforman tres relacións sentimentais e humanas. Unha poetización da existencia cotiá sobre a que Momán sinala: “Non se trata de poesía erótica, como se ten sinalado atendendo á miña traxectoria. O libro fala das relacións humanas con tres persoas, e nesas relacións hai erotismo, do que falo como un elemento cercano á existencia, pero tamén doutros elementos de calquera parella ao longo do día común, como o traballo, que tanta influencia ten sobre as persoas”.
En canto ao estilo, Momán asume unha forte carga visual na súa poesía e neste “Os quilómetros que percorremos dende aquela”. Así, na última parte ten moita influencia a película “In the mood for love”, do director Wong Kar-Wai, a través do seu protagonista Su Liz-Hen. “Creo que as referencias visuais son comúns a moitos autores contemporáneos. Eu pretendo crear imaxes suxerentes, comprensibles para calquera lector amais da referencia e paralelismo a unha obra concreta como, neste caso, ‘In the mood for love’, que ten bastante peso na terceira parte do libro”.
Ao tratarse de relacións persoais podería pensarse que o poeta ferrolán fala en clave autobiográfica, algo que el nega. “Na literatura mestúrase o que é real e o que é fición. Ista non é unha narración histórica”.
Alberte Momán respira literatura. Esparexida pola súa obra figuran libros e colaboracións en numerosos libros e revistas, sen perder o contacto coa súa terra. “Procuro colaborar coa revista Atenea, do Ateneo Ferrolán”, avisa como xeito de manter as súas raíces. No eido literario continúa a traballar dentro colectivo “A porta verde do sétimo andar”, que fai recitais e actividades por vilas e cidades galegas, e incluso hai pouco visitou Madrid. “O colectivo ten a faceta editorial: os Q de Vián Cadernos. Trátase dun proxecto do colectivo que busca incidir na visibilidade da produción artística galega. Esta colección nace con afán de continuidade. Xa saíron traballos de Rosa Enríquez, Kiko Neves ou unha obra miña e de Alba Méndez sobre Rosalía de Castro, entre outros traballos. Resulta estimulante dar a coñecer novas propostas”.

Imaxinación > En canto ao futuro, Momán agarda presentar “Os quilómetros que percorremos dende aquela” en Ferrol, quizais o mes próximo. Xa, ao longo do ano, sairá o seu regreso á narrativa. “Trátase dun libro de relatos breves que sairá en Sotelo Blanco. Son historias moi breves, moi pouco descritivas e que piden a intervención do lector, da súa imaxinación. Son historias que tratan de suxerir máis que describir, algo que me gusta máis”, confesa.

5 de xan. de 2012

Don Isaac



Non podería deixar de brindarlle a miña particular homenaxe a unha das figuras que construíu a cultura galega dende a xenerosidade, a través dos libros aos que hoxe de xeito imprescindible hai que botar man para ler a Galicia do exilio. Un home bo, un intelectual do país que contribuíu a facelo e proxectalo. A partir de agora probablemente lle sobren homenaxes, mais a mirada que eu lembro canto presentamos o libro de Montse é precisamente a da memoria, a da súa memoria que afortunadamente deixou escrita e pintada. Pero non sempre esa memoria é foi sostida e admirada cando el o precisou, cando o país que el tanto acariñou precisou del. Lembro perfectamente os teus ollos cheos de memoria e o teu sorriso irónico, doce e ferinte.
Ata sempre, don Isaac, e grazas polo teu legado, sempre indiscutible.

David G. Couso