O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

28 de xuño de 2011

Toxosoutos publica o X Premio Relato de Aventuras Avilés de Taramancos



A DAMA FULXENTE

ANTONIO PIÑEIRO

78 páxs.

13x20

10,00 euros


Anne Geneviève alta dama francesa fai o Camiño de Santiago como ofrenda pola súa curación. Aqueixada dunha mortal enfermidade, e acurralada polas intrigas da Corte de Luís XIV, emprende a viaxe desde Bordeaux nunha mañá do mes de xullo, cun pequeno séquito e a compaña do seu médico, que atopará tamén ao final do Camiño, na Igrexa de San Martiño de Noia, a solución que, como científico, buscaba á enfermidade, xunto aos insospeitados signos que, dese saber, lle son transmitidos a través da arquitectura dos séculos.

O Camiño de Santiago no século XVII. Os turbulentos tempos de cambio. A decadencia dun modo de vida. As vicisitudes dunha viaxe plena de acontecementos, tensións, aventura, paisaxes. As inquietantes, delgadas liñas que separan ou unen a fe e a razón.

A dama fulxente trae a colación, ademais, un deses motivos históricos e menos coñecidos polos que o Camiño de Santiago acadou o seu carácter de xigante das peregrinacións.


máis

23 de xuño de 2011

Nas profundas augas do esquecemento

MÉRCORES 29 DE XUÑO
Presentación da novela
Nas profundas augas do esquecemento,
de Sergio Vences

ACOMPAÑA AO AUTOR

XESÚS ALONSO MONTERO

CATEDRÁTICO DE FILOLOXÍA DA USC E MEMBRO DA REAL ACADEMIA GALEGA


20h.00

FUNDACIÓN CAIXA GALICIA

A CORUÑA

C/ Cantón Grande, 21-24
15003 A Coruña

981 185 060

21 de xuño de 2011

Lucidez na loucura


Rubén Martínez Alonso debuta na narrativa co retrato psicolóxico dun demente que se rebela contra a falta de liberdade nunha sociedade alleante

"A hipocrisía contaxiarase entón ó eido público dende o privado, ás relacións sociais, porque os individuos xa non son capaces de concibir un mundo sen mentiras, falsidades, sen praceres colectivos que satisfagan á masa, ó tempo que impiden a realización do suxeito, do singular, do ego". É unha das reflexións do protagonista de 1980 (ano cero), a primeira novela de Rubén Martínez Alonso, que acaba de editar Toxosoutos. Un monólogo dunha persoa lúcida na súa loucura.

É o teu primeiro libro, aínda que xa publicaras algo de poesía en "Dorna". Non é un pouco arriscada a túa opción polo monólogo?

O protagonista é un demente e iso dá pé a reflexionar sobre moitas cousas. É case todo monólogo, si, menos algo de diálogo que lle dá axilidade, aínda que moitas veces non sabemos con quen fala, moitas veces fala consigo mesmo...

É unha persoa cunha enfermidade mental, con dobre personalidade, pero fai críticas moi acertadas dunha sociedade que ve como alleante e destrutiva...

Desexa a morte, e vai argumentando esa arela nas súas experiencias. E ó mesmo tempo vai asumindo a personalidade dos outros personaxes dos que fala. E cuestiona, critica, a sociedade. O xogo é que se podería darlle a volta á historia, sendo os tolos os demais, pois el pregúntase quen pode sentirse libre no cárcere que é o mundo.

Que é este libro, se tiveras que definilo nunha frase? Cal é o tema fundamental?

A liberdade de escoller como vivir a túa propia vida.

O que conta ocorreu no pasado. E hai varios pasados nun...

Presente, pasado e futuro están mesturados, en realidade. Só hai esa data que el asocia a un feito traumático. O tempo, como o espazo, quedan nun segundo plano.

O que si está claro é que o marcou a súa infancia, o maltratamento...

Ten bos recordos da súa infancia. Pero tamén hai unha crítica ó maltratamento, e ó amor mal entendido que en realidade é dependencia e que leva a consentilo. E, si, a idea de que a infancia é unha etapa que nos marca moito.

Pero o protagonista tamén é crítico consigo mesmo, non si?

Si, porque se decata de que é moi semellante a seu pai. El ten unha personalidade herdada, e non é capaz de ser doutra maneira. Seu pai tamén fora maltratado. É unha violencia que vai pasando de xeración en xeración. E a única saída que el ve é a morte.

Rexeita a sociedade pero tamén se sente moi só...

Séntese só porque non se sente comprendido.

LER MÁIS EN GALICIA HOXE

15 de xuño de 2011

Novidades editoriais


Nesta edición recollemos, en tradución ao galego, e por orde cronolóxica, a narrativa breve de Rosalía de Castro. Unha obra prosística que cadra moito máis coa idea que a crítica posterior da autora reivindica para a escritora. As súas novelas, así como os seus artigos, da man sempre da súa obra en verso, tamén mostran unha Rosalía instruída, forte e reivindicativa, que, sen resignarse, critica e loita polas inxustizas sociais e rebélase contra a orde establecida.A crítica á sociedade patriarcal que non a deixa expresarse, nin ser libre polo feito de ser muller é o tema de fondo de Lieders (1858) e Carta a Eduarda (1866). A preocupación por Galicia, abocada a unha situación de marxinalidade política e social levan a Rosalía a escribir artigos como Costumes galegos (1881) ou Padrón e as inundacións (1881).

11x16
9 euros
86 páx.

Ademais, edición castelá de Ilímites de pensarte libre, de Iago Santalla

14 de xuño de 2011

Ana Cibeira e Luís Calvo, con éxito na feira do libro de Madrid o sábado 11 de xuño

Pintalabios, de Ana Cibeira na caseta da AGE o sábado 11 de xuño

Ana Cibeira e David G. Couso

Daniel, David, Xoán e Luís na caseta da AGE

Luís Calvo asinou O negro leite da aurora. Viaxe á xeografía lírica de Lois Pereiro


Luís Calvo, Ana Cibeira e David G. Couso

9 de xuño de 2011

NOVIDADE EDITORIAL


Tamén navegar

Escolma de poesía galega sobre carpintería de ribeira

e embarcacións tradicionais

Edición de Francisco X. F. Naval

Ás veces as embarcacións semellan navegar sobre as ondas do verso, deixando atrás o ronsel dunha emoción, outras destaca o valor simbólico que o poeta lle confire, identificándoa coa vida, coa morte, ou co tránsito cara aos momentos transcendentes da existencia.

O título, Tamén navegar, fai referencia ao poema Penélope, de Xohana Torres, e quere reflectir que as embarcacións son para navegar e só no mar, e en uso, ten pleno sentido a súa conservación. Os poemas referidos á carpintería de ribeira, reúnense baixo a epígrafe “Labras na area” facendo alusión a que a praia foi o lugar de construción habitual das embarcacións. A segunda e máis extensa “O mar ese camiño”, lugar de encontro das embarcacións, invoca o último verso do poema Lingua proletaria do meu pobo, de Celso Emilio Ferreiro, que ten Galicia como referente: “deitada rente ó mar, ese camiño” aludindo a que é no mar onde as embarcacións teñen pleno sentido de ser.

AUTORAS E AUTORES INCLUÍDOS:

Alexandre Nerium

Álvaro Cunqueiro

Ana Romaní

Antón Avilés de Taramancos

Antón Zapata García

Ánxel Sevilla

Anxo Angueira

Aquilino Iglesia Alvariño

Bernardino Graña

Carlos Arias

Celestino Luis Crespo Crespo

Celso Emilio Ferreiro

César Antonio Molina

Cesáreo Sánchez Iglesias

Chus Pato

Darío Xohán Cabana

Eduardo Blanco Amor

Eduardo Pondal

Eliseo Alonso

Emilio Álvarez Blázquez

Emilio Pita

Eva Veiga

Fermín Bouza-Brey

Francisco Souto

Gonzalo López Abente

J. Domingos Rivas Argibay

Joan Zorro

José María Castroviejo

Juan Bolseiro

Juan Pérez Martínez

Luís Amado Carballo

Luis Rei Núñez

Luz Pozo Garza

Mª do Carme Kruckenberg

Maite Dono

Manuel Antonio

Manuel Caamaño Devesa

Manuel Cuña Novás

Manuel Leiras Pulpeiro

Manuel Lueiro Rey

Manuel María

Manuel Rivas

María Mariño

Marta Dacosta

Miguel González Garcés

Miro Villar

Modesto Fraga

Nuno Fernandes Torneol

Pura Vázquez

Ramón Cabanillas

Ramón Caride

Ramón Rey Baltar

Ricardo Carvalho Calero

Rosalía de Castro

Salvador García Bodaño

Victorino Abente Lago

Vítor Vaqueiro

X. H. Rivadulla Corcón

X. L. Méndez Ferrín

Xavier Seoane

Xesús Franco

Xoan-Manuel Casado

Xohana Torres

Xosé Carlos Gómez Alfaro

Xosé Conde

Xosé Mª Álvarez Blázquez

Xosé Mª Álvarez Cáccamo

Xulio López Valcárcel

Xurxo Alonso

Yolanda Castaño

8 de xuño de 2011

«Piñor debe recuperar a Carmen Martín Gaite»


Hai anos que David González Couso (Ourense, 1978) centrou a atención informativa e dos investigadores polo seu libro Los perfiles gallegos de Carmen Martín Gaite. Logo desenvolveu outros traballos vencellados coa escritora (nacida en Salamanza en 1925 e finada en Madrid no 2000) e a súa última publicación, O fío da escritura, percorre a historia e a xenealoxía dos Gaite para reescribir a historia da familia e, en parte, de moitos dos acontecementos e dos episodios salientables de Ourense e outras partes de Galicia. González Couso é tamén o director de publicacións da editorial Toxosoutos.

-Toxosoutos creou unha liña editorial cunha denominación máis que evidente: Colección Esmorga ¿que motivou a elección do nome?

-Queríamos dárlle un sinal de identidade moi claro e unha aposta por novas propostas e iniciativas nesta colección. E ao mellor algo tivo que ver a conexión ourensá do comité que a promove, tendo en conta que están, entre outros, Fernández Naval, Ramón Caride, Jorge Emilio Bóveda e Xerardo Méndez.

-¿Que se vai ofrecer nesta liña da editora?

-Os contidos van ser moi diversos pero queremos que teña unha identidade como colección: autores clásicos, tamén da propia literatura galega, traballos filolóxicos, ensaio, narrativa, teatro e poesía. Unha sátira de Séneca é a nosa nova proposta.

-En «O fío da escritura» recupera a pegada de Carmen Martín Gaite, ao traverso da súa familia, en Ourense e en Galicia ¿queda aínda memoria viva da autora?

-Quedan familiares, curmáns da escritora, que aínda manteñen a memoria e lembranzas de Carmen Martín Gaite. Esas pegadas e o material que fun recollendo aparecen refrexados na miña obra.

-¿A asignatura pendente de Ourense é recuperar a memoria da autora?

-Queda traballo por facer, en Ourense algo menos é de forma salientable en Piñor. Neste tipo de iniciativas sempre hai reticencias, decisións políticas e outros aspectos. Con todo, Piñor debe recuperar a memoria de Carmen Martín Gaite.

-¿Cal sería a fórmula?

-Sería algo a concretar, mais é de xustiza facerlle un recoñecemento a escritora.

La Voz de Galicia, 8 xuño 2011

3 de xuño de 2011

Ollo a esta flor rara, por Vicente Araguas

Nordesía, 29 de maio 2011

NOVIDADES





















Séneca, Apcolocyntosis. A conversión do emperador Claudio en cabazo (Edición bilingüe latín-galego de Anahí Sotelo). Serie Esmorga. Máis información

David G. Couso, Martín Gaite. Os pefís galegos. Col. Fasquía. Trad. de Amelia Piñeiro.
Máis información

2 de xuño de 2011

Novela e teatro











A editorial Toxosoutos vén de sacar a luz, na colección “Nume”, 1980 (ano cero) de Rubén Martínez Alonso, cuxas primeiras publicacións literarias tiñeron lugar no eido da

poesía a través da revista Dorna. 1980 significa a súa primeira incursión no ámbito da narrativa. O pequeno, pero intenso, volume de oitenta páxinas leva un título que fai referencia á crenza de que tras a morte por suicidio unha persoa volve de novo ao ano cero.Trátase, pois, dun monólogo onde o tempo e mais o espazo desaparecen na procura da ubicuidade absoluta: a consulta da psiquiatra, o máis alá, a infancia, o futuro, o pasado, o presente (“xa todo foi, é e será a un tempo”), mentres o narrador Eu confúndese con El e ás veces con Ela co que o Ego asume outros eus e a dualidade de xénero. Ansiedade, obsesión, angustia, destrución, psicose, suicidio, expulsión do paraíso, orfandade, soidade, dor, enfermidade, desamparo, violencia, maltrato, nai, pai, irmán…son os campos semánticos sobre os que xiran as reflexións do protagonista , quen aspira reiteradamente á morte por suicidio porque non hai esperanza ou porque é o único xeito de encararse coa vida. Unhas palabras descarnadas e brutais que non deixarán indiferente a ninguén e que nos producen, cando menos, desacougo.

Dorinda Castro Soliño


Na entrega de premios anuais que a Asociación Galega de Editores celebrou hai uns meses na cidade de Lugo un dos editores que recibiron unha merecida homenaxe foi, precisamente, o autor desta peza teatral, inédita ata agora, e que Toxosoutos edita na súa colección A esmorga-Teatro; á que xunta, por certo, a publicación d´O espantallo, con ilustracións de Pepe Carreiro.

Nesta liña de perseverar na lembranza de Agrelo O triángulo escaleno prológase, ademais, por dúas voces que afondan nalgunhas dimensións destacables tanto do propio autor como da súa obra teatral en xeral e desta peza en particular.

O primeiro limiar vén da man de Xerardo Agrafoxo, que subliña o papel que desempeñou Agrelo como iniciador dunha aventura teatral propia baixo o nome de “Grupo de Teatro Candea”, realizando asemade un seguimento das intencións do mesmo e das pezas estreadas, tendo en conta o contexto social e político desfavorable no que esta se xestou e desenvolveu, remarcando globalmente os trazos definitorios das pezas levadas a escena como foron a súa sinxeleza, a nada oculta mensaxe política e a firme defensa do idioma galego.

Pola súa parte, Euloxio R. Ruibal, para quen Agrelo foi un “completo home de teatro” na súas facetas de director, intérprete, promotor e autor, analiza polo miúdo as pezas teatrais coñecidas ata hoxe como son Noite de lobos, Metá e metá, O mestre, aqueloutras que incardina no ámbito do teatro infantil e, loxicamente, os trazos caracterizadores da presente O triángulo escaleno.

Unha lectura da peza edita desvela axiña as claves da peza como son o asunto temático inclinado cara ás vertentes das relacións amorosas e sentimentais, expostas de xeito desinhibido e sen tabús, a intensa carga irónica nas situacións descritas, a superación de tópicos ou preconceptos e, ao tempo, os límites da liberdade individual e colectiva. Por outro lado, a verosimilitude das situacións expostas a carón da innegable fluidez dialogal que domina esta achega, teño para min, resultan algúns dos aspectos máis conseguidos da obra merecidamente rescatada e que pon a figura do seu autor, de novo, de actualidade.