O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

27 de maio de 2010

Percorrido pola música galega


O venres 11 de xuño ás 20,00 h.presentamos
n'O Pazo das musas (Santiago de Compostela)
o libro de Fernando F. Rego.
50 anos de pop, rock e malditismo na música galega
Concerto de Noise Project

24 de maio de 2010

Presentación en Negreira do libro ¿Por que o cola-cao non está no dicionario? Lingua galega e marcas rexistradas



A máis dinámica que nunca Casa da Cultura nicrariense, teimuda erudita na súa idade de ouro, acolleu no xeo interno de seu, o anunciado acto da presentación do estupendo libro “¿Por que o cola-cao non está no dicionario. Lingua Galega e marcas rexistradas” de María Rey e Noemí Álvarez no que, ademáis de contar coa participación do mestre X. M. López Tuñas, o escritor David González Couso, e o director do IES “Xulián Magariños” Adelino Pose Reino, tivo a sorpresiva e, ó parecer do enviado especial de valdebarcala.es ó evento, máis que virtuosa actuación da guitarrista María Villanueva.

21 de maio de 2010

Primeira recompilación histórico-discográfica da música galega


Próxima presentación do libro e dobre CD Fernando Fernández Rego,
50 anos de pop, rock e malditismo na música galega.

19 de maio de 2010

Uxío Novoneyra, deseñador dos espazos íntimos

Xosé Lois García, o amigo e tamén poeta, ofrécenos este libro (en edición de Toxosoutos na serie Memoralia) que acaba de escribir, desde os ecos do pasado compartido e desde as lembranzas recollidas do acontecido á par do poeta courelao. Xosé Lois García, tamén poeta, ensaísta, articulista, estudoso da literatura de expresión portuguesa? escribe e deseña este ensaio-mural que resume na segunda parte do título a esencia do que foi o poeta do Courel: o home como centro dese universo persoal e único, comprometido cos espazos do país que soubo sintetizar a natureza en versos rotundos e a paisaxe en caligrafías arrebatadas.

"Novoneyra, convocando como rumor milenario, resoansdo a través dos que comparten a vontade do alto destiño que é o canto, o dicir. Ecoendo coma voz librando terra, como son, codificándoa, recollendo, gardando e doando solidariedade fraterna aos novos que saben que o home e a terra poden ser outra cousa?". Estas verbas de Uxío Novoneyra Rei, na evocación íntima e poética de seu pai, serven de proemio neste libro, "Uxío Novoneyra. Home e terra", que se configura coma un percorrido polas verbas recuperadas de Xosé Lois García e do poeta courelao. É a lembranza dos escritores co autor d"Os eidos. É un abeiramento á fauna e flora da poesía do autor e recolle un fermoso álbum fotográfico para mirar con vagar, cos ollos de Novoneyra. É que, "Uxío Novoneyra continúa aquí, en múltiples e inalterábeis presenzas, tanto do lado humano como do literario. Porque el soubo buscar o achego máis íntimo de convivencia e na súa máis ampla solidariedade".

11 de maio de 2010

LETRAS GALEGAS 2010



Xosé Lois García, Uxío Novoneyra Home e terra








Carmen Blanco, Novoneyra, un cantor do Courel a Compostela

7 de maio de 2010

«Cola Cao identifica un produto dende os 60, pero non está nos dicionarios»


A editorial Toxosoutos presentou en Couceiro o libro ¿Por que o Cola Cao non está no dicionario? Lingua galega e marcas rexistradas , unha investigación divulgativa de Noemí Álvarez e María Rey, profesoras de galego de ensino medio, que constatan que malia a supeditación comercial do galego ao castelán, hai marcas que se lexicalizaron en certas zonas, pero non en Galicia, como Danone para dicir iogur.

-¿Teñen resposta ao título?

-Non. Os dicionarios teñen que ir por detrás de palabras que se incorporan á lingua, pero hai marcas que identifican un produto dende hai décadas como Cola-Cao que non está no dicionario, e estano outras máis recentes.

-¿Por que investigaron isto?

-Buscabamos outra cousa e topámonos con aspirina ou rímmel, e por curiosidade miramos se estaba Cola Cao. Así que fixemos un baleirado do dicionario de Xerais e unha comparativa cos da RAG, Século XXI e o dixital Digalego, e non hai coincidencia absoluta. Pensamos que hai que sistematizar, e facelo tamén coa pronuncia, sobre todo con palabras doutras linguas, que son a maioría.

-¿Que marcas son comúns no léxico e faltan nos dicionarios?

-Propoñemos dezaseis, entre elas Coca Cola, Tipex, Betadine, Albal, Velux, Nocilla ou Barbie, e Cola-Cao.

-¿Agardan que prospere?

-Nós non sancionamos palabras, facemos unha achega que terá que valorar a Real Academia.

Entrevista de Concha Pino en La Voz de Galicia

5 de maio de 2010

Ourense: presentación de Incivil, de Xoán Carlos Domínguez Alberte

A Editorial Toxosoutos e a Livraria Torga de Ourense teñen o pracer de convidalo á presentación do libro Incivil. Intervirán Xoán Carlos Domínguez Alberte (autor) e Delfín Caseiro (profesor e escritor). Será o mércores 5 de maio de 2010, ás 20:00 h. na Livraria Torga – Ourense.



Autor de Roberto Blanco Torres e a loita pola supremacía ética. Estudo crítico e escolla poética e coordinador do volume Volverlles a palabra. Homenaxe aos represaliados do franquismo, Xoán Carlos Domínguez Alberte (Ramirás, 1966) vén de publicar o poemario Incivil(Toxosoutos).
Por que Incivil?
Para designar unha época maldita como foi a barbarie producida dende o 36 en Galiza. Incivil tamén para facer referencia as palabras encubertas que se veñen empregando para ese momento. Afonda dende unha perspecti- va poética sobre a memoria his-
tórica, un eido no que leva anos traballando dende diferentes perspectivas. Que persegue ? Darlle voz aos que nunca a tiveron e denunciar o exterminio indiscriminado que se desencadeou tras o golpe de estado. Está abordado dende a perspectiva dos sufridores desta guerra mal chamada civil. Son historias que se circunscriben maioritariamente ao ámbito da Raia Seca. O libro persegue ademais converterse en símbolo das barbaries que se perpetran actualmente en infinidade de lugares.

Como valora a anulación das subvencións para recuperación da memoria histórica que anunciou a Xunta?
Moi negativamente. O que se leva feito, especialmente duranteo bipartito, é importante pero
queda moito camiño no referido á restitución das vítimas e dos bens, á pedagoxía . Cómpre deixar claro que en Galiza non houbo guerra senón que un grupo de forzas armadas exerceron unha estratexia de asoballamento indiscriminado. Se esquecemos a memoria non poderemos construír o futuro.

A NOSA TERRA