O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

28 de mar. de 2011

Xosé Agrelo e O triángulo escaleno. Estrea en Noia


Despois dunhas intensas xornadas de actividades e conferencias, a Semana da Historia de Noia tocou ao seu fin o sábado pola noite coa homenaxe a Xosé Agrelo Hermo, a quen se dedicou a sexta edición desta convocatoria. O coliseo Noela serviu como escenario para o sentido recoñecemento que os noieses brindaron ao falecido escritor e dramaturgo.

De feito, foi precisamente a súa faceta teatral a que se destacou no acto celebrado o sábado, xa que se representou por primeira vez a obra póstuma de Agrelo, O triángulo escaleno.

Pero antes de que os actores da compañía Mutis subísense ao escenario para a función, a profesora Pili Sampedro e Xoán Manuel Fernández, director do grupo teatral, lembraron a figura do homenaxeado.

Este último repasou a súa relación co escritor e dedicoulle un dos seus contos, mentres que Sampedro repasou a historia teatral da vila noiesa e a obra de Agrelo. Concretamente, falou das súas creacións Noite de lobos, Metá e metá e O mestre. Tres textos que lle serviron para destacar a condición sinxela e popular do teatro de Agrelo, pero tamén o seu carácter profundo, ao tratar temas de calado social como a emigración ou a represión franquista.

Logo, chegou o momento de culminar a homenaxe coa posta en escena da que é a única obra teatral de Xosé Agrelo Hermo que nunca se representou, O triángulo escaleno.

25 de mar. de 2011

Arredor de Lois Pereiro, por Armando Requeixo


O ano Lois Pereiro comeza a dar froitos. Un dos primeiros e máis graúdos Lois Pereiro. O negro leite da aurora. Viaxe á xeografía lírica de Lois Pereiro, ampla monografía coasinada polos filólogos e investigadores José Luis Calvo e Carlos Gegúndez López para a colección Fasquía da noiesa Toxosoutos. Ideada como unha aproximación múltiple e proteica, a obra divídese en tres bloques de sentido precedidos dun breve “Limiar” de Xosé Manuel Pereiro e un extenso “Adro” dos autores. No primeiro dos bloques acométese a análise demorada da produción poética do escritor monfortino, sen desbotar tamén as referencias a outras fías da súa escrita. Na segunda das seccións —e logo dunha detallada cronobiografía— proporciónase unha moi exhaustiva bibibliografía de e sobre o poeta que é, con seguranza, a máis documentada e completa das que se teñan feito. Finalmente, as últimas páxinas do volume resérvanse para unha escolma de poemas en homenaxe que dedicaron ao autor diferentes creadores.

Deste Lois Pereiro. O negro leite da aurora. Viaxe á xeografía lírica de Lois Pereiro cabe dicir que é estudo substantivo, non só pola interesante aproximación sociolóxico-literaria que aos textos do poeta fai, senón tamén pola vizosa ensamblaxe do material hermenéutico previo que amosa e a acaída consideración das circunstancias intra e extraliterarias que configuraron o particular universo Lois Pereiro. Lectura, pois, máis que recomendable, imprescindible para non se perder nese inmenso buraco negro poético no que converteu a súa vida e obra o autor de Poesía última de amor e enfermidade.

Máis

20 de mar. de 2011

Euloxio Ruibal ensalzó el talento dramático de Agrelo


La sexta edición de la Semana da Historia de Noia comenzó ayer, tal y como marcaba el guión, ensalzando el valor creativo y personal de Xosé Agrelo. Fue uno de los prologuistas de su última publicación -O triángulo escaleno-, Euloxio R. Ruibal -el otro es Xerardo Agrafoxo- el encargado de presentar esta obra inédita del dramaturgo noiés entre amigos y admiradores. Fue el mismo Euloxio R. Ruibal quien ensalzó «o talento que Pepe tiña para interpretar, dirixir e escribir teatro, algo que se pode comprobar en O triángulo escaleno».

Y es que fue precisamente el bibliotecario de la Real Academia Galega, Ruibal, quien explicó que la pieza que se presentó ayer refleja todas las virtudes drámaticas de Agrelo: «Pepe mestura factores como son a comedia amorosa e o drama nun texto no que fai unha crítica a Igrexa máis tradicional pero sen ser ácida, con humor e moderación para que os espectadores ou lectores saquen as súas propias conclusións».

Y como entre creadores andaba la cosa, otro ilustre noiés, Alfonso Costa, tampoco faltó a la cita, relatando como se inspiró en los personajes de la obra para elaborar el dibujo que ilustra la portada de la publicación. El tercero de los ponentes, que además fue el encargado de abrir la Semana da Historia, leyó un texto introductorio sobre Agrelo, explicando su vida y obra. El encargo de hacerlo fue el filólogo Pastor Rodríguez.

Cabe decir que es la editorial también noiesa, Toxosoutos, la que se ha embarcado en este proyecto, que ya está a disposición del público. Además, el estreno de la primera jornada fue un éxito gracias al apoyo del público.

La Voz de Galicia

Escritores ao fío da escritura


O Paraninfo do Instituto de Educación Secundaria Otero Pedrayo de Ourense acolleu o venres, día 18 de marzo, o acto de presentación do libro O fío da escritura, editado por Toxosoutos e do que é autor o filólogo ourensán David González Couso. No transcurso do acto levouse a cabo tamén a clausura dos I Encontros da Serie Esmorga, unhas citas literarias promovidas por Toxosoutos que se desenvolveron en diferentes lugares de Galicia co obxectivo do lanzamento dunha nova colección da editorial, a Serie Esmorga.

O fío da escritura é un traballo de investigación que amosa o labor cultural dos Gaite na Galicia do século XIX e comezos do século XX. O seu autor, David González Couso, explicou que este é xa o cuarto libro que escribe sobre esta temática, ademais doutros sete artigos en revistas de literatura e subliñou que o obxectivo da publicación é dobre. “Por unha banda quero pechar o meu ciclo de investigacións sobre a familia Gaite e, pola outra, quero por de manifesto a importancia das súas contribucións ao Ourense dos séculos XIX e XX”. O libro inclúe as pescudas sobre personaxes como os irmáns Antonio e Joaquín Gaite Núñez -bisavó da autora-, vencellados ao ensino ou ao xornalismo e facsímiles escritos por estas figuras, moitos deles inéditos.

As vivencias de Carmen Martín Gaite en Ourense

O poeta e profesor Claudio Rodríguez Fer, autor do limiar da obra, falou no acto para facer un percorrido polos grandes escritores ourensáns ou vinculados a Ourense e para situar neste contexto a Carmen Martín Gaite. Segundo as súas palabras, “o libro de David permítenos tirar da ourensanía para situar nela a Carmen Martín Gaite, partindo da base de que as vivencias infantís e xuvenís da narradora en Ourense tiveron moita importancia na elaboración de toda a súa obra”.

No acto interviron tamén Luís Fernández, director do IES Otero Pedrayo, a onde pertence o arquivo no que David González fixo boa parte das súas pescudas para escribir o libro e a filóloga María do Carmo Henríquez, que subliñou o traballo do escritor. “David ven de realizar un labor meritorio e máis nunha sociedade onde trunfa a mediocridade e onde está de moda o vulgar. Dignificar a literatura, os escritores e a lingua é un traballo que hai que facer con seriedade e rigor”, declarou.

Clausura dos I Encontros da Serie Esmorga

O acto de presentación do libro O fío da escritura serviu tamén para clausurar os I Encontros da Serie Esmorga, unha iniciativa literaria promovida pola editorial Toxosoutos –da que David González é director de publicacións- co gallo da posta en marcha da súa nova colección: Serie Esmorga. A iniciativa ten por obxectivo a divulgación de grandes obras clásicas en edición bilingüe e de traballos da literatura galega.

O Consello Asesor desta nova colección está formado polos escritores Ramón Caride Ogando, Xerardo Méndez, Francisco X. Fernández Naval e Jorge Emilio Bóveda, que subliñaron no acto de clausura dos encontros a importancia desta nova colección e a súa implicación no seu desenvolvemento. Nesta liña, Fernández Naval dixo sentirse “moi orgulloso desta colección como ourensán”; Xerardo Méndez subliñou o poder da literatura como “ese espello no que nos temos que mirar para non asustarnos da realidade” e Jorge Emilio Bóveda puxo de manifesto o papel que cumpre a nova serie no tocante á normalización da lingua galega.

TEMPO DE LECER

LA VOZ DE GALICIA



17 de mar. de 2011

Alfredo Brañas: o "gurú" do século XXI


O título fala por si só: A crise económica e a descentralización rexional. ¿Unha análise dun dos actuais gurús da negra coxuntura que nos afoga? Non: o autor foi Alfredo Brañas, que configura un retrato da Galicia de 1892 que perfectamente se podería exportar ó século XXI, e que foi recuperado pola editorial Toxosoutos grazas ó empeño do catedrático de Economía e presidente da Fundación Galiza Sempre Xosé Manuel Beiras.

O tamén líder do Encontro Irmandiño prologa este libro traducido por Afonso Ribas, presentado onte na libraría Couceiro compostelá, e descóbrenos un intelectual inédito "criptonacionalista" e soberanista, que se atreve a reclamar as competencias totais para a rexión galega na lección inaugural do curso universitario 1892-93 na actual Facultade de Xeografía e Historial, nunha Compostela "finisecular, chea de curas e beatas", segundo indica Beiras, que vai máis aló e afirma: "era máis difícil que Brañas se manifestase explicitamente como nacionalista que eu quitase un zapato no Parlamento. A censura era brutal".

Neste discurso, extensísimo e que de seguro non foi lido na súa totalidade diante da súa audiencia e que se recupera nesta publicación, Brañas xoga a debullar un auténtico programa político no que propón "dous poderes separados e distintos, e deles, que o rexional sexa o único soberano para ditar as súas leis orgánicas e administrativas".

O intelectual compostelán, ademais, insiste no seu discurso na toma de conciencia de Galicia como rexión "cunha percepción da súa personalide xurídica, completamente allea ás outras", polo que para Beiras, esta é unha clara mostra de que "está falando do espírito do pobo, tomando conciencia da súa identidade diferenciadora, e hoxe isto pode estar suscrito tanto por nacionalistas kurdos,como irlandeses, escoceses e imaxino que o BNG tamén o suscribirá", ironizou, afirmando que esta definición "é máis completa da rexión como suxeito activo que a de Castelao en Sempre en Galiza".

Despois de analizar polo miúdo a faceta máis descoñecida de Alfredo Brañas, que fica fóra dos principais estudos sobre a súa persoa, como o realizado por Ramón Maiz, o presidente da Fundación Galiza Sempre recupera a análise de crise de finais do século XIX, "cunha vixencia actual absolutamente asombrosa", froito da loita pola hexemonía económica mundial que lle dá paso á consolidación de Estados Unidos, e hoxe asistimos, precisamente, á decadencia do imperalismo ianqui.

Brañas, ademais, analiza os principais problemas dunha creba con altibaixos que desembocou na I Guerra Mundial, como a financialización, a fuxida do capital produtivo ós mercados financeiros e, en troques, a hexemonía do capital. "Isto se podería extrapolar perfectamente a José Luis Méndez -o que fóra o mandamás de Caixa Galicia-, ou ós produtores lácteos, que querían facer de Clesa o gran grupo lácteo galego e os bancos lles dixeron "tururú", ironizou Beiras, que lles mandou unha mensaxe ós políticos: "deberiamos aprender da historia, que aporta moitas solucións ós problemas actuais, pero o problema é que non len".

A historia dun discurso perdido e vixente

A crise económica na época presente e a descentralización rexional é unha reedición da obra de Alfredo Brañas pero, realmente, "é unha novidade absoluta porque é a súa primeira edición despois de case 120 anos", revela Xosé Manuel Beiras, empeñado en lograr que vise a luz a través de Toxosoutos na colección económica Ponto Básico pola súa absoluta vixencia na actualidade.

O seu tradutor, Afonso Ribas, impulsor da revista económica Unipro, desvelou que o proxecto naceu hai tres anos, cando inicialmente a obra se ía publicar como anexo da revista, pero finalmente culminou nunha reedición. O único ó que tiveron acceso pertencía á Fundación Penzol, bastante reacia a prestalo polo seu mal estado, pero finalmente fotocopiouse. Na obra descúbrese a un Brañas "do Renacemento" que foxe do estigma que lle ten a esquerda, quizais porque o PP creou unha fundación co seu nome.

Galicia Hoxe

Beiras e Afonso Ribas presentan a tradución galega do libro de Alfredo Brañas sobre a crise económica


A menos de quince metros de separación física, que non política, dúas dos principais líderes do nacionalismo galego e da súa principal fronte, o Bloque Nacionalista Galego, presentaron onte senllos libros. Á mesma hora e con Cervantes por medio, Xosé Manuel Beiras presentaba en Libraríaa Couceiro A crise económica na época presente e a descentralización rexional, de Alfredo Brañas, un libro que o que líder de Encontro Irmandiño presentou a seis mans co o economista Afonso Ribas e David González Couso. Nesta nova publicación da editorial Toxosoutos, Brañas aborda a crise que lle tocou vivir, a finais do século XIX e a súa incidencia en Galicia e as claves da descentralización.

14 de mar. de 2011

VI NOITE DA EDICIÓN 2010. XOSÉ AGRELO, HOMENAXEADO

gremio editorial galego celebrou este serán en Lugo a VI Noite da Edición de Galicia, unha gala coa que a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a todos aqueles que traballan no eido da produción e edición do libro. No acto entregáronse os Premios da Edición 2010, concedidos polos propios editores.

O evento, que conta coa colaboración de CEDRO, da Deputación de Lugo e de GADISA, tivo lugar no auditorio da Deputación de Lugo, e nel participaron o presidente da Federación de Gremios de Editores de España, Antoni Comas, o secretario xeral da federación, Antonio Mª Ávila, o secretario xeral do Gremi de Editors de Catalunya, Segimón Borrás, e o presidente de ANELE, José Moyano.

O acto foi presidido por Manuel Bragado Rodríguez, presidente da AGE, e contou coa presenza do director xeral do Libro, Francisco Rodríguez Barxas, o secretario xeral de Política Lingüistica, Anxo Lorenzo, o vicepresidente da Deputación de Lugo, e a concelleira de Cultura de Lugo.

Nesta VI Noite da Edición, conducida por CABRARET, foron homenaxeadas no apartado da Edición Histórica as editoriais Ir Indo e Hércules de Ediciones, polo seu XXV aniversario, así como o que fora director e editor de Edicións Toxosoutos, Xosé Agrelo Hermo, falecido no ano 2006. Os editores nomearon socio de honra ao seu ex presidente, Alfonso García Sanmartín, ao que se lle recoñeceu o traballo e a traxectoria profesional.

O Premio Francisco Fernández del Riego recaeu en Espazo Lectura, unha iniciativa da sociedade civil coa que se pretende incentivar a lectura e a relación cos libros desde asidades máis temperás.

Os premios da edición caracerízanse polo recoñecemento ao traballo do editor, pola súa escolla da obra.

Tralas votacións dos membros do xurado composto por un escritor, unha editora, un crítico, un libreiro e unha xornalista, resultaron gañadores das correspondentes modalidades:

Premio Ánxel Casal ao Libro de ficción do ano 2010: Todo é silencio, editado por Edicións Xerais, de Manuel Rivas.

Premio Ánxel Casal ao Libro de non ficción do 2010: Construtores, editado por Kalandraka Editora, de Premio Ánxel Casal ao Libro de poesía ou teatro do ano 2010

Premio Ánxel Casal ao Libro de poesía e teatro: Estremas, editado pola Editorial Galaxia, de Ana Romaní.

Premio Xosé Neira Vilas ao Libro infantil e xuvenil 2010: Contos para nenos que dormen deseguida, editado por Kalandraka Editora, de Pinto &Chinto.

Premio Lois Tobío ao Libro traducido do 2010 : 30 gramos, editado por Alvarellos Editora, traducido por Ramón Nicolás.

Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado do ano 2010: A colección Rodribrico, editada por Baía Edicións, ilustrada por Xosé Tomás.

Premio Xosefa Vilarelle ao Libro educativo do ano 2010: Gramática práctica galega, editado por Baía Edicións, de Xoán López Viñas e outros.

Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora do ano 2010: Xosé Neira Vilas.

Premio Rosalía de Castro á iniciativa editorial 2010 : ASOCIACIÓN CULTURGAL, iniciativa do sector editorial galego consolidada e formalizada no ano 2010 como entidade asociativa responsable da Feira das Industrias Culturais de Galicia.

11 de mar. de 2011

Hoxe, Cantos de docedume na Galería Sargadelos de Lugo

Ás 20h.00 na Galería Sargadelos de Lugo coas intervencións
de Luís Calvo, Isidro Novo e David G. Couso.

8 de mar. de 2011

Toxosoutos publica O espantallo (con debuxos de Pepe Carreiro) e o inédito O triángulo escaleno, dous textos de Xosé Agrelo, homenaxeado pola AGE



O gremio editorial galego celebrará o próximo 12 de marzo ás 20:00 horas a VI Noite da Edición, un evento anual do sector editorial galego no que se reunen todos aqueles que traballan o día a día da realidade material do libro. O acto vai ter lugar na Deputación de Lugo.

A AGE homenaxea no apartado da edición histórica ao que fora director da Editorial Toxosoutos, Xosé Agrelo Hermo, así como ás dúas editorias que cumpren o seu XXV aniversario, Ir Indo Edicións e Hércules de Ediciones. Os editores nomearán socio de honra ao seu ex presidente Alfonso García Sanmartín

Os premios divídense nas seguintes categorías:

Premio Ánxel Casal Ficción, Premio Ánxel Casal non ficción, Premio Ánxel Casal Teatro-Poesía, Premio Xosé Neira Vilas ao libro infantil e xuvenil, Premio Xosefa Iglesias Vilarelle ao libro educativo, Premio Lois Tobío ao libro traducido, Premio Isaac Díaz Pardo ao libro ilustrado, Premio Rosalía de Castro á mellor iniciativa editorial e Premio Xosé Mª Álvarez Blázquez ao mellor autor.

En total son 23 as obras editadas polo sector as que optan os Premios da Edición. Ademáis os autores Xosé Neira Vilas, Pepe Carreiro e Marcos Calveiro optan o Premio a mellor autor X.M.Álvarez Blázquez.

A AGE outorgou o Premio Francisco Fernández del Riego á mellor iniciativa do ámbito do libro a Espazo Lectura

O xoves preséntase en Allariz o libro colectivo EN DEFENSA DO POLEIRO

6 de mar. de 2011

A volta de Xerardo Méndez


Xerardo Méndez volta á actualidade literaria con Que cara trae o día, unha novela que se presenta hoxe na Livraría Torga (ás 12.00 horas) e que está editada por Toxosoutos. Catorce anos pasaron dende que publicou a súa primeira obra e o autor recoñece que «eses mesmos anos ten o texto. Comecei daquela con esta historia e en todo este tempo funlle dándo voltas, cambiando cousas, dándolle forma».

En palabras do seu autor, Que cara trae o día, é «unha historia de barrio protagonizada por un home que non se atopa a gusto no sistema educativo da dictadura e acaba deixándoo. E a partires de aí comeza unha nova vida». Dende entón na realidade do protagonista comeza a ter «unha especial influenza e protagonismo a vida das pandillas, moi importante e con moita presenza no Ourense de hai décadas, os altercados, a tentación da droga -que na obra ten moita importancia aínda que non se lla dá un especial protagonismo na novela- e moitas máis cousas».

Xerardo Méndez sinala que a novela non é autobiográfica «aínda que é evidente que no arranque da obra, nas anécdotas e noutros aspectos pode haber influenza do que coñeciches nalgún momento: os feitos reais moitas veces son máis potentes e duros que os inventados» e incide en que «non é máis que unha historia de barrio ambientada en Ourense».

La Voz de Galicia

máis