Xosé Lois García, o amigo e tamén poeta, ofrécenos este libro (en edición de Toxosoutos na serie Memoralia) que acaba de escribir, desde os ecos do pasado compartido e desde as lembranzas recollidas do acontecido á par do poeta courelao. Xosé Lois García, tamén poeta, ensaísta, articulista, estudoso da literatura de expresión portuguesa? escribe e deseña este ensaio-mural que resume na segunda parte do título a esencia do que foi o poeta do Courel: o home como centro dese universo persoal e único, comprometido cos espazos do país que soubo sintetizar a natureza en versos rotundos e a paisaxe en caligrafías arrebatadas.
"Novoneyra, convocando como rumor milenario, resoansdo a través dos que comparten a vontade do alto destiño que é o canto, o dicir. Ecoendo coma voz librando terra, como son, codificándoa, recollendo, gardando e doando solidariedade fraterna aos novos que saben que o home e a terra poden ser outra cousa?". Estas verbas de Uxío Novoneyra Rei, na evocación íntima e poética de seu pai, serven de proemio neste libro, "Uxío Novoneyra. Home e terra", que se configura coma un percorrido polas verbas recuperadas de Xosé Lois García e do poeta courelao. É a lembranza dos escritores co autor d"Os eidos. É un abeiramento á fauna e flora da poesía do autor e recolle un fermoso álbum fotográfico para mirar con vagar, cos ollos de Novoneyra. É que, "Uxío Novoneyra continúa aquí, en múltiples e inalterábeis presenzas, tanto do lado humano como do literario. Porque el soubo buscar o achego máis íntimo de convivencia e na súa máis ampla solidariedade".