O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

22 de out. de 2010

VII Encontro de escritores e escritoras en Ourense

O próximo venres 22 e o sábado 23 de outubro terán lugar, no Liceo Recreo Ourensán, o VII Encontro de Escritores/as de Ourense, continuación dos Encontros iniciados polo Clube Alexandre Bóveda e que continuaron da man de Marcos Valcárcel e da Sección de Literatura do Liceo, nunha nova xeira na que Liceo, Gremio LiterAuria de Escritores, Libreiros e Editores, e a AELG, dan continuidade e reformulación aos Encontros neste ano 2010, coa colaboración, nesta ocasión, do Círculo Poético Ourensán. Todos os escritores ourensáns de residencia, adopción ou afección están especialmente convidados a participar nas actividades previstas, que inclúen un coloquio inaugural, unha sesión musical, a librería do encontro (cunha ampla selección de temáticas e autores ourensáns), a serie de “presentacións express” de libros editados en Ourense ou de temática ourensá editados no 2010, un mercado de manuscritos, a escritura, edición e posta á venda dun libro en 24 horas (Relato Express) en complicidade co público, e un recital poético onde o protagonista será Víctor Campio. Todo o programa pode ser consultado neste arquivo: Programa do VII Encontro de escritores-as de Ourense 2010.