O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

23 de maio de 2011

O Sombreiro de Merlín súmase ás homenaxes a Lois Pereiro

O programa literario de Radio Obradoiro, O Sombreiro de Merlín, xirou este sábado arredor da figura do homenaxeado este ano o Día das Letras Galegas. No espazo, que dirixe e conduce Alicia López, presentouse o libro “O negro leite da aurora”. Viaxe á xeografía lírica de Lois Pereiro". A obra, da que son coautores os escritores J.Luís Calvo e Carlos Gegúndez López, está editada por Toxosoutos.

O título é un verso de Paul Celan, ”Schwarze Milch der Frühe”, referente poético do noso poeta monfortino. Aparte do estudio da obra do poeta, o libro inclúe unha homenaxe poética dos seus amigos e compañeiros poetas e escritores das nosas letras actuais, baixo o epígrafe de “Lápidas”. A obra leva na súa portada un retrato de Lois feito polo fotógrafo Xosé Abad. O programa contou tamén cunha conversa telefónica cos autores do libro, que salientaron a importancia desta figura da escrita e do novo espazo poético que abríu nas nosas letras.

Además, durante o espazo emitíronse tamén dúas grabacións con recitados de Cortizas e Xurxo Souto, máis unha entrevista con este último durante os actos conmemorativos que tiveron lugar nos pasados días en Ferrol.

Podes seguir a actualidade de "O Sombreiro de Merlín no seu perfil de facebook

El Correo Gallego