O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

28 de mar. de 2011

Xosé Agrelo e O triángulo escaleno. Estrea en Noia


Despois dunhas intensas xornadas de actividades e conferencias, a Semana da Historia de Noia tocou ao seu fin o sábado pola noite coa homenaxe a Xosé Agrelo Hermo, a quen se dedicou a sexta edición desta convocatoria. O coliseo Noela serviu como escenario para o sentido recoñecemento que os noieses brindaron ao falecido escritor e dramaturgo.

De feito, foi precisamente a súa faceta teatral a que se destacou no acto celebrado o sábado, xa que se representou por primeira vez a obra póstuma de Agrelo, O triángulo escaleno.

Pero antes de que os actores da compañía Mutis subísense ao escenario para a función, a profesora Pili Sampedro e Xoán Manuel Fernández, director do grupo teatral, lembraron a figura do homenaxeado.

Este último repasou a súa relación co escritor e dedicoulle un dos seus contos, mentres que Sampedro repasou a historia teatral da vila noiesa e a obra de Agrelo. Concretamente, falou das súas creacións Noite de lobos, Metá e metá e O mestre. Tres textos que lle serviron para destacar a condición sinxela e popular do teatro de Agrelo, pero tamén o seu carácter profundo, ao tratar temas de calado social como a emigración ou a represión franquista.

Logo, chegou o momento de culminar a homenaxe coa posta en escena da que é a única obra teatral de Xosé Agrelo Hermo que nunca se representou, O triángulo escaleno.

25 de mar. de 2011

Arredor de Lois Pereiro, por Armando Requeixo


O ano Lois Pereiro comeza a dar froitos. Un dos primeiros e máis graúdos Lois Pereiro. O negro leite da aurora. Viaxe á xeografía lírica de Lois Pereiro, ampla monografía coasinada polos filólogos e investigadores José Luis Calvo e Carlos Gegúndez López para a colección Fasquía da noiesa Toxosoutos. Ideada como unha aproximación múltiple e proteica, a obra divídese en tres bloques de sentido precedidos dun breve “Limiar” de Xosé Manuel Pereiro e un extenso “Adro” dos autores. No primeiro dos bloques acométese a análise demorada da produción poética do escritor monfortino, sen desbotar tamén as referencias a outras fías da súa escrita. Na segunda das seccións —e logo dunha detallada cronobiografía— proporciónase unha moi exhaustiva bibibliografía de e sobre o poeta que é, con seguranza, a máis documentada e completa das que se teñan feito. Finalmente, as últimas páxinas do volume resérvanse para unha escolma de poemas en homenaxe que dedicaron ao autor diferentes creadores.

Deste Lois Pereiro. O negro leite da aurora. Viaxe á xeografía lírica de Lois Pereiro cabe dicir que é estudo substantivo, non só pola interesante aproximación sociolóxico-literaria que aos textos do poeta fai, senón tamén pola vizosa ensamblaxe do material hermenéutico previo que amosa e a acaída consideración das circunstancias intra e extraliterarias que configuraron o particular universo Lois Pereiro. Lectura, pois, máis que recomendable, imprescindible para non se perder nese inmenso buraco negro poético no que converteu a súa vida e obra o autor de Poesía última de amor e enfermidade.

Máis