O ano Lois Pereiro comeza a dar froitos. Un dos primeiros e máis graúdos Lois Pereiro. O negro leite da aurora. Viaxe á xeografía lírica de Lois Pereiro, ampla monografía coasinada polos filólogos e investigadores José Luis Calvo e Carlos Gegúndez López para a colección Fasquía da noiesa Toxosoutos. Ideada como unha aproximación múltiple e proteica, a obra divídese en tres bloques de sentido precedidos dun breve “Limiar” de Xosé Manuel Pereiro e un extenso “Adro” dos autores. No primeiro dos bloques acométese a análise demorada da produción poética do escritor monfortino, sen desbotar tamén as referencias a outras fías da súa escrita. Na segunda das seccións —e logo dunha detallada cronobiografía— proporciónase unha moi exhaustiva bibibliografía de e sobre o poeta que é, con seguranza, a máis documentada e completa das que se teñan feito. Finalmente, as últimas páxinas do volume resérvanse para unha escolma de poemas en homenaxe que dedicaron ao autor diferentes creadores.
Deste Lois Pereiro. O negro leite da aurora. Viaxe á xeografía lírica de Lois Pereiro cabe dicir que é estudo substantivo, non só pola interesante aproximación sociolóxico-literaria que aos textos do poeta fai, senón tamén pola vizosa ensamblaxe do material hermenéutico previo que amosa e a acaída consideración das circunstancias intra e extraliterarias que configuraron o particular universo Lois Pereiro. Lectura, pois, máis que recomendable, imprescindible para non se perder nese inmenso buraco negro poético no que converteu a súa vida e obra o autor de Poesía última de amor e enfermidade.