O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

23 de maio de 2013

Alberte Momán, dando que ler.


Vinte e cinco anos, pouco máis do que unha maioría de idade, coa madurez de quen se sitúa nas fronteiras do mercado, cun proxecto que reivindica a necesidade de definir a esencia dun país, nun momento no que as forzas públicas ceden cara intereses privados, nos que a cultura, alén do estandar comercial, perde presenza. Eis que se sitúa Toxosoutos, apostando pola diferenza, na divulgación dunha diversidade tan minoritaria como necesaria, imprescindible. Eis que se sitúa, tamén, a miña experiencia Toxosoutos, que diría o comercial, de colocarnos nese contexto, pero non é preciso vender vintecinco anos de traxectoria, xa que son as múltiples pegadas que como editora foi deitando nos distintos eidos da escrita, que falan por ela e de todos e todas nós que nos vemos reflectidos nas súas páxinas.


© Alberte Momán

Miro Villar, dando que ler.


Tamén eu son un autor da casa literaria de Toxosoutos. O 13 de decembro, día da Santa Lucía, que quita da noite e mete no día, ou pola Santa Lucía medra o día a pata dunha galiña (as dúas sentinllas dicir a miña nai), ollei os primeiros exemplares do meu poemario Breizh, que se mal non contei fai o número 89 da colección Nume, a día de hoxe dirixida polo filólogo ourensán David G. Couso, a quen agradezo a súa confianza na miña proposta poética.
A mesma colección Nume que inaugurou en 1994 outro libro da miña autoría 42 décimas de febre. Naquela altura o seu director era o lembrado e chorado escritor Xosé Agrelo Hermo (1937-2006), que tratei e co que estiven nunha homenaxe que se lle fixo en Esteiro antes de finar, aínda que nesa publicación tivo moito que ver o poeta Paco Souto que nesa altura traballaba para a editorial.
Son dúas razóns moi poderosas para sentirme da casa literaria de Toxosoutos, mais tamén como lector nos meus ateigados andeis hai unha boa restra de títulos de ensaio, narrativa e, sobre todo, poesía que levan impreso o carimbo da Editorial. Por todo isto, podo dicir ben alto: Parabéns a Toxosoutos no seu XXV aniversario!!! Saúde e mil primaveras máis de andaina editorial!!!

© Miro Villar