O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

5 de abr. de 2010

De moedas e nobreza galega

Suso Vila e Ernesto Iglesias son os autores recoñecidos co galardón de historia medieval coorganizado por Toxosoutos

Tendo como referencia a Idade Media, e como temas localizados nesta época a numismática acuñada en Galicia e a dinastía de Soutomaior, os autores Suso Vila e Ernesto Iglesias serán premiados o sábado en Muros co premio de Historia Medieval de Galicia e Portugal 2009.
Vila coa obra A mecánica da linaxe no espazo medieval galego; a casa de Soutomaior, conseguiu o primeiro posto nesta novena edición, que do mesmo xeito que as anteriores está promovida pola fundación Ría de Muros-Noia e a editorial Toxosoutos. O xurado do certame, integrado ?por Carlos Barros, Xerardo Agrafoxo, Xosé Andrade, Pedro García e Enrique Monteagudo, con David González como secretario, considerou que a obra agasallada vén encher o baleiro existente na historia medieval de Galicia no estudo da importante casa nobiliaria de Soutomaior, achegando nova documentación e enfoques renovadores no campo das mentalidades.
Nesta ocasión, tamén se outorga un segundo premio, coa consideración de finalista, á obra que leva por título As moedas medievais galegas; a circulación monetaria en Galicia ata o século XV, da que é autor Ernesto Iglesias Almeida. Neste traballo histórico investígase a numismática medieval galega dun xeito novo, relacionando as moedas xa coñecidas coa documentación da época.

Os Soutomaior

Para o autor do estudo, Suso Vila, os Soutomaior concitan estereotipos do que foi a Idade Media galega. Un exemplo son os testemuños que se recollen dos seus biógrafos, os cales mostran unha imaxe chea de violencia e traizón, froito do seu carácter político e relixioso. O estudo se acerca de xeito xeral ao protagonismo social e económico que os diferentes membros que esta familia tiveron entre 1147 e 1532. Unha liñaxe no que destaca pola súa influencia Pedro Madruga, personaxe que ao analizar a súa personalidade e mentalidade familiar obtense o trazo das estratexias familiares da época.

A publicación editada por Toxosoutos pretende erradicar na medida do posible erros interpretativos, ademais de fixar a diferenza entre a realidade e a ficción achega do mito creado sobre os Soutomaior.

A numismática galega

A obra finalista de Ernesto Iglesias realiza un percorrido tanto polas moedas atopadas en Galicia durante a Idade Media como por aquelas que foron acuñadas en Lugo, Tui ou A Coruña, empezando polas púnicas descubertas a mediados do século XIX e terminando nas dos Reis Católicos.

O estudo non descarta no seu contido as moedas portuguesas, de moita circulación no medievo sobre todo no sur de Galicia, así como as acuñadas por orde do monarca Fernando I tras invadir en 1370 o territorio galego. O estudo complétase coas mencións referidas ao valor do trueque ou denominacións máis frecuentes.

Javier Romero, La Voz de Galicia, 4/4/2010