Os textos do poeta courelao foron redactados, por unha parte, para intervencións públicas en actos de carácter cultural, como os congresos da asociación de escritores Galeusca, as feiras do libro de Santiago e Vigo ou homenaxes a Rosalía de Castro, Castelao, Celso Emilio Ferreiro, Fermín Bouza Brey, Antón Avilés de Taramancos, o pintor Laxeiro e o escultor Manuel Coia. Outras alocucións recollidas neste volume están relacionadas con actos de cariz político e social, como unha manifestación convocada en Santiago en 1986 con ocasión do referendo sobre a permanencia de España na OTAN ou unha protesta contra o encarceramento do escritor, profesor e parlamentario Francisco Rodríguez.
Estes escritos, segundo indica Xosé Lois García, son só unha selección realizada entre o «amplo legado escrito» de Novoneyra relacionado con «temporalidades moi diversas da historia recente de Galiza», que o poeta «viviu con entusiasmo, intentando cambiar situacións magoantes».
Poemas comentados
Outra parte do libro está dedicada a recoller e comentar breves poemas dedicados a Novoneyra por diversos autores, como Manuel María, Darío Xohán Cabana, Xosé Luís Méndez Ferrín, Marica Campo, Isidro Novo, Xesús Rábade, Helena Villar Janeiro, Ramón Caride ou Xosé Vázquez.
Xosé Lois García, pola súa parte, reúne no libro unha colección propia de textos sobre Novoneyra, algúns inéditos e outros publicados anteriormente en diversos xornais e revistas. Entre eles destaca pola súa extensión un ensaio que analiza a flora a a fauna da Serra do Courel mencionada no máis célebre poemario de Novoneyra, Os eidos . Outros escritos máis breves abordan diversos aspectos da obra literaria, da ideoloxía e das actuacións de Novoneyra no terreo sociocultural e político.
LA VOZ DE GALICIA, 14 DE ABRIL