Pouco despois de presentar un ensaio sobre os ritos, o autor palmeirán ataca de novo coa súa pluma, nesta ocasión coa novela «As deusas do calvario»
Como tantos outros afeccionados á literatura, Francisco Antonio Vidal (1957, Palmeira) ve moi complicado vivir da arte de escribir, por iso se dedica profesionalmente á electrónica. Sen embargo, ten escritos unha ducia de libros, entre os que se atopan novelas, ensaios sobre a figura de Manuel Murguía e investigacións de carácter etnográfico, un eido que lle apaixona. O pasado mes de marzo, saía á luz a súa última publicación, As deusas do calvario .
-¿Que se agocha detrás deste título?
-Estas deusas veñen sendo un grupo de mulleres que teñen que enfrontarse a todas as vicisitudes da vida, desde coidar a un home paralítico hasta lidar cunha filla drogadicta. Son problemas que case sempre ten que resolver a muller.
-¿Trátase entón dun conxunto de historias?
-Si, é unha novela formada por retallos que hai que ir compoñendo e, ao final, conséguese unha especie de retablo barroco. Son historias individuais que se van mesturando.
-¿Pretende ser unha homenaxe ao colectivo feminino?
-Non é que sexa unha homenaxe ás mulleres, senón máis ben á loita pola vida. O que quero resaltar é que, ás veces, por moito que un faga, non consegue as metas propostas. Non quero dicir que o final sempre teña que ser o fracaso, xa que hai persoas que realmente chegan a triunfar.
-¿Elixe ás mulleres por algunha razón concreta?
-Cando un escribe, ás veces, os personaxes chegan a dominarte pero, por riba de todo, está a realidade. Neste sentido, quen soe atender aos familiares enfermos ou aturar a unha filla rebelde é a muller. Iso é unha realidade que non pode obviarse.
-¿Cales son para vostede os retallos máis destacados deste libro?
-Podería destacar varios, por exemplo onde se define o amor mediante unha fórmula matemática. Tamén como, desde o maltrato a unha gaivota, quedan especificados os personaxes ou a definición do frío desde un cuartel.
-Esta novela saíu á luz pouco despois da presentación dun ensaio sobre os ritos e a fe, ¿que é máis complicado, escribir novelas ou obras de investigación?
-Os libros de investigación están dirixidos a un público moi concreto e teñen que servir para achegarlle información nova ao lector, senón é mellor non facelos. Isto implica un traballo intenso de mirar bibliografías, percorrer lugares, falar con xente... Pero a novela tamén implica moito esforzo. No caso de As deusas do calvario , eu decido poñerme con ela despois de ler dous libros e movo moita información e publicacións diversas para ir creando os personaxes. Cada obra, independentemente do xénero, require o seu traballo.
-Electrónico de profesión, escritor de vocación, ¿soa un pouco raro?
-Por raro que pareza, eu xa fixen o bacharelato por letras e empecei a escribir artigos cando tiña 19 anos. Á hora de pensar de que vou comer todos os días, decanteime pola electrónica.
-¿O de escribir é entón unha afección?
-Escribir é unha forma de manifestar as preocupacións que un ten, isto non quere dicir que ao plasmalas nun papel se resolvan as preguntas, pero si consegues enfocalas mellor.
-¿Que ten na mente nestes intres?
-Por unha banda, estou pendente de organizar algún acto para presentar a novela en Barbanza e, por outra, estou xa traballando en novas historias. Sempre hai cousas pendentes, un nunca pode parar de escribir.
LER MÁIS