presentación o martes ás 13,ooh no salón de Plenos do Concello de Carnota o libro de
JOSÉ CERNADAS SANDE
OS CANTEIROS. TÉCNICAS E CONSTRUCIÓNS TRADICIONAIS NO CONCELLO DE CARNOTA
INTERVEÑEN:
JOSÉ CERNADAS, AUTOR
ROBERTO VARELA, CONSELLEIRO DE CULTURA
JOSÉ OREIRO, ALCALDE DE CARNOTA
..................................................................................................................................
A PEL DA PEDRA
por
Francisco X. Fernández Naval
José Cernadas é canteiro de profesión, pero se puidera, seguramente elixiría viaxar polo mundo visitando xacementos arqueolóxicos e percorrer este seu país descubrindo enigmas e aprendendo oficios.
Herdeiro dunha estirpe de canteiros, aprendeu dende neno a coñecer a pedra e a respectala. Na súa opinión é este o oficio galego máis importante, xa que, tal e como reflexiona, dende os castros ata o Obradoiro, dende os hórreos ata os pazos, pasando por pontes, vellas corredoiras, casa, campa ou peirao, a pedra é o denominador común e foi alicerce principal da vida da comunidade durante séculos.
Camiñando polo monte, de outeiro en outeiro, procurando o material de máis calidade, aprendeu os lugares marcados pola historia anterior á historia, esas laxes escritas, cheas de símbolos que aínda hoxe non sabemos descifrar, os petróglifos que os canteiros souberon respectar e que agora, en días de educación obrigatoria, sofren deterioro a mans dos turistas que escriben sobre eles con obxectos agresivos, ou dos operarios e enxeñeiros encargados de abrir as pistas forestais e que parten as rochas sen curiosidade e sen consideración.
Cernadas é canteiro con vocación divulgadora. El considera que hai que dar a coñecer o patrimonio, non agochalo, facéndolle ver á xente o valor que ten e o importante que é para a colectividade.
Foi esta vocación a que o levou a escribir o libro Gravados rupestres nos montes de Carnota, publicado en 2007 e que acadou axiña unha segunda edición. Nel Cernadas vai inventariando os petróglifos carnotáns, debuxándoos e explicándoos, ofrecendo aos arqueólogos a interpretación profesional do tipo de pedra na que está gravado cada un, a súa composición e resistencia e o xeito posible en que se trazaron os sucos.
Agora, na editorial Toxosoutos, publica Os canteiros. Técnicas e construcións tradicionais no concello de Carnota. Aínda que o título semella circunscribir a referencia do oficio a un territorio municipal concreto, o certo é que transcende este territorio, ofrecendo unha visión ampla e fonda do traballo dos canteiros, sen esquecer a sucinta referencia histórica que recolle o primeiro capítulo. É este un libro que lembra as monografías sobre oficios e elementos etnográficos de Xaquín Lourenzo.