O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

2 de xuño de 2011

Novela e teatro











A editorial Toxosoutos vén de sacar a luz, na colección “Nume”, 1980 (ano cero) de Rubén Martínez Alonso, cuxas primeiras publicacións literarias tiñeron lugar no eido da

poesía a través da revista Dorna. 1980 significa a súa primeira incursión no ámbito da narrativa. O pequeno, pero intenso, volume de oitenta páxinas leva un título que fai referencia á crenza de que tras a morte por suicidio unha persoa volve de novo ao ano cero.Trátase, pois, dun monólogo onde o tempo e mais o espazo desaparecen na procura da ubicuidade absoluta: a consulta da psiquiatra, o máis alá, a infancia, o futuro, o pasado, o presente (“xa todo foi, é e será a un tempo”), mentres o narrador Eu confúndese con El e ás veces con Ela co que o Ego asume outros eus e a dualidade de xénero. Ansiedade, obsesión, angustia, destrución, psicose, suicidio, expulsión do paraíso, orfandade, soidade, dor, enfermidade, desamparo, violencia, maltrato, nai, pai, irmán…son os campos semánticos sobre os que xiran as reflexións do protagonista , quen aspira reiteradamente á morte por suicidio porque non hai esperanza ou porque é o único xeito de encararse coa vida. Unhas palabras descarnadas e brutais que non deixarán indiferente a ninguén e que nos producen, cando menos, desacougo.

Dorinda Castro Soliño


Na entrega de premios anuais que a Asociación Galega de Editores celebrou hai uns meses na cidade de Lugo un dos editores que recibiron unha merecida homenaxe foi, precisamente, o autor desta peza teatral, inédita ata agora, e que Toxosoutos edita na súa colección A esmorga-Teatro; á que xunta, por certo, a publicación d´O espantallo, con ilustracións de Pepe Carreiro.

Nesta liña de perseverar na lembranza de Agrelo O triángulo escaleno prológase, ademais, por dúas voces que afondan nalgunhas dimensións destacables tanto do propio autor como da súa obra teatral en xeral e desta peza en particular.

O primeiro limiar vén da man de Xerardo Agrafoxo, que subliña o papel que desempeñou Agrelo como iniciador dunha aventura teatral propia baixo o nome de “Grupo de Teatro Candea”, realizando asemade un seguimento das intencións do mesmo e das pezas estreadas, tendo en conta o contexto social e político desfavorable no que esta se xestou e desenvolveu, remarcando globalmente os trazos definitorios das pezas levadas a escena como foron a súa sinxeleza, a nada oculta mensaxe política e a firme defensa do idioma galego.

Pola súa parte, Euloxio R. Ruibal, para quen Agrelo foi un “completo home de teatro” na súas facetas de director, intérprete, promotor e autor, analiza polo miúdo as pezas teatrais coñecidas ata hoxe como son Noite de lobos, Metá e metá, O mestre, aqueloutras que incardina no ámbito do teatro infantil e, loxicamente, os trazos caracterizadores da presente O triángulo escaleno.

Unha lectura da peza edita desvela axiña as claves da peza como son o asunto temático inclinado cara ás vertentes das relacións amorosas e sentimentais, expostas de xeito desinhibido e sen tabús, a intensa carga irónica nas situacións descritas, a superación de tópicos ou preconceptos e, ao tempo, os límites da liberdade individual e colectiva. Por outro lado, a verosimilitude das situacións expostas a carón da innegable fluidez dialogal que domina esta achega, teño para min, resultan algúns dos aspectos máis conseguidos da obra merecidamente rescatada e que pon a figura do seu autor, de novo, de actualidade.