Hai anos que David González Couso (Ourense, 1978) centrou a atención informativa e dos investigadores polo seu libro Los perfiles gallegos de Carmen Martín Gaite. Logo desenvolveu outros traballos vencellados coa escritora (nacida en Salamanza en 1925 e finada en Madrid no 2000) e a súa última publicación, O fío da escritura, percorre a historia e a xenealoxía dos Gaite para reescribir a historia da familia e, en parte, de moitos dos acontecementos e dos episodios salientables de Ourense e outras partes de Galicia. González Couso é tamén o director de publicacións da editorial Toxosoutos.
-Toxosoutos creou unha liña editorial cunha denominación máis que evidente: Colección Esmorga ¿que motivou a elección do nome?
-Queríamos dárlle un sinal de identidade moi claro e unha aposta por novas propostas e iniciativas nesta colección. E ao mellor algo tivo que ver a conexión ourensá do comité que a promove, tendo en conta que están, entre outros, Fernández Naval, Ramón Caride, Jorge Emilio Bóveda e Xerardo Méndez.
-¿Que se vai ofrecer nesta liña da editora?
-Os contidos van ser moi diversos pero queremos que teña unha identidade como colección: autores clásicos, tamén da propia literatura galega, traballos filolóxicos, ensaio, narrativa, teatro e poesía. Unha sátira de Séneca é a nosa nova proposta.
-En «O fío da escritura» recupera a pegada de Carmen Martín Gaite, ao traverso da súa familia, en Ourense e en Galicia ¿queda aínda memoria viva da autora?
-Quedan familiares, curmáns da escritora, que aínda manteñen a memoria e lembranzas de Carmen Martín Gaite. Esas pegadas e o material que fun recollendo aparecen refrexados na miña obra.
-¿A asignatura pendente de Ourense é recuperar a memoria da autora?
-Queda traballo por facer, en Ourense algo menos é de forma salientable en Piñor. Neste tipo de iniciativas sempre hai reticencias, decisións políticas e outros aspectos. Con todo, Piñor debe recuperar a memoria de Carmen Martín Gaite.
-¿Cal sería a fórmula?
-Sería algo a concretar, mais é de xustiza facerlle un recoñecemento a escritora.