O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

12 de set. de 2011

Derradeiras horas de Juana Capdevielle


A morte de Juana Capdevielle aconteceu de xeito tan agónico e brutal que o puro relato documental da mesma constitúe xa de por si, sen aditamento ningún de ficción, unha verdadeira traxedia. Nada máis esperable, pois, que alguén, algún día, se decidise por converter aquel tristísimo episodio nunha novela.

Iso debeu pensar Vicente Piñeiro González, autor da recente Asasinos, asasinos, asasinos!, onde con nobre empeño narra as dúas últimas horas de vida da intelectual republicana.

Juana Capdevielle, muller que fora de Francisco Pérez Carballo (gobernador civil republicano da Coruña, a quen mataron os fascistas sublevados), resultou pronto persoa non grata para as novas autoridades profranquistas, quen vían nela unha dobre mácula: ser viúva de quen era e profesar como intelectual liberal e republicana de prestixio.

O asasinato perpetrado contra ela adquiriu, sen dúbida, carácter de vendetta exemplarizante: apresada na Coruña, foi levada en auto durante case un cento de quilómetros para ser tiroteada nunha gabia de Rábade, vila próxima á capital lucense, onde ficou sen vida e —extrema iniquidade— sen poder chegar a dála, pois ía encinta.

Asasinato tan inhumano é o que Vicente Piñeiro quixo recrear a través do seu monólogo Asasinos, asasinos, asasinos!, pois esas dúas derradeiras horas en coche e a lembranza que da súa vida e circunstancias puido chegar a facer nelas Juana Capdevielle é o que conforma a cerna narrativa deste libro, que conta, amais, cun amplo capítulo introdutorio de carácter ensaístico asinado polo propio autor.

O valor desta obra cómpre procuralo non tanto nos posibles acertos literarios coma na admirable recreación dun suceso que merecía gardarse, tamén si, como memoria ficcionada. Por iso, que en Asasinos, asasinos, asasinos! poida máis o pulo historicista do docudrama non impide recoñecer nel o acerto de recuperar e reactualizar para as novas xeracións unha historia que clamaba por ser rescatada do esquecemento.

Benia a Vicente Piñeiro e aos seus editores noieses de Toxosoutos, pois libros como este recórdannos que a literatura, amais de para outro milleiro de cousas, tamén serve para manter aceso o facho da dignidade humana.

Criticalia, por Armando Requeixo