
La Voz de Galicia


Iso debeu pensar Vicente Piñeiro González, autor da recente Asasinos, asasinos, asasinos!, onde con nobre empeño narra as dúas últimas horas de vida da intelectual republicana.
Juana Capdevielle, muller que fora de Francisco Pérez Carballo (gobernador civil republicano da Coruña, a quen mataron os fascistas sublevados), resultou pronto persoa non grata para as novas autoridades profranquistas, quen vían nela unha dobre mácula: ser viúva de quen era e profesar como intelectual liberal e republicana de prestixio.
O asasinato perpetrado contra ela adquiriu, sen dúbida, carácter de vendetta exemplarizante: apresada na Coruña, foi levada en auto durante case un cento de quilómetros para ser tiroteada nunha gabia de Rábade, vila próxima á capital lucense, onde ficou sen vida e —extrema iniquidade— sen poder chegar a dála, pois ía encinta.
Asasinato tan inhumano é o que Vicente Piñeiro quixo recrear a través do seu monólogo Asasinos, asasinos, asasinos!, pois esas dúas derradeiras horas en coche e a lembranza que da súa vida e circunstancias puido chegar a facer nelas Juana Capdevielle é o que conforma a cerna narrativa deste libro, que conta, amais, cun amplo capítulo introdutorio de carácter ensaístico asinado polo propio autor.
O valor desta obra cómpre procuralo non tanto nos posibles acertos literarios coma na admirable recreación dun suceso que merecía gardarse, tamén si, como memoria ficcionada. Por iso, que en Asasinos, asasinos, asasinos! poida máis o pulo historicista do docudrama non impide recoñecer nel o acerto de recuperar e reactualizar para as novas xeracións unha historia que clamaba por ser rescatada do esquecemento.
Benia a Vicente Piñeiro e aos seus editores noieses de Toxosoutos, pois libros como este recórdannos que a literatura, amais de para outro milleiro de cousas, tamén serve para manter aceso o facho da dignidade humana.
Criticalia, por Armando Requeixo
VICENTE PIÑEIRO PUBLICA A NOVELA
ASASINOS, ASASINOS, ASASINOS!
NA SERIE DE NARRATIVA HISTÓRICA DE TOXOSOUTOS
Os derradeiros días de Francisco Pérez Carballo e Juana Capdevielle
asasinados polos fascistas en 1936
Autor: Vicente PiñeiroPara escribir calquera relato histórico sempre hai unha maneira de explicalo todo como se estivesemos ante un descubrimento científico. Este coñecemento histórico revelado polas fontes aumentará a tensión de moitos ao velo aquí narrado. No entanto, non se trata de substituír a utopía, ter novas intuicións ou traizoar a historia. Calquera historia, por moi veraz que sexa, non significa que non se poida elaborar outra sobre ela porque o continuo sempre é previsible.A maioría das escenas que aparecen nesta novela son reais porque están documentadas por xente que dun xeito ou doutro viviu a contenda, e as experiencias da época e a novela ás veces cóntanse máis como experiencia que como literatura. Por veces as miradas descompoñen o que miran. A realidade que unha vez houbo aí fora, non se pode xa observar con detalle porque está moi afastada de conter unha orde ou un sentido. A realidade aquela atomízase. Os que ollamos deformámola aínda máis, descompoñéndoa de toda realidade obxectiva. Ás veces, co afán de non perdernos nada, de captalo todo, ollamos insistentemente e esa ollada pode ser precisamente a que nos impide obter una imaxe, un resultado ou unha composición.