Olga Novo
presenta acompañada de Carmen Blanco
CRÁTER
o xoves 15 de
marzo na Fundación Eugenio Granell
de Santiago de
Compostela ás 20.00h
A súa obra poética e
ensaística está marcada por unha profunda conexión co surrealismo como
filosofía vital asentada no amor, na liberdade e na beleza. O espírito
libertario, a procura da paixón e a intensidade, a sensualidade e un erotismo
de raizame telúrica e apertura cósmica informan a linguaxe desta poeta do
desbordamento.
Este libro contén unha serie de emanacións vitais que, coma no caso
dos síntomas volcánicos, constitúen formacións de cinsa, pedra, lava e rocha
metamórfica. A “Cinsa”, escrita entre o ano 2004 e o 2010, poetiza o abandono
do mundo rural galego e o seu resistente corazón residual, en loita contra o
esquezo e o desleixo, e tentando sempre integrar a morte na vida e a vida na
morte. A “Pedra” foi experimentada como sentimento megalítico a través dunha
vida vivida en Bretaña, onde precisamente se escribiu o texto, en Roazhon, en
abril do ano 2005. A
“Lava” foi soñada desde a infancia no misterio de Pompeia, a onde viaxei en
febreiro do ano 2009, na procura do magma, ó encontro do enigma da beleza e do
amor. A “Rocha metamórfica” quere petrificar salvaxemente a linguaxe de Eros,
na celebración carnal antiplatónica.
Cava. Cura a loucura. Que non me equivoque. Quero falar ben. Facerte
fiz. Porque “importa a feliz idade”. O bo día. Os tempos bos. As horas. As
grazas. Os gozos. As luces. O baile bascular da harmonía xusta máis alá das
idades das pedras e dos metais que matan.
Células madres da rexeneración.
A nena amada sabe quen quere.
CARMEN BLANCO