Prologados polo seu amigo e colega de investigacións Carlos Gegúndez López, os poemas deste libro descóbrennos un romántico de novo cuño, que ten no amor e as súas vicisitudes o tema central —e case que único— destas composicións, inzadas de declaracións apaixonadas a un ti omnipresente, destinatario duns versos onde os afectos teñen nos eidos labregos, as singraduras marítimas e os territorios da beiramar os escenarios propicios para o canto namorado.
Contando coa complicidade de carpinteiros de ribeira, mariñeiros e traballadores de estaleiros, o alumnado cumprimentou enquisas de vocabulario que logo foron depuradas e fixadas lexicograficamente polo profesorado coordinador, quen as dispuxo para a súa edición en campos temáticos, acompañándoas de numerosas ilustracións e mapas léxicos e engadindo, a maiores, á tradución de cada voz galega ao portugués, inglés, francés e castelán.
Un traballo este No meu mar, na miña lingua. Léxico de embarcacións e deportes naúticos modélico por canto amosa as extraordinarias posibilidades que poden xurdir do traballo compartido entre alumnado e profesorado, xuntos nesta ventureira angueira de recuperación do patrimonio lingüístico de noso, aquí definitivamente rescatado grazas á xenerosa aposta editorial de Toxosoutos.