O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

5 de xuño de 2012

Peregrinos a Compostela, por Lucía Seoane

X .Eduardo López Pereira,catedrático de Filoloxía Latina na Universidade da Coruña, autor de numerosos libros e traballos arredor de textos latinos tardíos e medievais é o encargado da edición e tradución ao galego do libro V do Códice Calixtino –unha obra de aínda recente actualidade xornalística por motivos ben pouco felices–, universalmente coñecida como Guía do peregrino. Nunha moi coidadae rigorosa introdución, López Pereira explica, con cualidade científica mais tamén con prosa doada e de agradable lectura, todo o referido á historia, a autoría, o contexto xacobeo… no que xorde a obra. Así mesmo coñecemos noticias acerca da relación do volume que comentamos con esoutras guías de caminantes e peregrinos a Compostela e aínda a propia textura do camiño e daqueles que o percorreron. En fin, unha análise das edicións e traducións ralizadas até a data vén complementar este, como dixemos, excelente limiar. Vilas,igrexas,hospitais… doutrora –moitos aínda, e felizmente,en pé na actualidade–,así como unha descrición da cidade de Santiago, cunha completa descrición da propia cidade, das súas murallas e portas, da catedral... pero tamén das xentes que a habitaban,aqueles mercaderes, zapateiros, curdidores, veleiros, cordeiros... a ofreceren “mochilas de pel de cervo, bolsas, correas, cintos e ata herbas mediciais” veñen desfilar ao longo das páxinas dun texto clásico entre os clásicos, unha sorte de reportaxe magnífica que desafía o paso do tempo. Sen dúbida, estamos diante dun volume senlleiro que non debe faltar nunca nos andeis das nosas bibliotecas. agora tamén en “romanzo galego.”