O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

12 de nov. de 2012

Os Pedrón de Ouro, por Ramón Nicolás

É un luxo volver a ollada á colección narrativa na que, durante moitos anos, Ediciós do Castro veu dando a coñecer os relatos galardoados dun certame como é o “Modesto R. Figueirido”, concurso que gañou a pulso un lugar preferente nas convocatorias anuais de premios literarios. Atesóuranse aí ineludibles e extraordinarias voces que foron asentándose, malia que algunhas delas talvez fosen quedando no camiño, no panorama da nosa creación en prosa ao longo de case os últimos corenta anos. É moi longa a nómina de textos galardoados, abofé, pero non quixera deixar de subliñar que desde este chanzo prestixioso transitaron xentes do mundo literario que hoxe en día seguen a vivificar e representar parte do mellor das nosas letras.       A desaparición de Ediciós do Castro como tal e o pasamento de Isaac Díaz Pardo engadiron o efecto colateral da interrupción da publicación destas compilacións de relatos curtos. Entendo como unha aposta para non deixar morrer o proxecto, así pois, que Toxosoutos decidise adoptar a iniciativa de sumar ao seu catálogo as narracións premiadas en 2010 e 2011, abrindo deste xeito unha nova e esperanzadora etapa de colaboración entre a Fundación Pedrón e Ouro e a editoral noiesa, algo polo que cómpre felicitarse.     Ademais, esta edición goza dun atractivo especial ao contemplar un estudo previo a cargo de Xosé Ramón Fandiño Veiga no que, entre outros extremos arredor da historia do premio, inclúe unha útil relación de premios, xurados e concellos patrocinadores das trinta e sete ininterrompidas convocatorias, ficando constancia aí das máis de cen voces galardoadas ata o de agora. Sen dúbida, unha valoración cumprida do que se premiou e quen o premiou deitaría algunhas conclusións moi interesantes, mesmo de corte sociolóxico, que non é momento de abordar aquí.     Mais cómpre falar dos relatos galardoados, malia que sexa brevemente. A edición de 2010 acadouna Xosé A. Naz Fernández, cunha proposta que afonda, con axilidade e excelente documentación, na temática histórica; do mesmo autor incorpórase outro texto co que acadou un accésit onde o máis relevante me parece o suxestivo xogo de perspectivas narrativas que exhibe; Clara do Roxo ofrece, pola súa parte, unha historia sustentada nunha borrascosa relación entre unha nai e mais a súa filla, que serve para revelar claves dun pasado doloroso. Completan esta primeira entrega dignos e interesantes relatos de Francisco Castiñeira, Alberte Momán e F.R. Lavandeira     Por último, a edición de 2011 comeza coa proposta de Amancio Liñares Giraut, a meu entender unha verdadeira novela curta como as tres premiadas nesta ocasión, quen con ironía, aguillón crítico e unha estrutura acaída, relata vivencias a cabalo entre os EUA e Galicia desde o pensamento dunha curiosa protagonista. Pola súa parte, Ledicia Costas déixanos unha intensa historia de fondo calado social e de moitos soños rotos personificados nunha muller sometida a vexacións e, por último,  é Xaime Domínguez Toxo quen se achega aos eidos dunha distopía construída desde os alicerces que ofrecen os conceptos de destrución, soidade e incomunicación.       Os meus desexos de boa andaina para estes galardóns e oxalá continúe este proxecto en anos sucesivos.