Ao contrario do que moitas persoas desvencelladas do mundo da cultura adoitan crer, as casas editoriais non son simplemente fábricas de libros, que tamén. Non é así na inmensa maioría dos casos, mais, entre nós, non o é practicamente nunca. Porque os editores galegos son, como algún club, molt més que una editora. Son tamén territorios propicios á creación, espazos nos que se acolle a gala mellor da nosa lingua, que é a escrita literaria. E se somos galeg@s por obra e graza do idioma, visibilizámonos como tal en boa medida grazas a que @s amig@s editor@s obran o milagre de dar á luz as imaxinacións e pensamentos d@s nos@s escritor@s, vale dicir, d@s abandeirad@s da cultura de noso. Por iso, que unha editorial celebre o seu primeiro cuarto de século de vida non só é unha nova da que congratularse, senón tamén o máis fermoso exemplo de que a entrega a un idioma, a unha arte, a unha cultura e a unha nación é labor de bos e xenerosos aos que cómpre, sempre, parabenizar. Beizóns, amig@s de Toxosoutos, e que tras deste aniversario veñan moitos moitos outros.
© Armando Requeixo