O próximo mércores 2 de febreiro presentarase na Fundación Granell de Santiago de Compostela, ubicada na Praza do Toural, ás sete e media da tarde, o libro de poemas Unha tempada no Paraíso, de Claudio Rodríguez Fer. Intervirán o autor, a tamén poeta Olga Novo, autora da introdución, e o editor David González Couso, director da Editorial Toxosoutos, que publica o libro dentro da súa serie Esmorga.
Claudio Rodríguez Fer, que publicara o libro Rastros de vida e poesía co pintor Eugenio Granell, do que foi amigo e analista, prestou sempre gran atención ás artes de vangarda nas súas obras, polo que Unha tempada no Paraíso aparece ilustrada pola pintora Sara Lamas.
Centrándose no amor, no erotismo, na viaxe e no lugar, Unha tempada no Paraíso supón unha luminosa reivindicación libertaria da utopía tras a triloxía da memoria escrita polo autor, composta por Lugo blues, sobre a historia da súa cidade natal; A loita continúa, sobre a historia de Galicia, e Ámote vermella, sobre a represión das mulleres progresistas.
Unha tempada no Paraíso contén unha ampla introdución a Claudio Rodríguez Fer e ao poemario escrita por Olga Novo, especialista no autor, quen coincidindo co surrealista Breton en “que non todo paraíso está perdido”, asegura: “Unha tempada no paraíso contén así estratos múltiples, ecos intertextuais que conforman o mapa dunha obra total, cohesionada no seu polifónico clamor de rotundo vitalismo e compromiso ético. Por iso Eros sen Tánatos non se concibe sen amor pola memoria e polo restablecemento da dignidade ás vítimas da barbarie, e neste senso o libro conecta, como veremos, coas proclamas de poesía pola memoria antifascista contidas en A loita continúa (2004) e Ámote vermella (2009). O lugar do amor é sempre o lugar da paz.”