O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

7 de xan. de 2011

Pepe Carreiro presenta a nova aventura dos Barbanzóns


Na sexta entrega das aventuras desta entrañable familia celta, Os Barbarzóns, fala sobre unha noite ben coñecida por todos que, como moitas outras celebracións e efemérides do noso calendario, foi asimilada polo cristianismo cando se impuxo como relixión oficial no territorio que abranguía o Imperio Romano. Así, a noite das cacharelas da que trata esta nova obra da creación máis orixinal do debuxante Pepe Carreiro fala do que hoxendía se coñece popularmente como a noite de San Xoán, que é, fóra doutro tipo de consideracións, a celebración do solsticio de verán ou, o que é o mesmo, da noite máis curta do ano. Os Barbanzóns é un clan composto pola nai, natural do castro de Baroña, Tara, polos seus tres fillos, Con, Bre e Lerankos; a nora irlandesa, Guinness; o xenro das montañas orientais do que hoxe é Galicia, Bar; os tres netos, Son, Baal e Minu, e un oso chamado Banza. Neste caso afondan nunha das súas festas favoritas por toda a diversión que conleva –é o comezo do verán– explican os ritos e os costumes ancestrais vencellados con esta data tan sinalada. E é que, moitas veces, non hai mellor forma de explicarlles aos máis pequenos as cousas que a través da banda deseñada. Este é un exemplo
.
NORDESIA, DIARIO DE FERROL, 2 DE XANEIRO 2011. Páx. 30