O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

27 de xan. de 2011

Euloxio Ruibal e o seu fero alegato contra a corrupción


O escritor e académico publica en Tosoxoutos a obra 'Azos de esguello'//Trátase dunha sátira sobre a democracia e a clase política galega

Azos de esguello (1989) viña relanzar a carreira de Euloxio R. Ruibal, logo de varios anos afastado de dramaturxia. A peza gañou o Premio Cunqueiro dese ano pero non coñeceu a súa representación no Centro Dramático Galego. Detrás desa decisión estaba -segundo afirma a profesora da Universidade da Coruña, Laura Tato, na introducción da reedición de Azos de esguello realizada por Toxosoutos dentro da súa nova colección A Esmorga, que onte se presentou en Compostela- "a censura sen paliativos á sátira máis virulenta que até o momento fora escrita contra a novísima democracia galega e, máis en concreto, contra a súa clase política".

A obra é o retrato de don Galisindo -trasunto da propia Galicia- un emigrante retornado da Arxentina que se dedica aos negocios da construccón pero a súa cobiza faino buscar máis poder a calquera custo. "Hai medios sutís para que unha obra non se chegue a representar", asegura o autor dunha montaxe que se representou finalmente en Ribadavia en 1995. "A min ségueme parecendo que ten moita actualidade, algo que me sorprende. Eu estiven en contacto coa emigración en América e Europa, que son moi diferentes. Vendo como vivía a emigración galega en Arxentina, produciume unha certa tristeza como vivían desacougados porque non estaban onde querían, non tiñan raíces e para saír adiante, tiñan que loitar con máis esforzo. Eu falo no libro de pequenas corruptelas".

Para Ruibal, a obra "anticipaba unha situación que hoxe se está a reproducir con máis forza". E prosegue: "Eu penso que o labor dos escritores é ser testemuñas dunha época pero tamén anticipar que vai vir se seguimos por este camiño. Toda a corrupción foise multiplicando". Para o autor, "os tempos non son bos, as compañías teñen que vivir e consciente ou inconscientemente vanse adaptando. Os titiriteiros sempre estiveron ao servizo do poder. Agora están recibindo axudas do poder. Saben que ou ben se manteñen integrados ou se teñen que poñer á marxe. Temo que moitas estéticas que queren tapar o que ocorre non leven ao noso teatro por camiños que o dignifiquen".

Vanesa Oliveira Santiago

El Correo Gallego, 27 xaneiro 2011, Tendencias, p. 40