Benito Arbaizar, autor dun manual de Filosofía editado por TOXOSOUTOS
As sete e media preséntase na Facultade de Filosofía, en Mazarelos, o libro Historia da Filosofía para a selectividade , un manual do que é autor Benito Arbaizar Gil, profesor de Filosofía no instituto Eusebio da Guarda da Coruña e na UNED.
-¿É un temario só para a proba de selectividade?
-O ano pasado aplicouse un novo deseño da proba de Filosofía, e os libros de texto non poden recoller as modificacións, así que me vin na obriga de artellar materiais de apoio para axudarlles aos alumnos. O libro é froito dos axustes que fixen da materia de segundo de bacharelato aos cambios específicos da proba en Galicia.
-E decidiu publicalos.
-Iso veu despois de comprobar o desconcerto entre os compañeiros, que expresaban a mesma preocupación por preguntas para as que non tiñan resposta. E porque a desorientación dos alumnos diante dunha proba moi estruturada era grande.
-¿A Filosofía non mantén un temario reducido para a selectividade?
-A historia da Filosofía ten dous mil anos, é imposible de abarcar, polo que sempre se acurtou. Os cambios na selectividade están moi ben, pero non estabamos adaptados.
-¿Traballan para preparar a proba, non para o coñecemento, non si?
-Non é fácil solucionar iso. En segundo de bacharelato non traballas como noutros cursos, porque a realidade da proba imponse, e non podes frustrar o proxecto de futuro dos rapaces.
La Voz de Galicia, 13 de xaneiro de 2011