O Paraninfo do Instituto de Educación Secundaria Otero Pedrayo de Ourense acolleu o venres, día 18 de marzo, o acto de presentación do libro O fío da escritura, editado por Toxosoutos e do que é autor o filólogo ourensán David González Couso. No transcurso do acto levouse a cabo tamén a clausura dos I Encontros da Serie Esmorga, unhas citas literarias promovidas por Toxosoutos que se desenvolveron en diferentes lugares de Galicia co obxectivo do lanzamento dunha nova colección da editorial, a Serie Esmorga.
O fío da escritura é un traballo de investigación que amosa o labor cultural dos Gaite na Galicia do século XIX e comezos do século XX. O seu autor, David González Couso, explicou que este é xa o cuarto libro que escribe sobre esta temática, ademais doutros sete artigos en revistas de literatura e subliñou que o obxectivo da publicación é dobre. “Por unha banda quero pechar o meu ciclo de investigacións sobre a familia Gaite e, pola outra, quero por de manifesto a importancia das súas contribucións ao Ourense dos séculos XIX e XX”. O libro inclúe as pescudas sobre personaxes como os irmáns Antonio e Joaquín Gaite Núñez -bisavó da autora-, vencellados ao ensino ou ao xornalismo e facsímiles escritos por estas figuras, moitos deles inéditos.
As vivencias de Carmen Martín Gaite en Ourense
O poeta e profesor Claudio Rodríguez Fer, autor do limiar da obra, falou no acto para facer un percorrido polos grandes escritores ourensáns ou vinculados a Ourense e para situar neste contexto a Carmen Martín Gaite. Segundo as súas palabras, “o libro de David permítenos tirar da ourensanía para situar nela a Carmen Martín Gaite, partindo da base de que as vivencias infantís e xuvenís da narradora en Ourense tiveron moita importancia na elaboración de toda a súa obra”.
No acto interviron tamén Luís Fernández, director do IES Otero Pedrayo, a onde pertence o arquivo no que David González fixo boa parte das súas pescudas para escribir o libro e a filóloga María do Carmo Henríquez, que subliñou o traballo do escritor. “David ven de realizar un labor meritorio e máis nunha sociedade onde trunfa a mediocridade e onde está de moda o vulgar. Dignificar a literatura, os escritores e a lingua é un traballo que hai que facer con seriedade e rigor”, declarou.
Clausura dos I Encontros da Serie Esmorga
O acto de presentación do libro O fío da escritura serviu tamén para clausurar os I Encontros da Serie Esmorga, unha iniciativa literaria promovida pola editorial Toxosoutos –da que David González é director de publicacións- co gallo da posta en marcha da súa nova colección: Serie Esmorga. A iniciativa ten por obxectivo a divulgación de grandes obras clásicas en edición bilingüe e de traballos da literatura galega.
O Consello Asesor desta nova colección está formado polos escritores Ramón Caride Ogando, Xerardo Méndez, Francisco X. Fernández Naval e Jorge Emilio Bóveda, que subliñaron no acto de clausura dos encontros a importancia desta nova colección e a súa implicación no seu desenvolvemento. Nesta liña, Fernández Naval dixo sentirse “moi orgulloso desta colección como ourensán”; Xerardo Méndez subliñou o poder da literatura como “ese espello no que nos temos que mirar para non asustarnos da realidade” e Jorge Emilio Bóveda puxo de manifesto o papel que cumpre a nova serie no tocante á normalización da lingua galega.