O título fala por si só: A crise económica e a descentralización rexional. ¿Unha análise dun dos actuais gurús da negra coxuntura que nos afoga? Non: o autor foi Alfredo Brañas, que configura un retrato da Galicia de 1892 que perfectamente se podería exportar ó século XXI, e que foi recuperado pola editorial Toxosoutos grazas ó empeño do catedrático de Economía e presidente da Fundación Galiza Sempre Xosé Manuel Beiras.
O tamén líder do Encontro Irmandiño prologa este libro traducido por Afonso Ribas, presentado onte na libraría Couceiro compostelá, e descóbrenos un intelectual inédito "criptonacionalista" e soberanista, que se atreve a reclamar as competencias totais para a rexión galega na lección inaugural do curso universitario 1892-93 na actual Facultade de Xeografía e Historial, nunha Compostela "finisecular, chea de curas e beatas", segundo indica Beiras, que vai máis aló e afirma: "era máis difícil que Brañas se manifestase explicitamente como nacionalista que eu quitase un zapato no Parlamento. A censura era brutal".
Neste discurso, extensísimo e que de seguro non foi lido na súa totalidade diante da súa audiencia e que se recupera nesta publicación, Brañas xoga a debullar un auténtico programa político no que propón "dous poderes separados e distintos, e deles, que o rexional sexa o único soberano para ditar as súas leis orgánicas e administrativas".
O intelectual compostelán, ademais, insiste no seu discurso na toma de conciencia de Galicia como rexión "cunha percepción da súa personalide xurídica, completamente allea ás outras", polo que para Beiras, esta é unha clara mostra de que "está falando do espírito do pobo, tomando conciencia da súa identidade diferenciadora, e hoxe isto pode estar suscrito tanto por nacionalistas kurdos,como irlandeses, escoceses e imaxino que o BNG tamén o suscribirá", ironizou, afirmando que esta definición "é máis completa da rexión como suxeito activo que a de Castelao en Sempre en Galiza".
Despois de analizar polo miúdo a faceta máis descoñecida de Alfredo Brañas, que fica fóra dos principais estudos sobre a súa persoa, como o realizado por Ramón Maiz, o presidente da Fundación Galiza Sempre recupera a análise de crise de finais do século XIX, "cunha vixencia actual absolutamente asombrosa", froito da loita pola hexemonía económica mundial que lle dá paso á consolidación de Estados Unidos, e hoxe asistimos, precisamente, á decadencia do imperalismo ianqui.
Brañas, ademais, analiza os principais problemas dunha creba con altibaixos que desembocou na I Guerra Mundial, como a financialización, a fuxida do capital produtivo ós mercados financeiros e, en troques, a hexemonía do capital. "Isto se podería extrapolar perfectamente a José Luis Méndez -o que fóra o mandamás de Caixa Galicia-, ou ós produtores lácteos, que querían facer de Clesa o gran grupo lácteo galego e os bancos lles dixeron "tururú", ironizou Beiras, que lles mandou unha mensaxe ós políticos: "deberiamos aprender da historia, que aporta moitas solucións ós problemas actuais, pero o problema é que non len".
A historia dun discurso perdido e vixente
A crise económica na época presente e a descentralización rexional é unha reedición da obra de Alfredo Brañas pero, realmente, "é unha novidade absoluta porque é a súa primeira edición despois de case 120 anos", revela Xosé Manuel Beiras, empeñado en lograr que vise a luz a través de Toxosoutos na colección económica Ponto Básico pola súa absoluta vixencia na actualidade.
O seu tradutor, Afonso Ribas, impulsor da revista económica Unipro, desvelou que o proxecto naceu hai tres anos, cando inicialmente a obra se ía publicar como anexo da revista, pero finalmente culminou nunha reedición. O único ó que tiveron acceso pertencía á Fundación Penzol, bastante reacia a prestalo polo seu mal estado, pero finalmente fotocopiouse. Na obra descúbrese a un Brañas "do Renacemento" que foxe do estigma que lle ten a esquerda, quizais porque o PP creou unha fundación co seu nome.