O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

23 de ago. de 2011

A espiral narrativa de Claudio R. Fer, por Armando Requeixo

Non é a primeira vez que chamo a atención sobre ese pernicioso hábito adquirido de etiquetar os autores non polo conxunto da súa produción, senón unicamente por aquela faceta que, polo motivo que sexa, os fixo máis coñecidos.

Este feito, contrario á xusta ponderación, é o que explica que asociemos decote o nome de Claudio Rodríguez Fer ao da mellor poesía galega das últimas décadas ou ao da máis alta investigación literaria e que se nos faga estraño velo asociado ao da narrativa, por exemplo.

E o caso é que o de Lugo é narrador dende hai corenta anos. Demóstrao o seu último libro publicado, Contos e descontos, no que reúne toda a súa narrativa completa édita e inédita.

En efecto, neste volume figuran compilados relatos escritos por Rodríguez Fer na mocidade e que aínda non viran luz, como os agrupados baixo o título común de Prometeo adolescente (1972-1976), ademais dos dous libros de contos Meta-relatos (1988) e Os paraísos eróticos (2010) e mais o apéndice O neno que non quería ir á guerra. Recordos dun neno da posguerra (2010), que tamén achega tres novas historias descoñecidas ata o de agora.

Por xunto, toda esta obra supera longamente os tres centos de páxinas e, en non poucos casos, inclúe prosas de calidade contrastada que foron mesmo escolmadas nas máis prestixiosas antoloxías do xénero. Por tanto, cómpre ir desterrando esa idea reducionista do Rodríguez Fer poeta e mais nada que tan adoito circulou.

Canto aos relatos deste Contos e descontos evidencian moi distintas apostas tanto no seu contido coma na súa técnica, o que non debería de estrañar a ninguén se se pensa que algúns foron escritos por un rapazolo de apenas dezaseis anos e outros son obra madura dun autor consagrado. Así, mentres as historias de Prometeo adolescente son textos de tecido máis inxel, imbuídos de simbolismos moi patentes e referentes de maior calado efectista (coas sombras de Poe, Lovecraft, Cortázar ou Borges pairando ao fondo), os contos de Meta-relatos ou Os paraísos eróticos demostran unha mestría na depuración, no xogo metaliterario e na destreza da pulsión erótica como asunto principal que, xaora, aínda non existía tan notoriamente nos relatos primeiros.

De igual maneira, a enluvada acomodación á voz dun neno narrador protagonista nas historias que contén O neno que non quería ir á guerra conseguen un aparente naïf tras do que se agocha unha moi elaborada crítica social, de calado moral indubidable e iluminador cuestionamento da nefasta deriva na que se instalou o Poder en épocas recentes.

A visita a estes Contos e descontos, por tanto, ofrecerá a quen ler “Pre-relatos” de estirpe visionaria e fundacional, creacións cósmicas e metamorfoseadoras no “Ciclo de Ión”, contos de compromiso certo e estética sinalada en “Entre a pavura e a revolución” e unha reveladora ollada aos tempos do último franquismo en “Eu teño un canciño”, “A vaca con zocas” ou “A republiquiña dos animais”. Se ao anterior sumamos os “Logaritmos” literarios, a “Fábula fauna” simbólica e a transgresión en “Flérida floresta” de Meta-relatos ou a transmigración anímica das “Belas e bestas”, o eros sen mesura das “Entregas” ou o tríade iniciático de “Tres” do amentado Os paraísos eróticos teremos como resultado un volume plural nos seus vieiros máis unívoco na calidade que os preside, por forza polimorfo e espiral nas súas concrecións ao longo do tempo, mais sempre reivindicador da intensidade e a entremestura indisoluble de vida e literatura, escrita e ser, como arkhés vitais irrenunciables.

[Publicado nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños, 21-8-2011]