O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

11 de ago. de 2011

Rodríguez Fer: "Seremos universais se non renunciamos a ser galegos"

Claudio Rodríguez Fer (Lugo, 1956) vén de reunir en Toxosoutos a súa narrativa completa no volume Contos e descontos. Hai uns días presentou este libro na Feira do Libro da Coruña. Recoñecido poeta e brillante investigador, Rodríguez Fer tamén cultivou a narrativa dende a máis pura adolescencia. Non é un home de amplas novelas e longas historias. Iso non é o que pretende acadar cando se enfronta á páxina en branco. "Na vida busco intensidade", admite. Iso está na poesía e na narrativa breve, neses relatos nos que só se pode ler a súa esencia, sen adornos barrocos nin grandes parágrafos. En Contos e descontos, reúnese toda a obra narrativa que publicou até o momento. Dende a primeira páxina até a última, atópase a intensidade que Rodríguez Fer busca tanto na vida como na literatura.

Vostede é principalmente coñecido por ser un reputado poeta e un respectado investigador. A súa faceta de narrador quedou demasiado eclipsada?

Cualitativamente son a mesma persoa e o mesmo autor cando escribo ensaio, narrativa ou poesía. Non creo moito na distinción de xéneros, que no meu caso se encabalgan bastante. Cuantitativamente, non cabe dúbida de que publiquei moitos máis libros de poesía e de investigación que de narrativa. En realidade, en narrativa só publiquei dous libros: Meta-relatos, nos anos oitenta, e Os paraísos eróticos, nos anos 2000. De poesía e de ensaio, pois publiquei ducias. A miña obra narrativa é máis reducida, pero comecei a cultivala na adolescencia. Por exemplo, para este volume recuperei un libro que escribira antes de cumprir vinte anos. Tamén incluín un conto inédito. Toda esta narrativa completa inclúe iso: dous libros publicados, unha obra adolescente e un conto inédito.

Ese libro adolescente chámase Prometeo adolescente. Como é enfrontarse a un texto tan primario e iniciático coa perspectiva que dá?

Foi extraordinariamente sorprendente. Ese libro xa o tiña, en boa medida, esquecido. As lembranzas tamén fixeron que o tivese deformado na miña memoria. Algúns dos seus contos sorprendíanme porque estaban totalmente esquecidos por min. Outros, que podía lembrar máis ou menos, sorprendíanme con aspectos formais. Por momentos parecían escritos por outra persoa. Hai que ter en conta que son contos escritos entre os 16 e os 20 anos. Unha cousa que tamén me sorprendeu é que de min sempre dixeron que cultivei o microrrelato dende os anos oitenta. É un subxénero no que sempre me sentín cómodo pola súa proximidade á prosa poética. Pero a realidade, recuperando este libro adolescente, é que xa escribía microrrelato moito antes. Por exemplo, os primeiros relatos que aparecen no libro son Un can para a creación dun mundo ou Inciso do Che Guevara e son relatos de menos dunha páxina. Son relatos verdadeiramente moi breves. Logo hai outros textos máis extensos que forman o que chamei Ciclo de Ión, que ten como protagonista un ente astral chamado Ión, que é unha personaxe mitolóxica. Son relatos máis extensos que buscan crear universos con compoñentes fantásticos e con clara influencia dos contos de Poe, Lovecraft, Borges e Cortázar, que lía por aquela época. Finalmente, hai outros contos referidos á Guerra Civil, a posguerra e a transición que escribín nos tempos nos que fun estudar a Santiago, entre os 18 e 20 anos. Son contos máis de mozo, dun mozo que tiña ideas revolucionarias absolutamente antifascistas e que tiña un espírito libertario.

A memoria histórica é un elemento destacado dentro da súa obra. É un asunto moi presente na literatura galega e que se tratou de moitas formas. É un tema que hai que seguir tratando pero, se cadra, dende outras perspectivas?

Para min a memoria histórica foi sempre memoria viva, xa que son fillo de pai represaliado e movinme sempre nese ámbito. Eu non cheguei á memoria histórica dende o partidismo político nin tomei unha decisión literaria para tratar ese tema. Non foi que eu elixise o tema da Guerra Civil como campo de investigación ou como musa literaria. Realmente a Guerra Civil escolleume a min, porque son fillo dun represaliado e crieime en tempos da ditadura franquista. Non podía ser alleo a esa preocupación. Neste libro rescato, como xa dixen, relatos da miña adolescencia que demostran o meu interese por este tema. Para min a memoria histórica nunca foi unha moda, foi un modo e un tema que forma parte de min, de Galicia e de todos os países que padeceron o fascismo. É un tema que se tratará toda a vida como se trata, por exemplo, a II Guerra Mundial. Forma parte da nosa historia e do noso ADN.

O espírito libertario é unha actitude que debemos recuperar nestes tempos de crise nos que caen paus por todas partes?

O fundamental é non perder nunca o espírito de loita nin perder a esperanza, porque nunca choveu que non escampase. Aquí hai unha crise económica verdadeiramente pavorosa que está a ser utilizada contra a cidadanía de forma demagóxica. Esa crise non é peor, nin moito menos, que o fascismo ou que a Segunda Guerra Mundial. Saíuse daquilo e disto tamén sairemos. Hai que partir desa base e hai que idear novas estratexias; hai que ter novas tácticas para os problemas novos. Do mesmo xeito que loitamos contra o fascismo político, hai que loitar contra o fascismo económico. O que vivimos é outra forma de fascismo que, por fortuna, non usa os mesmos mecanismos violentos dende o punto de vista xenocida, pero que provoca unha submisión bastante semellante. Eu creo no xénero humano e creo que a escravitude da Idade Antiga foi superada na Idade Media coa servidume. Despois na Idade Moderna, superamos a servidume coa explotación capitalista. Tamén iso será superado nunha fase de liberación futura. Naturalmente é unha utopía, pero a utopía non é máis que unha realidade prefutura. De feito, o tema de utopía é un dos temas dun dos meus libros de contos, Meta-relatos. Esa obra trata de deconstruír o discurso dominante, que é o discurso do poder.

Se falamos de Galicia, hai un discurso de poder belixerante coa lingua e a cultura do país. Estes días escoitamos, na boca da concelleira de Cultura da Coruña, unha frase que, quizais, resume un discurso de poder moi claro: hai actividades culturais "demasiado galegos". O espírito libertario pódenos valer para superar este discurso?

Evidentemente hai que superar estes discurso porque é unha forma de autoodio racista. Non podemos opoñer o galego ao universal. O universal é universal porque inclúe o galego. O galego non nega o universal, porque forma parte del. Iso foi unha gran tradición do galeguismo, que foi esencialmente universalista. Penso que o mellor do galeguismo foi o universalismo, porque o Partido Galeguista vía en Galicia unha célula de universalidade. Opoñer unha cousa e outra é mostra de ignorancia. Seremos universais se non renunciamos a ser galegos. Do mesmo xeito que seremos galegos se non renunciamos a ser universais. Neste volume que veño de presentar na Coruña hai todo un libro, Os paraísos eróticos, que está escrito fóra de Galicia. Vivín en Nova York e en Bretaña e viaxei por outros lugares con estancias de traballo. A maioría dos contos dese libro están escritos neses lugares, pero todos están escritos en galego. Aínda que eu estea fóra de Galicia, no mundo, estou nese mundo como galego. Non podo evitalo.

Por que non escribe unha novela longa? Prefire a narrativa breve por estar máis próxima á prosa poética?

Eu o que busco na vida -e tamén na miña obra- é a intensidade. Ese é o motivo polo que me dediquei principalmente á poesía, porque a poesía é un flash, unha epifanía. Nuns poucos versos pódese dicir todo con moita intensidade. A narrativa breve ten iso tamén, permite ser intenso dende o principio até o final. Por iso fago microrrelato, que xa o fixen de forma inocente e espontánea na adolescencia. Permíteme máis intensidade. A novela, por definición, non pode ser máis intensa. Ten que ter partes nas que debe decaer a intensidade. Na novela hai que definir momentos moi triviais. A novela é un xénero moi interesante ao que non se lle pode restar méritos, pero non pode manter a intensidade continuamente. Nin sequera os grandes autores poden manter esa intensidade, teñen que pararse nos feitos máis triviais e nas descricións máis particulares.


XORNAL DE GALICIA