O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

13 de xan. de 2012

Alberte Momán regresa á poesía cunha obra sobre as relacións cotiás


Aínda que a súa profesión sexa a de enxeñeiro técnico agrícola, Alberte Momán (Ferrol, 1976), é escritor. Agora acaba de publicar “Os quilómetros que percorremos dende aquela” (Toxosoutos) unha indagación nos conflitos íntimos estruturada en tres partes que conforman tres relacións sentimentais e humanas. Unha poetización da existencia cotiá sobre a que Momán sinala: “Non se trata de poesía erótica, como se ten sinalado atendendo á miña traxectoria. O libro fala das relacións humanas con tres persoas, e nesas relacións hai erotismo, do que falo como un elemento cercano á existencia, pero tamén doutros elementos de calquera parella ao longo do día común, como o traballo, que tanta influencia ten sobre as persoas”.
En canto ao estilo, Momán asume unha forte carga visual na súa poesía e neste “Os quilómetros que percorremos dende aquela”. Así, na última parte ten moita influencia a película “In the mood for love”, do director Wong Kar-Wai, a través do seu protagonista Su Liz-Hen. “Creo que as referencias visuais son comúns a moitos autores contemporáneos. Eu pretendo crear imaxes suxerentes, comprensibles para calquera lector amais da referencia e paralelismo a unha obra concreta como, neste caso, ‘In the mood for love’, que ten bastante peso na terceira parte do libro”.
Ao tratarse de relacións persoais podería pensarse que o poeta ferrolán fala en clave autobiográfica, algo que el nega. “Na literatura mestúrase o que é real e o que é fición. Ista non é unha narración histórica”.
Alberte Momán respira literatura. Esparexida pola súa obra figuran libros e colaboracións en numerosos libros e revistas, sen perder o contacto coa súa terra. “Procuro colaborar coa revista Atenea, do Ateneo Ferrolán”, avisa como xeito de manter as súas raíces. No eido literario continúa a traballar dentro colectivo “A porta verde do sétimo andar”, que fai recitais e actividades por vilas e cidades galegas, e incluso hai pouco visitou Madrid. “O colectivo ten a faceta editorial: os Q de Vián Cadernos. Trátase dun proxecto do colectivo que busca incidir na visibilidade da produción artística galega. Esta colección nace con afán de continuidade. Xa saíron traballos de Rosa Enríquez, Kiko Neves ou unha obra miña e de Alba Méndez sobre Rosalía de Castro, entre outros traballos. Resulta estimulante dar a coñecer novas propostas”.

Imaxinación > En canto ao futuro, Momán agarda presentar “Os quilómetros que percorremos dende aquela” en Ferrol, quizais o mes próximo. Xa, ao longo do ano, sairá o seu regreso á narrativa. “Trátase dun libro de relatos breves que sairá en Sotelo Blanco. Son historias moi breves, moi pouco descritivas e que piden a intervención do lector, da súa imaxinación. Son historias que tratan de suxerir máis que describir, algo que me gusta máis”, confesa.