O que hai un tempo se vía polas fírgoas vencelladas a unha casa editora esmorece para abrir unha ventá aos comentarios sobre temas culturais. Unha nova xeira agroma para este espazo. Co agradecemento aos lectores, sempre.

4 de maio de 2012

Grande aceptación de PALLAREGA, de Marcelino F. Mallo onte n' A Coruña


Cando un remata un libro, é como se o desinchasen, como se lle quitasen o ar que ata entón lle permitía vivir, incluso voar. Con Pallarega esta sorte de “síndrome” manifestouse en toda a súa magnitude. Durante semanas, pensei que o esforzo non pagaba a pena. Pero mentres eu me mantiña en tal hibernación emocional, o mundo seguía movéndose. E unha reportaxe amosaba un novo oficio que xurdira no Xapón tralo arrepiante terremoto con tsunami que sufriu este país hai dous anos. Son os reparadores da memoria, aqueles que van remexendo entre os refugallos das vilas e os cascallos das vivendas para atopar calquera rastro de imaxe identificable. Recompilan fotografías, sométenas a un proceso de restauración e ofrécenas ós damnificados. 
Daquela entendín que unha fotografía, igual ca unha novela, non eran senón testemuñas do pasado. Tamén a fición, si, pois a súa semente se atopa sempre na memoria. E nun pasado que dá orixe, e así pois explica, o presente. Un pasado que no caso de Pallarega se concentra na xeración dos nosos pais, esa sociedade admirable nacida entre os anos 20 e 30, que houberon medrar e, por tanto, formarse nunha contorna mutilante e dogmática, unha contorna dirixida a crear seres submisos e babecos, ignorantes e parviolos, incapaces de decidir por si mesmos e de explotar calquera sinal de talento que agochasen no seu interior. Iso fan as ditaduras ao cabo. Pois ben, esa xeración en Galicia, posiblemente noutras partes de España, demostrou unha valentía, unha capacidade de loita e resistencia, unha habilidade para o emprendemento, unha flexibilidade, unha iniciativa e un talento, que xa lles gustaría á xeración que a seguiu. Esta posiblemente sexa a razón última da existencia de Pallarega.