O día 15 celebrouse na cidade de Vigo a Noite da Edición e, na rolda de recoñecementos programados, houbo un centrado nos 25 anos que cumpre o selo noiés Toxosoutos. Non puiden asistir a eses actos, e ben que o sinto pois gustaríame darlle os parabéns a David G. Couso como cabeza visible de Toxosoutos.
A editora posúe unha traxectoria relevante no panorama da edición en lingua galega e, persoalmente, como lector e crítico literario, só podo agradecer, por unha banda, a xenerosidade e a comprensión que a editorial amosou co meu traballo interpretativo e, pola outra, a achega que este selo veu realizando, e realiza, cara ao noso sistema literario. Esta advírtese, loxicamente, no catálogo vivo, diversificado e amplo que tras vinte e cinco anos ofrece e que exhibe unha aposta cada día máis xeneralista, pero que afonda na defensa e promoción de xéneros un tanto desatendidos ou de comercialización difícil como son a poesía, o ensaio ou o teatro.
Toxosoutos, ademais, incorporou títulos que foron indiscutibles éxitos de crítica e lectorado, a carón doutros que non gozaron desa sorte mais que son precisos, sen dúbida, para axudar a soster ese edificio que son as letras galegas do noso tempo e que, entre todos e todas, construímos con ilusión e esforzo. Beizóns para Toxosoutos.
©Ramón Nicolás